Tribunal de Xustiza da Unión Europea
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) é unha Institución da Unión Europea (UE) á que está encomendada a potestade xurisdicional ou poder xudicial na Unión. A súa misión é interpretar e aplicar o Dereito da Unión Europea, e caracterízase pola súa natureza orgánica composta e o seu funcionamento e autoridade supranacionais. Até a entrada en vigor, o 1 de decembro de 2009, do Tratado de Lisboa a súa denominación era a de «Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas».
Este artigo ou sección precisa dunha revisión do formato que siga o libro de estilo da Galipedia. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
Tribunal de Xustiza da Unión Europea | |
---|---|
Información xeral |
Tribunal de
Xustiza da Unión Europea | |
Establecido en | 1952 (TXCE) / 2009 (TXUE) |
Tipo | Institución da UE |
Sede | Luxemburgo |
Órganos | Tribunal de Xustiza(TXUE) |
Presidente | Koen Lenaerts |
Sitio web | www.curia.europa.eu |
Na Institución conviven dous órganos necesarios: o Tribunal de Xustiza (TXUE) e un Tribunal Xeral (TX), creado en 1989. O Tratado de Lisboa permite tamén a creación dos chamados Tribunais especializados, que coñecen en primeira ou única instancia de materias concretas. Nese sentido, existiu un Tribunal da Función Pública, creado en 2005, que operou até 2016, momento en que as súas competencias reverteron ao Tribunal Xeral.
As sentenzas do TXUE e do TX teñen carácter vinculante nos Estados membros. Como xa se expuxo en prontas sentenzas (Costa vs. ENEL): o Tribunal de Xustiza da Unión Europea é o garante dun ordenamento xurídico propio que se ve asistido e aplicado tamén polos sistemas xurídicos nacionais.
O TXUE ten a súa sede en Luxemburgo, diferenciándose doutras institucións da Unión, como o Parlamento Europeo ou a Comisión Europea, que están situados nas cidades de Estrasburgo e Bruxelas, respectivamente.
O Tribunal acepta recursos de particulares e de Estados. Encárgase de comprobar a compatibilidade dos actos das institucións europeas e gobernos coas fontes do Dereito da UE. Tamén pode pronunciarse, a petición dun tribunal nacional, sobre a interpretación ou validez das disposicións do Dereito da Unión, mediante a chamada «cuestión prexudicial». Coa desaparición da Comunidade Europea e a súa substitución pola Unión Europea, operada polo Tratado de Lisboa, a expresión «Dereito comunitario» xa non ten sentido, substituíndose por «Dereito da Unión Europea». Tamén coñece do «recurso de anulación», no que controla a legalidade dos actos do Parlamento e Consello, así como os da Comisión que non sexan recomendacións e ditames. Igualmente coñece do «recurso por omisión», que é unha especie de recurso contra a inactividade dunha institución previamente requirida para que actúe (véxase infra, Xurisdición e procedementos).