Vehículo aéreo non tripulado
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un vehículo aéreo non tripulado ou UAV (siglas do inglés unmanned aerial vehicle) é un tipo de aeronave sen persoas a bordo, deseñado para cumprir tarefas de carácter civil ou militar, controlado por un humano a distancia ou cun certo grao de autonomía. Hainos de moitos tipos e formas, e teñen un grande abano de aplicacións, pero xeralmente son empregados en traballos repetitivos, de transporte ou de traballo en lugares perigosos, onde os humanos non poderían facer o traballo con seguridade.[1]
Os UAV son a versión aérea dos vehículos terrestres non tripulados ou UGV (unmanned ground vehicle) e dos vehículos mariños ou submarinos non tripulados, USV (unmanned surface vehicle) e UUV (unmanned underwater vehicle), respectivamente.
Popularmente chámanse drons,[2][3] pero tecnicamente non son o mesmo, xa que o dron é un tipo concreto de vehículo aéreo non tripulado, autónomo ou semiautónomo. Académica e militarmente, o termo UAV é o predominante, e dende a Forza Aérea dos Estados Unidos de América inténtase reducir o uso do termo drone (gal. "dron") como denominador dos UAV militares, porque dá a sensación de que son vehículos completamente autónomos, cando realmente son controlados por humanos.[4]