Victor Hugo
Poeta e escritor de Francia / From Wikipedia, the free encyclopedia
Victor Marie Hugo /viktɔʁ maʁi yɡo/ —inscrición completa na súa acta de nacemento: Victor, Marie Hugo—[n 1] , nado en Besançon o 26 de febreiro de 1802 e finado en París o 22 de maio de 1885, foi un dos máis importantes escritores do romanticismo en francés e a miúdo é identificado como un dos mellores poetas franceses. Tamén foi un político e intelectual comprometido e influente na historia do seu país e da literatura do século XIX.[1] Era irmán dos tamén escritores Eugène Hugo e Abel Hugo.
Ocupa un posto notable na historia das letras francesas do século XIX nunha gran variedade de xéneros e ámbitos.[2][3] Foi un poeta lírico, con obras como Odes et Ballades (1826), Les Feuilles d’automne (1832) ou Les Contemplations (1856), poeta comprometido contra Napoleón III en Les Châtiments (1853) e poeta épico en La Légende des siècle (1859 e 1877). Foi tamén un novelista popular e de grande éxito con obras como Notre-Dame de Paris (1831) ou Les misérables (1862). En teatro expuxo a súa teoría do drama romántico na introdución de Cromwell (1827),[4] e ilústraa principalmente con Hernani (1830) e Ruy Blas (1838).
A súa extensa obra inclúe tamén discursos políticos na Cámara dos Pares, na Asemblea Constituente e na Asemblea Lexislativa -especialmente sobre temas como a pena de morte, a educación ou Europa-, crónicas de viaxes -Le Rhin (1842) ou Choses vues, (póstuma 1887 e 1890)?, así como unha abundante correspondencia.
Contribuíu de forma notable á renovación lírica e teatral da época; foi admirado polos seus contemporáneos e aínda o é hoxe en día, aínda que certos autores modernos considerano un escritor controvertido.[5] A súa implicación política, que lle supuxo unha condena ao exilio durante os vinte anos do Segundo Imperio Francés (1852-1870), permitiu a posteriores xeracións de escritores unha reflexión sobre a implicación e o compromiso dos escritores na vida política e social.
As súas opinións, á vez morais e políticas,[6] e a súa obra excepcional, converterono nun personaxe emblemático a quen a Terceira República honrou á súa morte cun funeral de Estado, celebrado o 1 de xuño de 1885 e ao que asistiron máis de dous millóns de persoas, e coa inhumación dos seus restos no Panteón de París.