Western blot
From Wikipedia, the free encyclopedia
O western blot (ás veces chamado inmunoblot de proteínas ou transferencia western) é unha técnica analítica moi utilizada para detectar proteínas específicas nunha mostra de homoxenado de tecidos ou extracto. Utiliza electroforese en xel para separar as proteínas nativas pola súa estrutura tridimensional ou proteínas desnaturalizadas pola lonxitude da súa cadea polipeptídica. As proteínas son despois transferidas a unha membrana (tipicamente de nitrocelulosa ou PVDF), polo que é unha técnica de blotting ou transferencia. Unha vez na membrana son marcadas con anticorpos específicos para a proteína diana.[1][2] O paso de electroforese en xel está incluído nas análises de western blot para resolver o problema da reactividade cruzada dos anticorpos.
Hai moitas empresas fornecedoras de reactivos que se especializan en proporcionar anticorpos (monoclonais e policlonais) contra decenas de miles de proteínas diferentes. Os anticorpos comerciais poden ser caros, aínda que o anticorpo non unido pode ser reutilizado en distintos experimentos. Este método úsase nos campos da bioloxía molecular, inmunoxenética e outras disciplinas da bioloxía molecular. Disponse de varios motores de busca, como CiteAb, Antibodypedia, e SeekProducts, que poden axudar aos investigadores a encontrar os anticorpos axeitados para o seu uso no western blot.
Outras técnicas relacionadas son a análise dot blot, a inmunohistoquímica e a inmunocitoquímica, onde se usan anticorpos para detectar proteínas en tecidos e células por inmunomarcaxe, e ensaio inmunoabsorbente de encima ligado (ELISA).
O método orixinouse no laboratorio de Harry Towbin no Friedrich Miescher Institute, en Suíza.[1] O nome western blot deullo a esta técnica W. Neal Burnette[3] facendo un xogo de palabras coa técnica coñecida anteriormente Southern blot e cos puntos cardinais xeográficos, a cal é unha técnica para a detección de ADN desenvolvida por Edwin Southern (o nome procede do seu apelido, polo que Southern blot se escribe con maiúscula). A detección de ARN denomínase northern blot e foi desenvolvida por George Stark na Universidade Stanford, en California.[4] O western blot non é necesario escribilo con maiúscula, xa que non procede dun apelido, pero moitas veces aparece escrito con maiúscula por analoxía coa técnica Southern.