Xapón
país insular situado no Extremo Oriente asiático / From Wikipedia, the free encyclopedia
Este artigo amosa escritos xaponeses. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros. |
O Xapón[1] (en xaponés: 日本 Nihon ou Nippon; oficialmente 日本国, Nihon-koku Nippon-koku, literalmente: "Estado do Xapón") é un país insular situado no Extremo Oriente asiático. Circundado polo leste polo océano Pacífico e polo oeste polo mar do Xapón, ao oeste está a China, Corea do Norte, Corea do Sur e Rusia, estendéndose dende o mar de Okhotsk ao norte, até o mar da China Oriental e Taiwán ao sur. Os caracteres que compoñen o nome do Xapón significan 'sol orixe', polo que o país é chamado ás veces a "Terra do Sol Nacente".
O país nipón é un arquipélago estratovolcánico composto por 6 852 illas. As catro maiores e principais illas son Honshu, Hokkaido, Kyūshū e Shikoku, que en conxunto constitúen aproximadamente o 97% da superficie terrestre nacional. O Xapón é ademais o décimo país máis poboado do mundo, con máis de 127 millóns de habitantes. Na súa capital Toquio residen máis de 9 millóns de persoas,[2] sendo a sexta cidade con maior poboación do mundo,[3] e a súa área metropolitana é a concentración urbana maior do mundo, con máis de 36 millóns de habitantes.[4]
Investigacións arqueolóxicas indican que as illas estaban habitadas xa no Paleolítico superior, aínda que non hai ningunha referencia escrita que fale do Xapón até o século I. A historia do Xapón caracterízase pola influencia doutras rexións, principalmente a China e posteriormente a Europa occidental. Dende o século XII até o ano 1868 o Xapón foi gobernado por sucesivas ditaduras militares feudais (shogunatos) en nome do emperador. Este longo período de illamento no que estaba somerxido non terminou até o ano 1853 cando unha frota dos Estados Unidos exerceu a presión para forzar a apertura do país a Occidente. Logo de case dúas décadas de conflito interno e insurrección, o emperador Meiji foi restituído como xefe de Estado en 1868. Este proclamou o Imperio do Xapón e converteuse no símbolo divino da nación. A finais do século XIX e comezos do XX, unha serie de vitorias na primeira guerra sino-xaponesa, na guerra ruso-xaponesa e na primeira guerra mundial permitiron ampliar o territorio do Imperio durante un período de crecente militarismo. A segunda guerra sino-xaponesa de 1937 espallouse ata formar parte da segunda guerra mundial no 1941, rematando no 1945 tralo bombardeo atómico de Hiroshima e Nagasaki. Dende a adopción da Constitución revisada de 1947, o Xapón mantén unha monarquía constitucional unitaria, cun emperador (Tennō) e un parlamento democrático chamado Kokkai, no sistema coñecido como Dieta do Xapón.
Xapón é membro das Nacións Unidas, do G7, do G8 e do G20, e está considerado unha das principais potencias mundiais.[5][6][7] No 2015 era o terceiro país do mundo por PIB nominal e o cuarto por PIB de paridade de poder adquisitivo, así como o cuarto maior exportador e importador mundial. Aínda que o Xapón renunciou oficialmente ao seu dereito a declarar a guerra, mantén unha forza militar moderna usada para funcións de autodefensa e mantemento da paz, cuns dos maiores orzamentos mundiais. É un país desenvolvido cun alto nivel de vida e un Índice de Desenvolvemento Humano alto, coa maior esperanza de vida e a terceira menor mortalidade infantil do mundo, na primeira posición en canto a número de premiados co Nobel de Asia.[8] É o primeiro país no Global Competitiveness Report de 2015-2016[9][10] e o primeiro país asiático no Índice Global de Paz.[11] Foi tamén o primeiro país de Asia anfitrión duns Xogos Olímpicos de verán e inverno.