Xerador termoeléctrico de radioisótopos
xerador que converte o calor liberado polo decaemento radioactivo en electricidade mediante efecto Seebeck / From Wikipedia, the free encyclopedia
Un xerador termoeléctrico de radioisótopos ou RTG polas súas siglas en inglés (Radioisotope thermoelectric generator) é un tipo de batería nuclear que usa un conxunto de termopares para converter o calor procedente do decaemento dun material radioactivo en electricidade mediante o efecto Seebeck. Este tipo de xerador non ten partes móbiles e non necesita enerxía solar, polo que son ideais para producir enerxía en lugares afastados durante longos períodos de tempo. Ao non ter partes móbiles redúcese tamén o risco de avaría.
Os RTG son a fonte de enerxía máis adecuada para situacións onde non pode haber mantemento e se necesitan só uns poucos centos de vatios de potencia para duracións demasiado longas como para usar células de combustible, baterías ou xeradores e en lugares onde as células solares non son prácticas. Os RTG usáronse como fonte de enerxía en satélites, sondas espaciais e instalacións non habitadas como algúns faros construídos pola Unión Soviética no círculo ártico.
O uso seguro dos RTG implica a contención dos radioisótopos despois do tempo de vida útil do xerador. O alto custo dos RTG fai que se usen só en aplicacións moi concretas ou especiais.