Xigantes (mitoloxía grega)
fillos de Gaia e Urano na mitoloxía grega, que se rebelaron contra os deuses e tentaron ocupar o Olimpo / From Wikipedia, the free encyclopedia
Na mitoloxía grega e romana, os xigantes (en grego: Γίγαντες, Gígantes, en singular: Γίγας, Gígas) foron unha raza fantástica de gran forza e agresividade. Protagonizaron a Xigantomaquia, a batalla que tiveron contra os deuses olímpicos.[2] Segundo Hesíodo, os xigantes eran descendentes de Xea (a Terra), nados do sangue que caeu cando Urano (o Ceo) foi castrado polo seu fillo, o titán Cronos [3].
"Pois cantas gotas de sangue desprenderon, recolleunas todas Xea e, transcorrido o tempo, deu a luz ás poderosas Erinias, ós grandes Xigantes, resplandecentes co brillo das súas armas, con longas lanzas nas súas mans, e ás Ninfas que chaman Melias na inmensa terra" [4].(Hesíodo: Teogonía 183-188)
Xea enxendrou ós Xigantes para vingar ós Titáns, tamén fillos seus, que foran encerrados no Tártaro por Zeus trala Titanomaquia.
O número de Xigantes estímase en 24 [5], aínda que os diferentes mitógrafos discordan nas cifras que dan. Tampouco coinciden os nomes que proporcionan. Pseudo-Apolodoro só menciona 13 nomes pero engade que había máis: "ó resto exterminouno Zeus fulminándoos cos raios" [6]. Hixino dá unha lista de 23, entre os que inclúe algúns que nada teñen que ver cos xigantes do mito, a outros están marcados como dubidosos [7].
Cómpre advertir que hai moitos máis personaxes mitolóxicos descritos como xigantes (por exemplo, Xerión, Tifón ou Atreo). Grimal atribúe a adición destes xigantes, propia de tradicións máis modernas, a unha inclusión abusiva dos mitógrafos de seres xigantescos, de gran forza, ou mesmo monstruosos, pero que non pertencen á raza dos Xigantes fillos de Xea e do sangue de Urano [8].