Rei de Aragón From Wikipedia, the free encyclopedia
Xoán II de Aragón, o Grande, nado en Medina del Campo, Castela o 29 de xuño de 1398 e finado en Barcelona o 20 de xaneiro de 1479, foi duque de Peñafiel, rei de Navarra (1425 - 1479) e rei de Aragón, de Mallorca, de Valencia, de Sardeña e de Sicilia (1458 - 1479), fillo de Fernando I de Antequera e de Leonor Urraca de Castela, condes de Alburquerque. Xoán II foi un dos monarcas máis lonxevos do século XV.
De 1415 a 1416 representou ao seu pai no goberno de Sicilia e Sardeña como lugartenente xeneral. De regreso a España axudou ao seu irmán máis vello, Afonso V o Magnánimo, nos problemas habidos en Castela con Álvaro de Luna, valido do seu primo o rei castelán Xoán II.
En 1419 contraeu matrimonio con Branca, filla do rei navarro Carlos III o Nobre, e viúva de Martín o Mozo.
Á morte de Carlos III en 1425, a súa filla Branca e o infante Xoán foron proclamados conxuntamente reis de Navarra. Nese mesmo ano, o día 29 de novembro foi investido conde de Ribagorza en Valencia.[1]
No verán de 1429, para favorecer os intereses dos seus irmáns os Infantes de Aragón, Xoán invadiu Castela polo val do Henares. Cando ía suscitar batalla preto de Jadraque, a intervención da súa irmá María, esposa de Xoán II de Castela, determinou o fin da expedición e, a longo prazo, a perda daquela guerra ao ano seguinte.
Xoán viviu alleo aos asuntos de Navarra, gobernada pola súa esposa, e mantívose entregado plenamente aos asuntos aragoneses e aos seus intereses en Castela. Así, e para axudar ao seu irmán o rei de Aragón, Afonso V, participou na fracasada campaña pola conquista de Nápoles en 1435. Aquela expedición deu pé a unha obra satírica do marqués de Santillana, La comedieta de Ponza.
Anos despois, enfrontado de novo co seu primo e cuñado o rei Xoán II e co seu valido don Álvaro de Luna, entrou en guerra contra Castela. Tomou Atienza e Torija, pero foi derrotado en 1445 na batalla de Olmedo, coa que se puxo fin ao influxo aragonés nos asuntos casteláns.
Á morte de Branca de Navarra en 1441, Xoán casou en segundas nupcias (1445) con Xoana Enríquez, filla de Fadrique Enríquez, Almirante de Castela, e rival político de Álvaro de Luna. A súbita irrupción política de Xoán en Navarra motivou o enfrontamento entre o rei e o seu fillo primoxénito Carlos de Viana, froito do seu matrimonio coa falecida raíña Branca. En efecto, Xoán aproveitouse do testamento da súa esposa polo que o seu fillo, que como príncipe de Viana era o lexítimo herdeiro, non debía asumir o título real sen o seu consentimento, asumindo só a lugartenencia do Reino.[2] Isto provocou un forte descontento en Navarra, que levou á guerra civil en 1451.
O descontento de Carlos de Viana e as cada vez máis graves diferenzas co seu pai, desembocaron nunha guerra civil entre os beamonteses, partidarios de Carlos, e os agramonteses, defensores da causa de Xoán. Ambos se enfrontaron o 23 de outubro de 1451 na batalla de Aibar, onde Carlos foi derrotado e feito prisioneiro xunto ao seu condestable Lois de Beaumont. Xoana Enríquez, en avanzado estado de xestación, abandonou Estella e trasladouse a Sos (Aragón), onde deu a luz ao seu fillo Fernando. Decidida a que o seu fillo fose o futuro rei de Aragón, mostrou toda a súa aversión cara a Carlos, que foi declarado polo seu pai, xunto á súa irmá Branca, como "inhábiles e indignos da sucesión (...)" para ostentar o goberno. O príncipe de Viana, unha vez liberado trala Concordia de Valladolid, e a petición das Cortes de Lleida, marchou a Nápoles en busca da protección do seu tío Afonso V, que obrigou ao seu irmán a anular o desherdamento.
En 1454, Xoán II, foi nomeado polo seu irmán Afonso V lugartenente de Aragón e Cataluña, mentres este gobernaba o reino desde o sur de Italia e Sicilia. En Cataluña, en concreto, o novo lugartenente mostrouse partidario de apoiar aos grupos menos favorecidos, os campesiños e os menestreis, dado que estes sectores da poboación compartían inimigos coa súa autoridade: os nobres laicos e eclesiásticos e os altos oligarcas urbanos que controlaban as institucións e discutían o poder real.[3]
Catro anos máis tarde produciuse a morte de Afonso, quen carecía de herdeiros directos e Xoán sucedeulle no trono de Aragón, aínda que se viu obrigado a entregar ao seu fillo Carlos o goberno de Cataluña. O 25 de xullo de 1458 outorgou ao seu fillo Fernando o título de duque de Montblanc e de conde de Ribagorza co señorío da cidade de Balaguer.[4]
En 1460, Carlos de Viana é arrestado por orde do seu pai, o cal foi aproveitado polos sectores contrarios ao poder real para iniciar un conflito civil en terras catalás. A Biga, as oligarquías urbanas, a nobreza e unha gran parte da xerarquía eclesiástica catalá alzáronse contra o monarca.[5] As Cortes, reunidas en Lleida en 1460, pediron a Xoán II que liberase ao seu fillo e obrigáronlle a acatar en 1461 a Capitulación de Villafranca do Penedés, onde se lle prohibiu entrar en Cataluña sen permiso das institucións locais e limitábase notablemente a súa autoridade real (a xefatura administrativa e o poder executivo -en ausencia do soberano- quedarían en mans de Carlos de Viana, aínda que na práctica quen gobernaría sería a Xeneralidade). En 1461, o monarca recoñece abertamente a lexitimidade do seu primoxénito, pero dunha forma ambigua que se presta a posibles revogacións.[6]
Carlos morre o 23 de setembro de 1461 a consecuencia dunha enfermidade pulmonar (ou envelenamento, como se chegou a especular, sinalando á súa madrasta Xoana Enríquez). Trala súa morte, a situación mantívose, con Xoán II afastado, a autoridade teórica residindo no novo herdeiro á coroa, Fernando, e a Deputación do Xeneral do Reino de Aragón gobernando. Pero a entrada do rei en Cataluña, incumprindo o pactado en Villafranca do Penedés desencadeou a guerra civil catalá, que coincidiu coa revolta do campesiñado, iniciada en febreiro de 1462 (coñecida como a revolta dos pagesos de remensa). O rei logrou manter a fidelidade de Aragón, Valencia e Sicilia fronte á revolta de Cataluña, onde se lle considerou desposuído da Coroa. En Cataluña, o bando realista estaba integrado principalmente polos campesiños, algúns mercadores e o pobo miúdo urbano (a Busca).
A comezos de 1462, o conde Gastón IV de Foix, xenro do rei aragonés, manobrou o achegamento entre o seu sogro e o rei Lois XI de Francia. A voda de Gastón de Foix, fillo do conde, con Magdalena de Francia, irmá do rei francés, posibilitaría a Lois XI someter o futuro rei de Navarra á vasalaxe do francés.[7] Neste sentido, o tratado de Olite de abril, garantiu o recoñecemento de Xoán II como rei de Navarra e de Gastón IV como o seu sucesor. A comezos de maio, os reis de Aragón e Francia entrevistáronse Sauveterre do que resultou o tratado de Baiona, polo que o rei Lois XI mandaría a Gastón IV á fronte dun exército francés para esmagar a sublevación en Cataluña, e Xoán II tivo que hipotecar Rosellón e Cerdaña como pago da débeda de 200.000 escudos para financiar o exército francés.[8][9] O Rosellón e Sardeña serían devoltos á Coroa de Aragón polo Tratado de Barcelona (1493).
O exército da Xeneralidade de Cataluña, baixo o mando de Roger Pallarés, sitiou a Xoana e ao seu fillo na súa fortaleza de Xirona. Pero a raíña soubo defenderse, durante catro meses, ata que chegaron as tropas do rei que, apoiadas por tropas francesas, obrigaron a levantar o cerco. Durante esta longa guerra os cataláns ofrecéronse a quen mellor axuda quixese ofrecerlles. O seu sobriño Henrique IV de Castela foi nomeado conde de Barcelona, pero a intervención diplomática do rei francés -que quería asegurar a vitoria realista para obter o pago á súa axuda- e a formación en Castela da Liga nobiliaria, apoiada por Xoán II de Aragón, para apartar a influencia de Beltrán de la Cueva, forzáronlle a abandonar Cataluña.[5] A mesma oferta recibiu o condestable Pedro de Portugal en 1463, pero dous anos despois este morrería a consecuencia das feridas sufridas na batalla que o infante Fernando, de trece anos, lle gañou en Calaf. Posteriormente, os cataláns repetirían a oferta a Renato de Anjou, en 1466.
Xoán II continuou o seu acoso, cego e con setenta anos, axudado polo seu fillo e en 1472 conseguiu entrar en Barcelona, obrigando aos rebeldes a renderlle obediencia. Por razóns de Estado, mostrouse clemente cos vencidos, renunciou á vinganza e concedeu o perdón. En outubro dese mesmo ano a guerra acababa coa Capitulación de Pedralbes (1472). A súa última acción militar foi o intento errado de recuperar o Rosellón e a Sardeña, territorios dos que se apoderou Lois XI durante a guerra de Cataluña a cambio do seu apoio no conflito.
En 1469, Xoán II concertou o matrimonio, celebrado ese mesmo ano en Valladolid, do seu fillo e herdeiro Fernando coa súa sobriña Isabel de Castela, (filla de Xoán II, o seu primo irmán), herdeira, pola súa banda, do trono de Castela. Dada a proximidade de parentesco entre os contraentes, tívose que empregar unha bula papal que máis tarde se comprobou falsa, aínda que logo o casamento foi ratificado e non houbo ningunha consecuencia.
A súa filla Leonor, filla do seu primeiro matrimonio, herdou o reino de Navarra e Fernando, fillo da súa segunda unión, que xa era rei consorte de Castela polo seu matrimonio con Isabel, herdou o reino de Aragón e os condados cataláns.
Morreu por causas naturais en Barcelona o 19 de xaneiro de 1479, aos 80 anos e 7 meses de idade, sendo enterrado no Mosteiro de Poblet.
Do seu primeiro matrimonio con Branca de Navarra:
Do seu segundo matrimonio con Xoana Enríquez:
Habidos fóra de matrimonio:
Predecesor: Carlos III |
Rei de Navarra (Xunto a Branca I ata 1441) 1425 - 1479 |
Sucesor: Leonor I |
Predecesor: Afonso V |
Rei de Aragón e Valencia Conde de Barcelona 1458 - 1479 |
Sucesor: Fernando II |
Predecesor: Afonso V |
Conde de Ribagorza 1422 - 1458 |
Sucesor: Fernando II |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.