Xogos Olímpicos da Antigüidade
festival atlético / From Wikipedia, the free encyclopedia
Os Xogos Olímpicos da Antigüidade eran un festival relixioso e atlético da Grecia Antiga, que se realizaba de catro en catro anos no santuario de Olimpia, en honra de Zeus. A data tradicional atribuída á primeira edición dos Xogos Olímpicos é -776[1][2].
Os Xogos Olímpicos eran os máis importantes xogos panhelénicos, tendo sido prohibidos polo emperador cristián Teodosio I en 393, por seren unha manifestación de rituais do paganismo.
Unha importante fonte sobre os xogos é Pausanias (século II), autor do libro Descrición de Grecia, unha guía de Grecia baseada nas súas viaxes polo territorio. Outra importante fonte é un tratado sobre a ximnástica de Filóstrato de Lemnos (século II-III).
A escultura e a cerámica gregas representaron non só os atletas senón tamén a propia práctica deportiva. Respecto á escultura, que tiña no bronce e no mármore os materiais predilectos, moitos traballos sobreviviron só como copias da era romana. Dalgunhas estatuas ficou apenas a base, onde se encontran gravadas inscricións relativas ao atleta, fornecedoras de información. Por último, as moedas cuñadas en determinadas polis retratan determinada modalidade deportiva na cal a cidade destacou.