Xosé I de España
político francés, rei de Nápoles (1806-1808) e rei de España (1808-1813) / From Wikipedia, the free encyclopedia
Xosé Bonaparte, coñecido tamén como Xosé I Bonaparte ou Xosé Napoleón I,[1][2][3][4][5] nado o 7 de xaneiro de 1768 en Corte (Córsega, daquela na República de Xénova) e finado o 28 de xullo de 1844 en Florencia (Gran Ducado de Toscana), foi un político, diplomático e avogado francés, irmán máis vello de Napoleón Bonaparte, deputado por Córsega no Consello dos Cincocentos (1797-1799) e secretario do mesmo, e novamente no Corpo Lexislativo (1799-1800), ministro plenipotenciario e membro do Consello de Estado (1800-1804), Príncipe e Gran Elector do Primeiro Imperio Francés (1804-1806), rei de Nápoles e Siclia entre o 30 de marzo de 1806 e o 5 de xullo de 1808 co nome de Xosé I e rei de España e das Indias entre o 6 de xuño de 1808 e o 11 de decembro de 1813 co nome de Xosé I, e tenente xeneral do Imperio francés (1814).
Xosé I de España | |
---|---|
Rei de España e das Indias | |
Retrato del rey José I, por Joseph Flaugier (c. 1809) | |
Reinado | 6 de xuño de 1808 11 de decembro de 1813 |
Nome completo | Giuseppe Napoleone Buonaparte |
Outros títulos |
|
Nacemento | 7 de xaneiro de 1768 Corte, Córsega, República de Xénova |
Falecemento | 28 de xullo de 1844 (76 anos) Florencia, Gran Ducado de Toscana |
Sepultura | Os Inválidos, París, Francia |
Predecesor | Fernando VII |
Sucesor | Fernando VII |
Consorte | Xulia Clary |
Descendencia |
|
Casa real | Casa de Bonaparte |
Armas de Xosé I de España | |
Na rede | |
En España, a súa proclamación como monarca foi precipitada polo incremento da violencia que seguiu ao episodio do Levantamento do 2 de maio e culminou nun período de convulsións e intrigas políticas instigadas pola estratexia do emperador Napoleón I para obter a abdicación do trono da dinastía reinante de Carlos IV de España asegurando a influencia e a primacía do Primeiro Imperio Francés e incrementando a dependencia española para cos intereses políticos, económicos e militares bonapartistas, en detrimento das súas nacións inimigas, principalmente Portugal e Gran Bretaña. Porén, lonxe de obter unha lexitimación ante a maioría da opinión pública e de frear a dinámica do enfrontamento armado, esta proclamación foi rexeitada polos órganos de poder autóctonos como o Consello de Castela e a Xunta Suprema Central e, máis adiante, polas Cortes reunidas en Cádiz, decidindo a xeneralización do conflito da guerra da Independencia española. Neste contexto, o goberno de Xosé I Bonaparte, que debía distinguirse polo seu carácter reformista xurdido da Carta de Baiona, só puido exercerse nas zonas baixo o control militar do Exército imperial e, aínda que a maior parte das súas accións non puideron concretarse ante a continua hostilidade, ou foron derrogadas durante o reinado de Fernando VII de España, outras perduraron, como as melloras do urbanismo en varias cidades.
Xosé Bonaparte fundou a Gran Loxa Nacional de España e foi Gran Mestre do Grande Oriente de Francia,[6][7][8] e do Grande Oriente de Italia.[Cómpre referencia].
Foi distinguido coa Grande Aguia da Lexión de Honor.[9]
En España foi alcumado despectivamente como Pepe Botella e Pepe Plazuelas.