Fantasía
From Wikipedia, the free encyclopedia
O xénero fantástico, comunmente chamado fantasía, é un xénero artístico de ficción no cal os elementos principais do argumento son imaxinarios, irreais e sobrenaturais.
No seu sentido máis amplo, o xénero fantástico áchase presente na literatura, cine, banda deseñada, videoxogos, xogos de rol, pintura, escultura, drama e, sobre todo, na mitoloxía e relatos antigos, onde tivo a súa orixe. Caracterízase por non dar prioridade a unha representación realista que respecte as leis de funcionamento do mundo real. Nese sentido adóitase dicir que o xénero fantástico é subversivo, pois viola as normas da realidade.
Xeralmente distínguese doutras formas artísticas como a ciencia ficción, na que tamén se subverten os mecanismos de funcionamento da realidade coñecida, aducindo que a causa dos fenómenos observados en obras de corte fantástico sempre teñen que ver con forzas sobrenaturais mentres que na ciencia ficción hai causas científicas, con explicacións que buscan a racionalidade dentro da súa ruptura coa orde coñecida.