Aérospatiale SA 315B Lama
helicóptero francés desenvolvido para a India From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
O Aérospatiale SA 315B Lama é un helicóptero francés dun motor desenvolvido para cumprir os requisitos operativos en ambientes quentes e de grande altitude das Forzas Armadas da India. Combina a célula máis lixeira do Aérospatiale Alouette II cos compoñentes e o motor do Alouette III. O Lama ten un rendemento excepcional a grande altitude; o 21 de xuño de 1972 o tipo estableceu un récord de altitude absoluto para helicópteros de 12 442 metros que non sería superado ata setembro de 2017.
O helicóptero foi fabricado baixo licenza por Hindustan Aeronautics Limited (HAL) na India, coñecido como o Cheetah; HAL posteriormente desenvolveu unha versión mellorada, impulsada polo motor Turbomeca TM 333-2M2, coñecida como Cheetal. HAL tamén fabricou unha versión armada, comercializada como Lancer. O modelo tamén foi producido baixo licenza por Helibras no Brasil co nome de Gavião.
Remove ads
Deseño e desenvolvemento
O SA 315B Lama foi deseñado orixinalmente para cumprir un requirimento do Servizo Aéreo do Exército do Nepal e a Forza Aérea da India para un helicóptero capaz de relizar operacións en condicións quentes e altas. No Himalaia incluso os helicópteros medios relativamente potentes non podían operar de xeito efectivo, polo que os dous países desexaban un vehículo aéreo capaz de traballar nese ambiente desafiante.[1] Para conseguir o rendemento desexado Aérospatiale elixiu combinar elementos de dous populares helicópteros da compañía, o Aérospatiale Alouette II e o Aérospatiale Alouette III, para producir un novo aparello especializado en tarefas a grande altitude. O novo helicóptero, chamado Lama, estaba impulsado polo motor Turbomeca Artouste do Alouette III e os seus sistemas dinámicos, e equipouse cunha versión reforzada da célula do Alouette II.[1][2]

O 17 de marzo de 1969 o primeiro SA 315B, equipado cun motor Artouste IIB, realizou o seu primeiro voo.[1] O 30 de setembro de 1970 o tipo obtivo o seu certificado de aeronavegabilidade e entrou en servizo en xullo de 1971. Debido ao seu bo rendemento a grande altitude, o Lama fíxose rapidamente popular con operadores de todo o mundo, sendo frecuentemente despregado en ambientes montañosos.[1] Ao igual que a serie Alouette, o modelo podía realizar varios roles, como transporte lixeiro de pasaxeiros, tarefas agrícolas, exploración de gas e petróleo, ou loita antiincendios. Entre as tarefas das variantes militares do Lama estaba o enlace, observación, fotografía, rescate, transporte e ambulancia. O SA315B é particularmente axeitado para áreas montañosas debido ao seu rendemento e pode transportar cargas de ata 1 000 kg. En decembro de 1976 68 operadores pediran un total de 191 unidades.[3]
Un bo número de SA 315B Lama foi fabricado baixo licenza na India por Hindustan Aeronautics Limited (HAL) co nome Cheetah. Despois de tres décadas dende o inicio da produción na India, HAL aínda recibía pedidos para exportar o Cheetah orixinal. Xunto co Alouette III, o Cheetah foi un produto clave para HAL; a experiencia fabricando este modelo axudou posteriormente ao desenvolvemento de helicópteros avanzados propios como o HAL Dhruv.[4] Durante os anos 90 HAL desenvolveu un helicóptero de ataque lixeiro baseado no Cheetah, bautizado como Lancer.[5]
En 2006 HAL propuxo unha variante modernizada para o Exército da India designada como Cheetal. O principal cambio foi a adopción dun moderno e máis potente motor Turbomeca TM 333-2M2 no lugar do Artouste. Outras melloras son novos avisos de advertencia, un gravador de voces de cabina, sistema de monitorización de voo, horizonte artificial, e electrónicas modernizadas. Ese ano a Forza Aérea da India ordenou 10 Cheetal.[6][7] En febreiro de 2013 anunciouse que os exércitos da India e do Nepal asinaran un contrato duns 55 millóns de dólares para a adquisición urxente doutros 20 Cheetal.[7][8]
Remove ads
Historial operacional

O Lama foi desenvolvido especificamente para proporcionar un helicóptero cun rendemento excepcional a gran altitude. Na práctica, o tipo foi considerablemente usado en rexións que tiñan grandes cadeas montañosas, como América do Sur e India, sendo capaz de levantar cargas e despregar persoal en áreas nas que anteriormente era imposible acceder doutro xeito.[1]
En 1969 realizáronse no Himalaia unha serie de primeiros voos de demostración co SA 315B; durante un destes voos un único helicóptero con dous tripulantes e 120 kg de combustible aterrou e despois engalou na que entón era a altitude máis alta rexistrada, 7 500 m. O 21 de xuño de 1972, un Lama cun único piloto (Jean Boulet) a bordo estableceu un récord absoluto de altitude de helicópteros de 12 442 m, un récord que aínda mantiña en xuño de 2022.[9] Durante o mesmo voo, o motor do Lama apagouse no punto máis alto, que fixo que sen queres establecese tamén un récord para a autorrotación máis longa da historia, despois de que o helicóptero fose levado a unha aterraxe segura sen motor.[10][11][1] Días antes, o mesmo piloto e o mesmo aparello estableceran un récord semellante cun maior peso.[12]
Tras os récords establecidos polo helicóptero, o goberno indio fixo un gran pedido en 1971 que incluía un acordo para a produción baixo licenza indefinida do SA 315B por Hindustan Aeronautics Limited (HAL) na súa planta de Bangalore. O primeiro SA 315B montado no país realizou o seu voo de estrea o 6 de outubro de 1972, comezando as súas entregas en decembro de 1973; os helicópteros de produción india recibiron o nome de Cheetah. Operado tanto pola Forza Aérea da India como polo Corpo de Aviación do Exército da India, o Cheetah demostrou ser capaz de operar e áreas remotas e difíciles, como a montañosa rexión de Siachen, e durante tempos de conflito co veciño Paquistán.[13] Os Cheetah tamén foron operados en tarefas civís, como por exemplo como aeronave agrícola.[14]
Os Lamas fabricados por HAL tamén foron mercados por Nepal para roles militares. As vendas incluíron unha cantidade dunha variante armada, comercializada como o HAL Lancer; dos que segundo os informes entregouse un lote entre xuño de 2003 e setembro de 2004. A venda de Lancers a Nepal atopou polémica internacional debido ás acusacións de que estes helicópteros participaron en operacións de combate contra membros do Partido Comunista de Nepal durante a guerra civil nepalesa.[15]

Ademais da India, outros países participaron en actividades de produción baixo licenza. En 1978 acadouse un acordo de exportación co fabricante brasileiro Helibras, baixo o cal a compañía realizaría a montaxe doméstica do Lama. Os SA 315B producidos por Helibras comercializáronse coa designación Gavião,[16] e varios exemplares exportáronse a Bolivia.
Máis tarde, o atractivo comercial do Lama diminuíu en favor do novo Eurocopter AS350 Écureuil, que tiña menos requirimentos de mantemento e era capaz de maiores velocidades, aínda que non podía igualar o rendemento do Lama en altura.[1] O tipo permaneceu en servizo comercial ata entrado o século XXI, sendo pouco a pouco retirado xa que aínda era axeitado para as tarefas para as que estaba deseñado. Segundo Vertical Magazine, as calidades populares do Lama incluían o seu motor capaz, unha estabilidade favorable mentres flotaba, e a súa capacidade para transportar cargas útiles de forma eficaz en altitude incluso con temperaturas máximas.[1]
En 2009, debido a problemas co novo helicóptero HAL Dhruv, o exército da India aumentou o uso dos seus vellos aparellos Cheetah/Cheetal para cubrir o déficit temporal.[17] En setembro de 2012 informouse de que unha cantidade cada vez menor de pezas de recambio compatibles co Cheetah provocou que os operadores deste tipo fosen obrigados a canibalizar helicópteros para proporcionar compoñentes para outros.[18] En agosto de 2016 a No. 114 Helicopter Unit da Forza Aérea da India amosouse interesada en introducir o modernizado Cheetal como substituto dos Cheetah para a despregadura continua no glaciar Siachen.[19]
Remove ads
Variantes
SA 315B Lama
- Derivado do SE 3150, foi deseñado para operacións a grande altitude usando un motor turboeixo de 650kW Turbomeca Astazou IIIB. Esta versión aínda mantén o récord absoluto de altitude para todos os tipos de helicópteros dende 1972: 12 442 m.
- HB 315B Gaviao
- Versión brasileira construída baixo licenza do SA 315B Lama.[20]
- HAL Cheetah
- Versión india construída baixo licenza do SA 315B Lama.[20]
- HAL Lancer
- Variante armada para combate. Os cambios inclúen blindaxe composto, vidro temperado, e visor de disparo. Entre o armamento inclúense dous postos de armas desbotables, cada un deles cunha metralladora de 12,7 mm e ata tres foguetes de 70 mm.[21][22]
- HAL Cheetal
- Variante modernizada equipada co motor Turbomeca TM333-2M2. A velocidade aumentouse a 210 km/h e o alcance a 560 km.
Notas
Bibliografía
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads