CD21
From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
O CD21 (cluster de diferenciación 21), tamén chamado receptor do complemento 2 ou receptor do compoñente do complemento (3d/virus de Epstein Barr) 2 ou CR2 é unha proteína da superficie celular de certas células inmunes (fundamentalmente) que se une a certos compoñentes do sistema do complemento. Nos humanos está codificado no xene CR2 do cromosoma 1. Este receptor únese ao iC3b (derivado inactivo do C3b), C3dg, ou C3d do complemento.[1] As células B teñen receptores CR2 nas súas superficies, o que permite que o sistema de complemento xogue un papel na activación e maduración das células B.[2]
Pode encontrarse en linfocitos B maduros, linfocitos T, células do epitelio farínxeo, astrocitos e células dendríticas foliculares do bazo.[3]
Remove ads
Interaccións
O CR2 nas células B maduras forma un complexo con outras dúas proteínas de membrana, o CD19 e o CD81(=TAPA-1). O complexo CR2-CD19-CD81 chámase a miúdo complexo correceptor de células B,[4] porque o CR2 se une a antíxenos por medio do C3d (ou iC3b ou C3dg) unidos cando a IgM de membrana se une ao antíxeno. Isto dá lugar a que a célula B desenvolvan unha resposta moi ampliada ao antíxeno.[1]
O receptor do complemento 2 interacciona con CD19.[5][6]
O virus de Epstein-Barr (EBV) únese ás células B no CR2 durante a infección destas células. Yefenof et al. (1976) encontraron un completo solapamento dos receptores do EBV e os receptores do compoñente do complemento 3 (C3) en células B humanas.[2][7][8]
Remove ads
Isoformas
O xene canónico Cr2/CD21 de mamíferos subprimates produce dous tipos de receptor do complemento (CR1, ca. 200 kDa; CR2, ca. 145 kDa) por medio de empalme alternativo do ARNm. O xene murino Cr2 contén 25 exóns; un primeiro exón común empálmase co exón 2 en transcritos que codifican CR1 e co exón 9 nos que codifican CR2. Un transcrito cun marco de lectura aberto de 4224 nucleótidos codifica a isoforma longa CR1; esta predise que é unha proteína de 1408 aminoácidos que inclúe 21 repeticións consenso curtas (SCR) de ca. 60 aminoácidos cada unha, ademais de rexións transmembrana e citoplásmica. A isoforma CR2 (de 1032 aminoácidos) é codificada por un transcrito máis curto (3096 nucleótidos codificantes) que carece dos exóns 2–8 que codifican SCR1-6. CR1 e CR2 en células B murinas forman complexos cun complexo de activación coaccesorio que contén as proteínas CD19, CD81 e o fragilis/Ifitm (equivalentes murinos de LEU13).[9]
O xene CR2 de primates produce só a isoforma máis pequena CR2; o receptor do complemento 1 de primate, que recapitula moitos dos dominios estruturais e supostas funcións do CR1 derivado de Cr2 en subprimates, está codificado por un xene CR1 distinto (aparentemente derivado do xene Crry de subprimates).
As isoformas CR1 e CR2 derivadas do locus Cr2 de non-primates posúen a mesma secuencia C-terminal, de maneira que a asociación con ela e a activación por medio de CD19 debería ser equivalente. CR1 pode unirse aos complexos C4b e C3b, mentres que CR2 (murino e humano) únese a complexos unidos a C3dg. CR1, unha proteína de superficie producida principalmente polas células dendríticas foliculares, parece ser esencial para a xeración de células B debidamente activadas do centro xerminal e para as respostas de anticorpos maduros a infeccións bacterianas.[10]
Remove ads
Inmunohistoquímica
Aínda que o CR2 está presente en todas as células B maduras e células dendríticas foliculares (FDCs), este só se fai aparente cando se realiza a inmunohistoquímica en preparacións obtidas por criosección. En mostras de tecidos convencionais embebidas en parafina, soamente as células dendríticas foliculares reteñen o patrón de tinguidura. Como resultado, o CR2, chamado máis comunmente CD21 no contexto de inmunohistoquímica, pode usarse para demostrar a presenza da rede de células dendríticas foliculares en tecidos linfoides.
Esta característica pode ser útil no exame de tecidos nos que o centro xerminal normal foi borrado por procesos de doenzas, como a infección do VIH. O patrón da rede de células dendríticas foliculares pode tamén ser alterado nalgunhas condicións neoplásticas, como os linfomas MALT de células B, linfomas de células do manto, e algúns linfomas de células T. A enfermidade de Castleman está tipificada pola presenza de células dendríticas foliculares, e esta e os tumores de células dendríticas foliculares malignos poden, por tanto, ser demostrados usando anticorpos CR2/CD21.[11]
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads