Pilro groso
From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
O pilro groso[2][3][4] ou pilro gordo[5] (Calidris canutus) é unha ave limícola de tamaño mediano que cría en zonas de tundra do hemisferio norte.
Remove ads
Descrición
Do tamaño aproximado dun merlo, entre 23 e 26 cm. A envergadura das ás vai dos 47 ós 53 cm. O peso, que varía segundo a subespecie, é de entre 100 e 200 gramos. Antes da migración poden chegar a multiplicar por dous o seu peso. Ten o pescozo e as patas, que son verdes agrisadas, curtos, e o bico escuro, dereito e de tamaño medio. Fora da época de cría teñen o lombo gris cinza e a parte inferior abrancazada, con liñas grises pouco visibles no peito e nos vaos. No tempo da reprodución a parte superior do corpo é negra con manchas grises. A cara, a gorxa e o peito son vermellos coa parte inferior clara. As subespecies canutus, islandica e piersmai son máis escuras e a rufa a máis clara.
Remove ads
Distribución
Crían sobre todo na tundra en Groenlandia, Canadá, Alasca e Siberia. É unha ave migratoria de longa distancia que pasa os invernos no suroeste de África.
Subespecies e a súa distribución
Ten seis subespecies, que, ordenadas segundo o tamaño son:
- C. c. roselaari (a meirande)
- C. c. rufa
- C. c. canutus
- C. c. islandica
- C. c. rogersi
- C. c. piersmai (a máis pequena)


C. c. piersmai cría no norte de Siberia e pasa o inverno nas costas chas do noroeste de Australia, despois dunha parada no delta do río Amarelo na China. C. c. rogersi cría no noroeste de Siberia e emigra ó longo da costa chinesa ó sueste de Australia e norte de Nova Zelandia. C. c. roselaari reprodúcese no extremo norte de Alasca e pasa o inverno en Florida. Non está claro se algunhas poboacións desta subespecie emigran seguindo a costa do océano Pacífico para pasa-lo inverno na América central. C. c. rufa, que pon os ovos no noroeste do Canadá, segue a costa atlántica e, despois dunha parada no Brasil acaba a viaxe na Arxentina. C. c. islandica, que cría no norte de Groenlandia voa no inverno ó noroeste de Europa, con paradas en Islandia e poida que en Noruega. C. c. canutus ten as crías no norte de Siberia, máis ó oeste cá variedade C. c.piersmai e pasa a estación fría ó longo das costas do oeste de África.
Alimentación
Aliméntanse principalmente de moluscos que tragan enteiros, partindo a casca cos músculos da morzoa. Na época reprodutora comen vermes e artrópodos acuáticos.
Reprodución


O pilro gordo cría na tundra de Siberia, Groenlandia, Canadá e Alasca. Crían illados: os niños están separados a miúdo por quilómetros de distancia. A femia pon 3 ou 4 ovos nun furado do chan cuberto de brión. Os ovos son chocados polos dous membros da parella. Os polos deixan o niño inmediatamente e comezan a alimentarse polos seus propios medios. En canto comezan a voar, os machos adultos comezan a viaxe migratoria. As aves novas séguenos días ou semanas máis tarde en solitario.
Remove ads
Adaptación ó voo de longa distancia
O pilro gordo fai a súa viaxe migratoria en etapas que poden acadar os 5.000 km. Para poder voar esas distancias comen grandes cantidades de alimento, o que fai que poidan dobrar o seu peso antes de comeza-la viaxe. Teñen depósitos de graxa distribuídos polo corpo, dos que sacan a enerxía necesaria durante o voo. Para facer sitio para eses depósitos sen comprometer a capacidade de voo, os seus órganos internos redúcense. A morzoa aumenta e diminúe de tamaño de acordo co tipo de alimentación: cando comen moluscos de casca dura, medra, mentres que o consumo de vermes e outras presas brandas activa a redución do seu tamaño e con isto a posibilidade de aumentar o tamaño dos depósitos de graxa.
Remove ads
Nomes comúns noutras linguas
- Alemán: Knutt
- Danés: Islandsk ryle
- Finlandés: Isosirri
- Francés: Bécasseau maubèche
- Inglés: Red Knot
- Neerlandés: Kanoet
- Noruegués: Polarsnipe
- Sueco: Kustsnäppa
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads