Petrel pintado
From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
O petrel pintado[2] (Daption capense)[3] é unha ave mariña común do océano Glacial Antártico da familia Procellariidae. É o único membro do xénero Daption, e é asociado co grupo dos petreis fulmarinos e petreis xigantes (Pagodroma, Thalassoica, Fulmarus, Macronectes). Son aves mariñas extremadamente comúns que non se consideran ameazadas.

Remove ads
Taxonomía
O petrel pintado foi descrito polo naturalista sueco Carl Linné en 1758 na décima edición da súa obra Systema Naturae co nome binomial Procellaria capensis.[4] Linnaeus citou o "petrel de manchas brancas e negras" que fora descrito e ilustrado en 1747 polo naturlista inglés George Edwards no segundo volume da súa A Natural History of Uncommon Birds.[5][6] O petrel pintado é agora a única especie situada no xénero Daption, que foi creado en 1826 polo naturalista inglés James Francis Stephens.[7][8] O nome do xénero Daption é un anagrama do nome portugués "pintado" que lle daban a esta especie os navegantes debido á súa plumaxe negra e branca. O epíteto específico capense significa do Cabo de Boa Esperanza, a localidade surafricana onde se recolleu o espécime tipo.[9] A palabra petrel deriva de San Pedro e a historia na que camiñaba sobre as augas. Isto fai referencia ao hábito do petrel de facer o que parce correr pola tona da auga para engalar.[10]
Todos os Procellariiformes comparten certas características identificativas. Primeira, teñen condutos nasais que se unen ao bico superior chamadas naricornos. Os bicos dos Procellariiformes son tamén únicos porque están divididos por entre sete e nove placas córneas. Producen un aceite estomacal feito de ésteres de ceras e triglicéridos que se almacenan no proventrículo. Este aceite pode ser salferido pola boca como defensa contra predadores e como fonte de alimento rico en enerxía para os polos e para os adultos durante os seus longos voos.[11] Finalmente, tamén teñen unha glándula do sal que está situada sobre o conduto nasal e axuda a desalinizar os seus corpos, debido á gran cantidade de auga de mar que tragan. Excreta unha solución altamente salina pola abertura nasal.[12]
Recoñécense dúas subespecies:[8]
- D. c. capense (Linnaeus, 1758) – reprodúcese nas illas subantárticas circumpolares.
- D. c. australe Mathews, 1913 – reprodúcese nas illas subantárticas de Nova Zelandia.
Remove ads
Descrición
O petel pintado ten cabeza e pescozo negros e ventre e peito brancos, e a parte inferior das ás é branca con beiras negras. O seu dorso e parte superior das ás son negros e con manchas brancas, igual que a cola, que tamén ten unha banda negra. Cando completan o seu crecemento, a envergadura alar é de 80-90 cm e son de 35-40 cm de longo.[13]
Distribución e hábitat
Durante a estación reprodutora, os petreis pintados aliméntanse arredor da plataforma continental da Antártida e durante o inverno desprázanse máis ao norte, e poden chegar a Angola e as illas Galápagos. Aliméntanse en moitas illas da Antártida e nas illas subantárticas, e algúns exemplares chegan ás illas Auckland, illas Chatham, illa Campbell. Os seus principais territorios de reprodución son a Península Antártica, illas de Xeorxia do Sur, illas Balleny, e illas Kerguelen, así como illas do mar de Scotia.[14]
Comportamento
Alimentación
A dieta deste petrel consiste nun 80 % de crustáceos, e tamén de peixes e luras. O krill é o seu crustáceo favorito, que captura colléndoos desde a superficie ou mergullándose e filtrándoos.[14][15] Tamén son ben coñecidos por seguiren os barcos e comer o lixo comestible e as carcasas de peixes que botan pola borda os barcos. So agresivos cando se alimentan e cuspen o seu aceite estomacal aos competidores, mesmo aos que son da súa propia especie.[14]
Reprodución
Son aves coloniais e nidifican en cantís ou en terreo chairo que estea nun raio dun quilómetro do océano.[14] Tenden a ter colonias máis pequenas que outros petreis.[15] Os seus niños están feitos de croios e cunchas e sitúanos baixo rochas que sobresaen formando un beiril como protección,[14][15] ou en gretas.[15] En novembro poñen un só ovo branco, que chocan durante 45 días ambos os sexos. O ovo adoita medir 53x38 mm.[16] Como a maioría dos outros fulmares, defenden os seus niños cuspindo aceite estomacal. As skúas son unha das especies que depredan ovos e crías de petreis pintados. Unha vez que fixeron eclosión, os polos son abrigados por dez días máis ata que poden termorregularse, despois do cal ambos os pais axudan a alimentalos. Os polos empluman 45 días despois, polo mes de marzo.[14]
Remove ads
Conservación
O petrel pintado ten unha área de distribución de 146 millóns de km2 e en 2009 lugares estimados a súa poboación de individuos adultos era de 2 millóns. En consecuencia, a IUCN avalíaos como en situación "pouco preocupante".[1]
Galería
- Nidificando nas illas do Rei Xurxo.
- Ovo.
- En voo.
- Ilustración.
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads