Deshidratación

From Wikipedia, the free encyclopedia

Deshidratación
Remove ads

En fisioloxía, deshidratación é unha gran escaseza de auga corporal total que distorsiona os procesos metabólicos.[1] Ocorre cando a perda de auga libre excede a súa inxestión, o que adoita ser o resultado dunha suoración excesiva, algunhas condicións de saúde ou un consumo inadecuado de auga. Unha deshidrataión lixeira pode tamén orixinarse por diurese de inmersión, que pode incrementar o risco de síndrome de descompresión en mergulladores.

Thumb
Enfermeiras animando a un paciente a beber unha solución oral rehidratante para tratar a deshidratación causada polo cólera.

A maioría das persoas poden tolerar unha diminución do 3-4 % da auga corporal total sen dificultades ou efectos adversos para a saúde. Unha diminución do 5-8 % pode causar fatiga e mareos. A perda dun 10 % da auga corporal total pode causar unha deterioración física e mental, acompañada de intensa sede. A morte ocorre cun 15 a 25 % de perda da auga corporal.[2] Unha deshidratación leve adoita solucionarse cunha rehidratación oral, mais os casos graves poden necesitar fluídos intravenosos.

A deshidratación pode causar hipernatremia (altos niveis de ión sodio no sangue). Isto é distinto da hipovolemia (perda de volume sanguíneo, especialmente de plasma sanguíneo).

A deshidratación crónica pode favorecer a formación de cálculos renais, así como o desenvolvemento dunha enfermidade renal crónica.[3][4]

Remove ads

Signos e síntomas

Thumb
Unha persoa con deshidratación grave debido ao cólera, que lle causou ter ollos afundidos e mans e pel engurrada.

Os signos distintivos da deshidratación son a sede e cambios neurolóxicos como dor de cabeza, malestar xeral, perda de apetito, náusea, e diminución do volume de urina (a non ser que a poliuria sexa a propia causa da deshidratación), confusión mental, fatiga inexplicada, uñas púrpuras e convulsións.[5] Os síntomas de deshidratación fanse cada vez máis graves cunha maior perda de auga corporal total. Unha perda de auga do 1-2 %, considerada deshidratación leve, dificulta o rendemento cognitivo.[6] Aínda que en persoas de máis de 50 anos a sensación de sede diminúe coa idade, un estudo atopou que non había diferenza na inxestión de líquidos entre as persoas novas e vellas.[7] Moitas persoas vellas teñen síntomas de deshidratación e a máis común é a fatiga.[8] A deshidratación contribúe á morbilidade na poboación vella, especialmente durante condicións que promoven a perda de auga libre insensible, como o tempo moi cálido.

Remove ads

Causa

Os factores de risco para a deshidratación son, entre outros, os seguintes: facer exercicio durante o tempo cálido e húmido, vivir a grandes altitudes, atletismo de resistencia, ser un ancián, ser un meniño, e ser unha persoa que ten unha doenza crónica.[9][10][11][12]

A deshidratación pode tamén ser un efecto lateral de moitos tipos de medicamentos e drogas.[13]

Nos vellos, a escasa resposta á sede ou a pouca capacidade de acceso á auga libre en casos de exceso de perda de auga libre (especialmente relacionada coa hiperglicemia) parece ser a pincipal causa de deshidratación.[14] O exceso de auga libre ou auga hipotónica pode facer que o corpo siga dous camiños: a perda sensible como na diurese osmótica, suoración, vómitos e diarrea, e a perda de auga insensible, que ocorre principalmente por evaporación a través da pel e no tracto respiratorio. En humanos, a deshidratación pode orixinarse por unha ampla variedade de doenzas e estados que alteran a homeostase da auga no corpo. Estas prodúcense principalmente pola alteración da sede ou acceso á auga ou por exceso de sodio.[15]

Remove ads

Mecanismo

Thumb
Diagrama que mostra a distribución da auga corporal total en porcentaxes de fluído intracelular e extracelular.[16]

O contido de auga do corpo humano varía do 70-75 % en neonatos ao 40 % ou menos en adultos obesos,[17] e sinálase como valor medio o 60 %.[18] A auga que existe no corpo clasifícase como fluído intracelular ou extracelular. O fuído intracelular é a auga que está contida dentro das células, a cal constitúe aproximadamente o 57 % do peso da auga corporal total.[17] O fluído que está dentro das células contén grandes concentracións de potasio, magnesio, fosfato e proteínas.[19] O fluído extracelular consta de todos os líquidos que están fóra da célula, e inclúe o sangue e o fluído intersticial, os cales constitúen aproximadamente o 43 % do peso da auga corporal total. Os ións máis comúns no fluído extracelular son o sodio, cloruro e bicarbonato. A concentación de moléculas e ións no fluído descríbese como a osmolaridade e mídese en osmoles por litro (Osm/L).[19] Cando o corpo experimenta un déficit de auga libre, a concentración de solutos aumenta. Isto leva a unha maior osmolaridade do soro. Cando a osmolaridade do soro é elevada, isto é detectado polos osmorreceptores do hipotálamo. Estes receptores desencadean a liberación de hormona antidiurética (ADH).[20] A ADH serve para resistir a deshidratación ao incrementar a absorción de auga nos riles e causar a constrición dos vasos sanguíneos. Actúa sobre os receptores V2 nas células do túbulo colector do nefrón para incrementar a expresión de acuaporina. En casos máis extremos de baixa presión sanguínea, o hipotálamo libera maiores cantidades de ADH que tamén actúan sobre os receptores V1.[21] Estes receptores causan a contracción do músculo liso dos vasos periféricos. Isto incrementa a resistencia vascular sistémica e eleva a presión sanguínea.

Diagnose

Definición

A deshidratación ocorre cando o consumo de auga non chega para repoñer a auga libre perdida debido aos procesos fisiolóxicos normais, como a respiración, micción, suoración ou outras causas, como a diarrea e vómitos. A deshidratación pode ser mortal cando é grave e orixina convulsións ou parada respiratoria, e tamén ten o risco de producir edema cerebral osmótico se a rehidratación é demasiado rápida.[22]

O termo "deshidratación" foi ás veces usado incorrectamente como equivalente dunha condición relacionada distinta, a hipovolemia, que se refire especificamente a unha diminución do volume do plasma sanguíneo.[1] Ambas as cousas son reguladas por mecanismos independentes en humanos;[1] a distinción é importante para o tratamento.[23]

Recoñecemento físico

Imaxe por ultrasóns dos vasos sanguíneos do pescozo que apoia o diagnóstico dunha deshidratación grave[24]

Signos de deshidratación nun recoñecemento común son os seguintes: membranas mucosas secas, axilas secas, aumento do tempo de recheo dos capilares, ollos afundidos e pouca turxencia da pel.[25][8] Casos máis extremos de deshidratación poden causar hipotensión ortostática, mareos, debilidade e estado mental alterado.[26] Dependendo da causa subxacente da deshidratación, poden presentarse tamén outros síntomas. A suoración excesiva por facer exercicio pode estar asociada con cambras musculares. Os pacientes con perda de auga gastrointestinal causada por vómitos ou diarrea poden tamén ter febre ou outros signos sistémicos de infección.

O test de turxencia da pel pode utilizarse para apoiar un diagnóstico de deshidratación. O test de turxencia da pel realízase beliscando a pel no corpo do paciente xeralmente no antebraxo ou na parte dorsal da man, e ollando a rapidez con que volve á súa posición normal. O test de turxencia da pel pode non ser moi fiable en pacientes que teñen unha elasticidade reducida da pel, como nos anciáns.[27]

Tests de laboratorio

Aínda que non hai un só test de referencia para diagnosticar a deshidratación, poden verse evidencias sobre a deshidratación en múltiples tests de laboratorio de sangue e de urina. A osmolaridade do soro por riba de 295 mOsm/kg é frecuente na deshidratación debido á perda de auga libre.[8] Unha análise de urina, que é un test que realiza un exame químico e microscópico da urina, pode atopar cores máis escuros ou mal cheiro en casos de deshidratación grave.[28] O sodio urinario tamén proporciona información sobre o tipo de deshidratación. Na deshidratación hiponatrémica, como a producida por vómitos e diarrea, o sodio urinario será de menos de 10 mmol/L debido ao aumento da retención de sodio polos riles nun esforzo para conservar a auga.[29] En pacientes deshidratados con perda de sodio debido a diuréticos ou disfunción renal, o sodio urinario pode elevarse por riba de 20 mmol/L.[30] Os pacientes poden ter tamén niveis séricos elevados de nitróxeno ureico no sangue e creatinina. Ambas as moléculas son excretadas normalmente polos riles, pero cando o volume de sangue circulante é baixo, os riles poden sufrir unha lesión.[31] Isto causa unha diminución da función renal en casos de nitróxeno ureico no sangue e creatinina sérica elevados.[32]

Remove ads

Complicacións

As principais son: choque por volume baixo de sangue (choque hipovolémico), coma, convulsións, infección do tracto urinario, doenza renal, infarto de miocardio, hipernatremia, doenza metabólica[33] e hipertensión[34]

Prevención

Para actividades de rutina, a sede é unha guía axeitada para manter unha boa hidratación.[35] A inxesta mínima de auga varía individualmente dependendo do peso, gasto de enerxía, idade, sexo, actividade física, ambiente, dieta e xenética.[36][37] Co exercicio, exposición a un ambiente quente ou unha diminución da resposta á sede, cómpre inxerir cantidades adicionais de auga. En atletas en competición, beber só ao ter sede optimiza o rendemento e a seguridade, malia a perda de peso, e en 2010, non había estudos científicos que mostrasen que era beneficioso adiantarse á sede (beber antes de ter sede) e manter o peso durante o exercicio.[38]

Con tempo cálido e húmido ou durante un exercicio forte, a perda de auga pode incrementarse drasticamente, porque os humanos teñen unha capacidade grande e variable de suar. As perdas de suor en todo o corpo en varóns pode superar os 2 L/h durante o deporte competitivo, con taxas de 3–4 L/h observados durante o exercicio de curta duración e alta intensidade en ambiente caloroso.[39] Cando se están perdendo cantidades tan grandes de auga por suoración, tamén se perden electrólitos, especialmente o sodio.[40]

Na maioría dos atletas que están facendo exercicio e suando durante 4 ou 5 horas cunha concentración de sodio na suor de menos de 50 mmol/L, a perda de sodio total é menos do 10 % do total almacenado no corpo (o total almacenado son de aproximadamente 2500 mmol, ou 58 g para unha persoa de 70 kg).[41] Estas perdas parecen ser ben tolerados para a maioría da xente. A inclusión do sodio en bebidas para a recuperación de fluídos é teoricamente beneficioso[41] e supon pouco ou ningún risco, con tal que estes fluídos sexan hipotónicos (xa que a columna central da prevención da deshidratación é a recuperación das perdas de auga libre).

Remove ads

Tratamento

O tratamento máis efectivo para unha deshidratación menor considérase que é beber auga e reducir a perda de fluídos. A simple auga restaura só o volume do plasma sanguíneo, inhibindo o mecanismo da sede antes de que se poida repoñer o nivel de solutos.[42] O consumo de alimentos sólidos pode tamén contribuír á hidratación. Estímase que aproximadamente o 22 % da inxesta de auga nos Estados Unidos procede dos alimentos.[43] A concentración de urina e a frecuencia da micción volverán ao normal a medida que se resolve a deshidratación.[44]

Nalgúns casos, a corrección do estado de deshidratación conséguese pola reposición da auga e electrólitos necesarios (por medio de terapia de rehidratación oral ou reposición de fluídos por terapia intravenosa). Como a rehidratación oral é menos dolorosa, non invasiva, barata e fácil de fornecer, é o tratamento de elección para a deshidratación leve.[45] As solucións usadas para a rehidratación intravenosa pode ser isotónica, hipertónica ou hipotónica dependendo da causa da deshidratación, así como a concentración de sodio no sangue.[46] A auga pura inxectada nas veas causa a rotura (lise) dos glóbulos vermellos.[47]

Cando non se dispón de auga doce (por exemplo no mar ou no deserto), a auga de mar ou bebidas con concentracións significativas de alcohol empeorarán a situación de deshidratación. A urina contén unha concentación de solutos menor que a suor; isto fará que os riles creen máis urina para eliminaren o exceso de sal, causando máis perdas de auga que a que se bebeu coa auga de mar.[48]

En casos graves de deshidratación nos que se produciron esvaecementos, perda de consciencia ou outros síntomas inhibitorios graves (o paciente é incapaz de manerse de pé ou de pensar claramente), cómpre unha atención de emerxencia. Os fluídos que conteñen un balance axeitado de electrólitos de reposición danse por vía oral ou intravenosa cunha avaliación continua do estado electrolítico; a resolución completa é normal en case todos os casos coa excepción dos máis extremos.[49][50]

Remove ads

Prognose

A prognose da deshidratación depende da causa e grao de deshidratación. A deshidratación leve soluciónase normalmente con hidratación oral. A deshidratación crónica, como a producida por traballos que requiren moito esforzo físico ou a diminución da sede, pode orixinar unha doenza renal crónica.[51] As persoas anciás con deshidratación están en alto risco de presentaren confusión, infeccións do tracto urinario, caídas e mesnmo retardo da curación de feridas.[52] En nenos con deshidratación leve ou moderada, a hidratación oral é un tratamento axeitado para a recuperación completa.[53]

Remove ads

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads