Economía do Xapón
From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
A economía do Xapón é[cando?] a cuarta máis grande do mundo, tras Estados Unidos, Unión Europea e a República Popular da China. Os sectores estratéxicos da economía son os de produtos manufacturados e tecnoloxía, sobre todo os vehículos, artigos electrónicos e industria do aceiro. O país é moi eficiente nos sectores voltados á exportación, especialmente os de alta tecnoloxía, pero a produtividade é reducida en áreas protexidas, como a agricultura[3], que recibe moitos subsidios do estado. O sector das finanzas está desenvolvéndose moito na actualidade debido en gran parte á súa moeda, o ien que é a terceira máis negociada tralo dólar estadounidense e o euro.
Remove ads
Historia
O crecemento da economía moderna do Xapón comezou no período Edo, e algúns elementos sobreviventes desta época son as rutas de transporte por terra e mar, así como instrumentos financeiros como os contratos de futuros, banca e seguros dos negociantes de arroz de Osaca.[4] Durante o período Meiji, dende o ano 1868, o Xapón expandiuse economicamente coa adopción da economía de mercado.[5] Moitas das empresas actuais fundáronse nesa época, e o Xapón pasou a ser unha das nacións máis desenvolvidas de Asia.[6] O período de crecemento económico xeral que tivo lugar dende os anos 1960 ata os anos 1980 foi denominado o "Milagre xaponés", cunha media de crecemento económico dun 7,5% nos anos 1960 e 1970, e dun 3,2% nos anos 1980 e comezos dos anos 1990.[7]
Este crecemento freouse nos anos 1990 durante a denominada "Década perdida" por mor dos efectos da burbulla financeira e inmobiliaria no Xapón e as políticas gobernamentais dirixidas a reducir os excesos especulativos dos mercados inmobiliarios e de valores. Os esforzos para revivir o crecemento económico non tiveron éxito e víronse prexudicados aínda máis polo efecto da burbulla de Internet do 2000.[8] A economía do país comezou a recuperarse a partir do ano 2005, cun crecemento do PIB dun 2,8%, por riba dos índices de crecemento dos Estados Unidos e da Unión Europea durante o mesmo período.[9]
Remove ads
Sectores e forza de traballo
A agricultura xaponesa abrangue o 13% do seu territorio e o país é o segundo con maior volume de capturas de peixe cun 15% do total global, só por detrás da China,[8] mentres que no conxunto da economía global do país, o sector de servizos representa uns tres cuartos do PIB total do país.[10] A data de 2010, a forza de traballo do país nipón era duns 65,9 millóns de traballadores.[11] Malia que o Xapón ten unha taxa de desemprego baixa, dun 3,2%,[12] ó redor duns 20 millóns de persoas, un 17% da poboación, atopábase baixo a liña de pobreza no ano 2007.[13] A vivenda no país nipón é limitada por mor da pouca dispoñibilidade de terreo nas áreas urbanas.[14]
Remove ads
Comparación con outros países
No 2015 o Xapón era a terceira maior potencia económica do mundo en termos de PIB nominal, só por detrás dos Estados Unidos e a República Popular da China,[15] e a cuarta potencia económica mundial en termos de PPA, tralos Estados Unidos, a China e a India.[16] A data de 2014, a débeda pública do Xapón estaba estimada en máis do 200% do seu PIB anual, sendo a maior débeda pública de tódolos paísses do mundo.[17] En agosto de 2011, a axencia de cualificación Moody's rebaixou a clasificación da débeda pública do Xapón dende o "Aa3" ata o "Aa2" por mor do nivel de déficit e débeda do país dende a recesión global de 2009, agravados tamén polos efectos do terremoto e tsunami de Sendai de 2011.[18]
O Xapón estaba no posto número 34 da lista do Ease of doing business index de 2015.[19] O sistema capitalista xaponés presenta características con variacións distintivas: as empresas "keiretsu" teñen unha grande influencia, e o emprego de por vida xunto ós ascensos baseados na experiencia laboral son relativamente comúns no mundo laboral xaponés.[20][21] As compañías xaponesas son coñecidas por empregar métodos de xestión como a "The Toyota Way", e o activismo do accionariado é escaso.[22] Posúe unha gran capacidade industrial, sendo fogar dalgunhas das maiores e máis tecnolóxicamente avanzadas produtoras de vehículos a motor, electrónica, ferramentas, aceiro e outros metais non ferrosos, barcos, substancias químicas, téxtiles e alimentos procesados.[23][24] Algunhas das maiores empresas do Xapón son, entre outras, Toyota, Nintendo, NTT DoCoMo, Canon, Honda, Takeda Pharmaceutical, Sony, Panasonic, Toshiba, Sharp, Nippon Steel, Nippon Oil e Seven & I Holdings Co..[25] O Xapón ten algúns dos maiores bancos do mundo, e a Bolsa de Toquio, coñecida polos índices Nikkei 225 e TOPIX, é a segunda maior do mundo en canto a capitalización de mercado.[26] No 2006 326 empresas da lista Forbes Global 2000 tiñan a súa orixe no Xapón.[27]
Exportacións e importacións
As exportacións do Xapón chegaron ós 4 210 per cápita no ano 2005. A data de 2012 os principais mercados para as exportacións xaponesas eran a China (18,1%), os Estados Unidos (17,8%), Corea do Sur (7,7%), Tailandia (5,5%) e Hong Kong (5,1%). Estas exportacións consisten principalmente en equipamento, vehículos de motor, produtos de ferro e aceiro, semicondutores e pezas de automóbiles.[28] Nese mesmo ano as importacións do Xapón tiveron como principais mercados de orixe a China (21,3%), os Estados Unidos (8,8%), Australia (6,4%), Arabia Saudita (6,2%), Emiratos Árabes Unidos (5,0%), Corea do Sur (4,6%) e Qatar (4,0%).[8] Os principais produtos importados son maquinaria e equipamento industrial, combustibles fósiles, alimentos, químicos, téxiles e materia prima para a industria. En termos de participación no mercado, os mercados domésticos do Xapón son os máis pechados de tódolos países pertencentes á OCDE.[20] A comezos do século XXI baixo o goberno de Junichirō Koizumi, o país levou a cabo diversas reformas a prol da competitividade nos mercados, e os investimentos estranxeiros no país experimentaron un aumento notable.[29]
Remove ads
Notas
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads