Endovélico
deus prerromano From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Endovélico é un deus dos galaicos, lusitanos,[1] vetóns e celtiberos prerromanos da Idade de Ferro. Orixinalmente foi un deus ctónico. El era o deus/señor do Inframundo e da saúde, da profecía, protector da terra e da natureza.[2] Posteriormente foi adaptado polos propios romanos, que o asimilaron a Plutón ou a Serapis e convertérono nun deus relativamente popular.[3][4]
Endovélico ten un templo en São Miguel da Mota en Alentejo, Portugal, e hai numerosas inscricións e ex-votos dedicados a el no Museo Etnolóxico Nacional de Lisboa; posibles topónimos na súa honra inclúen Andévalo, en España.[5][6] O culto de Endovélico prevaleceu até o século V, cando o cristianismo se estendeu pola rexión.
Remove ads
Etimoloxía
Nos dous últimos séculos, os estudosos propuxeron diversas teorías sobre a orixe etimolóxica do nome de Endovélico.[7][8] Unha teoría asocia a súa etimoloxía coas palabras célticas endo, superlativo divino, e vellicus, de significado escuro. Algúns relacionárono con Bellinus, nome da divindade celta Belenos,[9] mentres que outros o asocian con vailo, termo celta que designa ao lobo.[10]
António da Visitação Freire propuxo que o noe podería ser de etimoloxía mixta, céltica e fenicia á vez, adaptada ao latín. Así, endo sería en efecto un superlativo celta, mentres que bel vería de baal, o termo fenicio para "señor", e -cus sería unha terminación latina. Leite de Vasconcelos rexeitou esta teoría, atribuíndo a vellicus unha orixe celta e un significado traducible como "bo" ou "benéfico".[11][12]
Remove ads
Culto

A consideración de Endovélico como celta ou lusitano provoca controversia entre os investigadores, como a propia caracterización do pobo lusitano, xa que se venera tamén entre os vetóns da provincia de Ávila (en Postoloboso, Candeleda) co nome de Vellicus ou Vaelicus. O monte era o seu lugar de culto, como numen locis ou espírito protector do lugar (similar ás ninfas grecorromanas), relacionándose cons outros numens e divindades ctónicas. Estes santuarios son de difícil acceso, talvez buscando o misticismo e recollemento do oculto entre a frondosidade dos montes e os bosques e dando maior énfase ó carácter sagrado destas divindades, cuxos fieis atoparían nunha especie de peregrinación iniciática moi propia das sociedades teocráticas.
En Rocha da Mina, San Miguel de Mota (Portugal)[13] e nas Minas de Río Tinto (Huelva)[14], debido á poboación lusitana que traballou naquelas minas imperiais. Estes reúnen as características doutros santuarios dedicados a deuses do mundo subterráneo como o santuario de Pánoias en Vila Real (Portugal) dedicado a Serapis e outros deuses e o de Isis en Belo Claudia, Cádiz .
Os achados atopados suxiren a práctica da incubatio[15] (consistente na manifestación divina a través do sono da persoa) coma o rito máis nomeado en relación co culto de Endovélico. O devoto durmía no templo ou altar do deus e nos soños que tivese recibía a mensaxe que necesitaba. Outros autores relaciónano tamén co monte e co renacer vexetal, xa que trala súa estancia no inframundo (tras ser morto por un xabarín) levaría consigo a primavera ó volver á superficie, acompañado pola súa consorte a deusa Ataecina, divindade á que aparece asociado en certos exvotos e epigrafías. Ofrecíanselle porcos como ofrendas, debido á asociación do deus cos xabaríns, dos cales se atoparon exvotos nos seus templos.
Remove ads
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads