Guitarra
instrumento musical de corda pulsada From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
A guitarra[1] é un instrumento musical da familia dos cordófonos, é dicir os instrumentos que producen o seu son ao facer vibrar as cordas. É un instrumento de corda pulsada, composto dunha caixa de resonancia —xeralmente cun buraco acústico no centro da tapa (boca)—, un mastro sobre o que vai encostado o diapasón ou trasteiro, e que normalmente ten seis ou doce cordas. Sobre o diapasón van incrustados os trastes (con algunhas excepcións), que permiten dividir o continuo de sons nas 12 notas do sistema tonal, facendo posible a interpretación das mesmas con maior facilidade.
As guitarras modernas son o froito de séculos de evolución destes instrumentos de corda. As orixes do instrumento proceden de civilizacións da Asia menor[2] (sumerios, acadios, asirios...) de. 2500 a. C. Desde entón os cordófonos desenvolvéronse de moi diversas maneiras ao longo do tempo con diferentes números de cordas e formas. Algúns instrumentos da familia son o cuatro, o ukelele, o requinto, o charango e distintos tipos de guitarrón, como o guitarrón mexicano, de uso frecuente polos mariachis.
A guitarra é hoxe un instrumento polifacético que se usa tanto na música clásica como nas músicas populares. Na súa versión electrificada é o instrumento máis utilizado en xéneros como blues, rock e heavy metal. Tamén é a protagonista nas músicas populares de raíces de España e Latinoamérica. Cabe destacar a importancia que a guitarra ten no flamenco, xénero musical que nace en España durante o século XVIII. Na actualidade os guitarristas flamencos adoitan usar unha guitarra con lixeiras variacións na construción,[3] coñecida como guitarra de flamenco. A guitarra clásica é tamén bastante frecuente entre os cantautores.
A guitarra tal e como a coñecemos hoxe é a herdeira do instrumento que ideou Antonio de Torres, construtor almeriense que sentou os canons e proporcións actuais.[4]
A guitarra está afinada por tres cuartas, unha terceira e unha cuarta máis (dende o bordón grave ó agudo): Mi, La, Re, Sol, Si, Mi.
Remove ads
Historia
Instrumento denominado «cythara» no Salterio de Stuttgart, un salterio carolinxio do século IX procedente de París.
Os historiadores de instrumentos musicais escriben que é un erro considerar os «laúdes orientais» como antepasados directos da guitarra, simplemente porque teñen a mesma forma corporal ou porque se percibe unha relación etimolóxica (kithara, guitarra). Aínda que se coñecen exemplos con lados incurvados similares aos da guitarra, como o instrumento do Friso de Airtam ou o laúde hitita de Alacahöyük, non existen instrumentos intermedios nin tradicións entre eses instrumentos e a guitarra.[6]
Do mesmo xeito, os musicólogos debateron se os instrumentos autóctonos de Europa poderían dar lugar á guitarra. Esta idea non pasou de ser unha especulación e require «un estudo exhaustivo da morfoloxía e a práctica interpretativa» por parte dos etnomusicólogos.[6]
Do mesmo xeito, os musicólogos debateron se os instrumentos autóctonos de Europa poderían dar lugar á guitarra. Esta idea non pasou de ser unha especulación e require «un estudo exhaustivo da morfoloxía e a práctica interpretativa» por parte dos etnomusicólogos.[6]
Orixes
As orixes e evolución da guitarra no son demasiado claros, xa que numerosos instrumentos semellantes eran utilizados na antigüidade, polo que é normal seguir a traxectoria deste instrumento a través das representacións pictóricas e escultóricas atopadas ao longo da historia. Existen evidencias arqueolóxicas en baixorrelevos atopados en Alaça Hüyük (norte da actual Turquía) de que en torno ao ano 1000 a. C. os hititas e asirios crearon instrumentos de corda parecidos á lira (o instrumento de varias cordas máis sinxelo e antigo do mundo) pero co agregado dunha caixa de resonancia, polo que serían antecesores da guitarra. Tamén se atoparon representacións en debuxos do antigo Exipto que se asemellan a un instrumento parecido á guitarra.[7][8][9][10]
Existen dúas hipóteses sobre as súas orixes. Unha delas dálle unha orixe greco-romana e afirma que é un descendente da fidícula; e a outra considera que a guitarra é un instrumento introducido polos árabes durante a invasión musulmá da Península Ibérica, e que posteriormente evolucionou en España.[9] Segundo a primeira hipótese, estes instrumentos chegaron ata os gregos, que deformaron lixeiramente o seu nome, kizára ou kettarah, que en galego converteuse en cítara. Este feito deu lugar a supoñer que a guitarra deriva da cítara grega e romana, ás que se le engadiu un mango ao comezo da nosa era. Moitos estudosos e musicólogos atribúen a chegada da guitarra á Península Ibérica por medio do Imperio Romano no ano 400.[7][9][10] A outra hipótese sostén que o primeiro instrumento con mastro foi a ud árabe, cuxo nome os españois terminaron fundindo erroneamente co seu artigo. Foron precisamente os árabes que introduciron o instrumento na península, onde evolucionou de acordo aos gustos musicais da plebe baixo dominación musulmá.
Na India estes instrumentos eran coñecidos en idioma sánscrito como sitar (instrumento descendente da vina), palabra que provén de dúas palabras indoeuropeas que darían orixe á palabra "guitarra": a raíz guīt (que produciu as palabras sánscritas guitá: "canción", ou sangīt: ‘música’) e a raíz tar, que significa "corda" ou "acorde".
Idade Media
Nos séculos XI e XII poden distinguirse dous tipos de "guitarres" ou "guiternes". Por unha banda a mourisca ou mandora, con forma ovalada de media pera e que se asemella ao laúde árabe e á mandolina tiña o fondo redondeado, un diapasón ancho e varios orificios sonoros. Pola outra a guitarra latina tiña un único orificio sonoro e un mastro máis estreito, unha evolución das antigas cedras ou cítaras, de fondo plano, unida por aros con mango longo e cuxo caravilleiro era semellante ao do violín. A primeira delas concorda coa hipótese da orixe oriental da guitarra, unha especie de laúde asirio que se tería estendido por Persia e Arabia, ata chegar á Península Ibérica durante a estancia dos árabes. A segunda, reforzaría a hipótese da orixe greco-latina do instrumento. Ambos tipos están representados nas miniaturas das Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio de 1270, aínda que unha das representacións máis antigas que se conservan está en Europa Occidental, nun Paixonario da abadía de Zwiefalten do ano 1180.[7][9][10]
No século XIV, os poetas medievais franceses Guillaume de Machaut e Eustache Deschamps nomean nas súas obras á "guiterna" sen precisar o tipo.[7] No século XIV, os cualificativos "moresca" ou "morisca" e "latina" desapareceran, e estes dous cordófonos denominaranse simplemente guitarras.[11]
A vihuela española , chamada en italiano viola da mano, un instrumento semellante á guitarra dos séculos XV e XVI, é amplamente considerada como a influencia máis importante no desenvolvemento da guitarra barroca. Tiña seis ordes (cordas dobres), afinación en cuartas semellante ao laúde e un corpo semellante á guitarra, aínda que as primeiras representacións revelan un instrumento cunha cintura ben cortada. Tamén era máis grande que as guitarras contemporáneas de catro ordes.[9] Tivo unha ampla difusión entre a aristocracia e os trobadores e músicos profesionais.
Século XVI


No século XVI, a construción da vihuela tiña máis en común coa guitarra moderna, coas súas costelas curvas dunha soa peza, que coas violas, e parecíase máis a unha versión máis grande das guitarras contemporáneas de catro ordes. A vihuela gozou dun período de popularidade relativamente curto en España e Italia durante unha época dominada no resto de Europa polo laúde; a última partitura publicada para este instrumento apareceu en 1576.[12]
Neste século comezan a realizarse numerosas composicións para guitarra. Esta gran produción ten como centro a España.[7]
A primeira obra para guitarra de catro ordes aparece na obra Tres libros de música en cifra para vihuela, publicada en 1546 por Alonso Mudarra en Sevilla. Nesa época era habitual confundir os nomes destes instrumentos e foi a finais de século cando comezaron a diferenciarse. A guitarra foi utilizada principalmente como instrumento de acompañamento e principalmente coa técnica do rasgueado.[9][13]
Mentres tanto, a guitarra barroca de cinco ordes, que se documentou en España desde mediados do século XVI, gozou de popularidade, especialmente en España, Italia e Francia desde finais do século XVI ata mediados do século XVIII.[A][B] En Portugal, a palabra "viola" referíase á guitarra, xa que "guitarra" significaba "guitarra portuguesa", unha variedade de cítara.
Século XVII
O tratado máis antigo sobre a guitarra española foi publicado en Barcelona en 1596 por Juan Carlos Amat. En 1606 Girolamo Montesardo publicou en Boloña a primeira grande obra para guitarra, titulada Nuova inventione d'involatura per sonare Il balleti sopra la chitarra espagnuola e G. A. Colonna publicou Intavolatura di chitarra alla spagnuola en 1620.
Aínda que todos os países reivindican a súa intervención na invención da guitarra (con especial mención de Francia) aspectos tales como a forma, a estrutura e a afinación, derivan directamente da guitarra tal como os violeiros ibéricos deseñábana, sen esquecernos dos europeos como Johan Stauffer, de quen derivan os deseños do seu discípulo C. F. Martin.[14] Habitualmente atribúeselle a inclusión da quinta corda ao músico e poeta andaluz Vicente Espinel (Ronda, 1550). A atribución desta invención realizouna Lope de Vega, pero foi refutada por Nicolao Doici de Velasco (1640) e por Gaspar Sanz (1684) nos seus tratados sobre a guitarra española. Sustentan as súas afirmacións no feito de que once anos antes do nacemento de Espinel, Bermudo mencionou unha guitarra de cinco ordes. Porén, aínda que Espinel non fose o inventor da guitarra española de cinco cordas, probablemente foi quen máis se encargou da súa difusión popular en todas as clases sociais de España. O Nuevo método por cifra para tañer guitarra de cinco cuerdas publicado en 1630 por Doici de Velasco é o máis antigo coñecido, e nel afírmase que "en Francia, Italia e demais países, á guitarra chámaselle española dende que Espinel puxo a quinta corda, quedando tan perfecta como o laúde, a arpa, a tiorba e o clavicordio e aínda máis abundante que estes".
Outros autores contribuíron de forma destacada á literatura sobre a guitarra, como Luis de Briceño, Lucas Ruiz de Ribayaz e Francisco Guerau, entre outros. Na Península Ibérica a guitarra era xa moi utilizada a finais do século XVII, cando Gaspar Sanz compuxo a súa Instrucción de música sobre la guitarra española y método de sus primeros rudimentos, hasta tañerla con destreza. Anteriormente había guitarras de nove cordas: unha corda sinxela e catro ordes.
En todo caso, parece claro que foi en España onde tomou carta de natureza, pois a diferenza das guitarras construídas noutros países e lugares de Europa, onde se fabricaban guitarras sobrecargadas de incrustacións e adornos que as facían case imposibles de tocar, a guitarra española facíase para ser tocada e foi tan popular que incluso Sebastián de Covarrubias, capelán de Filipe II e lexicógrafo español, chegou a dicir que "a guitarra non vale máis que un chocallo, é tan fácil de tocar que non existe un labrego que non sexa un guitarrista".
Séculos XVIII e XIX
Iniciado o século XVIII Jacob Otto agrega a sexta corda á guitarra e estandarízase a afinación moderna, o cambio máis significativo sufrido por este instrumento. A mediados de século, a historia da guitarra moderna acada un grande apoxeo co español Francisco Tárrega, creador da escola moderna e autor do cambio no uso da posición das mans e o xeito de pulsar as cordas.[10]

A finais do século XVIII e principios do XIX, algunhas guitarras usaban seis cordas sinxelas e empregaron unhas barras de reforzo debaixo da tapa harmónica. Estas barras foron engadidas para reforzar a estrutura e permitiron adelgazar a tapa para obter unha maior resonancia e unha mellor distribución do son ao longo da tapa harmónica. Outras melloras contemporáneas inclúen o uso dun mastro reforzado e elevado usando madeira de ébano ou palisandro, e a aparición dun mecanismo de parafuso metálico en lugar das caravillas de madeira para afinar. É importante destacar que o rocho elevado tivo un grande impacto na técnica do instrumento, porque as cordas estaban demasiado lonxe da tapa harmónica de xeito que había que apoiar un dos dedos da man dereita para que servise de soporte aos demais. Estas guitarras serían recoñecidas inconfundiblemente como as primeiras guitarras clásicas.
Nos comezos do século XIX, nos traballos dos españois Agustín Caro, Manuel González, Antonio de Lorca, Manuel Gutiérrez e outros construtores europeos, incluídos René Lacote e o vienés Johann Stauffer, atopamos as características dos precursores máis directos da guitarra clásica moderna. Johann Stauffer ten unha reputación lendaria. Na súa tenda aprendeu a construír guitarras C. F. Martin, que máis tarde se trasladaría a Estados Unidos, e cuxa firma segue constrinxindo guitarras hoxe en día. Tamén desenvolveu o rocho elevado, a petición de Luigi Legnani, o guitarrista e primeiro intérprete dos concertos do violinista xenovés Niccolò Paganini. Os seus outros avances na construción da guitarra inclúen un mastro axustable e reforzado con aceiro e as caravillas de parafuso sen fin, que aínda se usan nas guitarras modernas.
Cara 1850 empezou o traballo de Antonio Torres Jurado. Co apoio de Julián Arcas, ambos almerienses, e as súas propias intuicións, Antonio Torres Jurado refinou os soportes estruturais da guitarra, incluíndo sete varas estendidas baixo a tapa harmónica. Aumentou tamén o tamaño da caixa de resonancia e o ancho do mastro. Estas innovacións influíron na mellora do volume do son e a resposta nos graves, así como o descubrimento dunha técnica para a man esquerda para o enriquecemento do repertorio. Agora a guitarra xa estaba preparada tanto para as demandas do solista como para as do conxunto instrumental. A tradición construtiva en Almería mantívose ata os nosos días con construtores como Gerundino Fernández García e Juan Miguel González.
Século XX
O luthier español José Ramírez III, xunto ao guitarrista Narciso Yepes, agregoulle catro cordas máis nas graves, sobre un amplo mastro cuxos múltiples trastes permiten ampliar notablemente a gama de son da man esquerda. Narciso Yepes tocou por vez primeira esta guitarra de dez cordas en Berlín en 1964 e, a partir dese ano, foi o seu instrumento habitual nos concertos, especializándose en pezas renacentistas e barrocas.
Remove ads
Tipos de guitarra

As guitarras adóitanse dividir en dúas grandes categorías: acústicas e guitarras eléctricas. Dentro de cada categoría, hai subcategorías que son case infinitas e están en constante evolución. Por exemplo, unha guitarra eléctrica pódese comprar nun modelo de seis cordas (o máis común) ou en formatos de sete ou doce cordas. O deseño xeral do instrumento, a súa construción interna e os seus compoñentes, o tipo ou a especie de madeira, o hardware e os accesorios electrónicos súmanse á abundancia de subcategorías e ás súas propiedades tonais e funcionais únicas.
Acústica
As guitarras acústicas forman varias subcategorías destacadas dentro do grupo das guitarras acústicas: as guitarras clásicas e flamencas; as guitarras de cordas de aceiro, que inclúen a guitarra de tapa plana ou «folk»; as guitarras de doce cordas; e a guitarra de tapa arqueada. O grupo de guitarras acústicas tamén inclúe guitarras sen amplificar deseñadas para tocar en diferentes rexistros, como a guitarra acústica baixo, que ten unha afinación similar á do baixo eléctrico.
Hai dous tipos básicos de guitarra: a guitarra clásica e a guitarra flamenca, de tamaño lixeiramente menor que a clásica, distintas madeiras e outras variacións que a fan menos resoante pero máis percusiva.
Unha variedade da guitarra clásica ou española é a guitarra acústica, cuxa diferenza principal é o material das súas cordas, que é o metal en lugar da tripa ou o nailon. Procede de Estados Unidos, adoita a ser de maior tamaño e co tempo evolucionou para adoptar un sistema alimentado por enerxía eléctrica (pastillas eléctricas), dando lugar á guitarra eléctrica.
Guitarra saxona

A guitarra saxona é un tipo de guitarra acústica con cordas de metal, cuxo son xérase mediante a vibración das cordas que se amplifican nunha caixa acústica de madeira ou algún acrílico. O adxectivo "saxona" é tomado directamente do inglés steel-string acoustic guitar polo uso que de devandito adxectivo fan os anglófonos, para diferenciala con respecto á guitarra clásica.[16] É claramente redundante, pois a guitarra, por definición, é un instrumento acústico. A guitarra acústica deriva dos deseños de C. F. Martin e Orville Gibson, principalmente, lutieres estadounidenses que desenvolveron a súa actividade principalmente a finais do século XIX. Tamén son coñecidas como western guitars (literalmente "guitarras do oeste"), o que se achega máis á súa natureza e á clase de música que as fixo populares.
Como as españolas, estas guitarras chámanse así por emitir o seu son sen ningún tipo de amplificación eléctrica, só por transducción da forza mecánica.
Guitarra de flamenco

En España existe unha variante moi estendida, similar á guitarra clásica, que é difícil distinguir a primeira ollada, coñecida como guitarra de flamenco ou guitarra flamenca. Varía o seu son por unha construción lixeiramente distinta e o uso de distintos tipos de madeiras. A guitarra flamenca ten un son máis percusivo, a súa caixa é un pouco máis estreita, e xeralmente as cordas están máis preto do diapasón para facilitar a súa execución.
A guitarra flamenca ten menos sonoridade e ofrece menos volume que unha guitarra española de concerto, pero o seu son é máis brillante, e a súa execución é máis fácil e rápida, debido á menor distancia das cordas ao diapasón, o que permite que se poida facer menos presión cos dedos da man esquerda sobre o diapasón. Tradicionalmente as clavixas de afinación eran completamente de madeira e embutíanse na pa da guitarra de forma perpendicular a ela. Hoxe en día algúns construtores poden utilizar clavixeiros de mecánica moderna, pero que imitan aos antigos, co que se aúna a precisión da modernidade gardando a estética tradicional. Adoita levar debaixo da roseta ou buraco un gardapúas, golpeador ou protector (ás veces tamén un superior), para evitar que os rasgueos e golpes que se dan na tapa harmónica, tan típicos no flamenco, afecten á madeira.
A guitarra flamenca tivo tradicionalmente unha clara función de acompañamento do cante e do baile. Só na década de 1970 foi cando a guitarra flamenca de concerto foi recoñecida, da man do guitarrista de Alxeciras Paco de Lucía.

Guitarra italiana

A guitarra italiana (chitarra battente) é un tipo de guitarra tradicional do sur de Italia (Calabria, Puglia, Basilicata, Abruzos, Molise e Campania). Existe desde o século XIV e unha das súas características distintivas é que ten forma de oito alargado.
Guitarra eléctrica
- Artigo principal: Guitarra eléctrica.

Unha guitarra eléctrica é unha guitarra cun ou máis transductores electromagnéticos chamados pastillas ou micrófonos que converten as vibracións das cordas en sinais eléctricas capaces de ser amplificadas e procesadas.[17]
Remove ads
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads