Igrexa de San Xurxo da Coruña
From Wikipedia, the free encyclopedia
From Wikipedia, the free encyclopedia
A igrexa de San Xurxo é un templo relixioso católico da cidade da Coruña de estilo barroco, construída entre 1725 e 1906.[nota 1][1][2][3] Está situado na praza do Marqués de San Martín, nas inmediacións da praza de María Pita, ao lado esquerdo da casa do concello da cidade herculina.
Igrexa de San Xurxo da Coruña | |
---|---|
Cruceiro e fachada da igrexa. | |
Datos xerais | |
País | España |
Tipo | Igrexa parroquial |
Advocación | San Xurxo |
Localización | A Coruña |
Coordenadas | 43°22′18″N 8°23′49″O |
Culto | |
Culto | Católico |
Diocese | Santiago de Compostela |
Arquitectura | |
Construción | Século XVII - século XX |
Estilo | Barroco |
[ editar datos en Wikidata ] |
Hai constancia de que a parroquia de San Xurxo xa existía no século XIV, citando o testamento do párroco de San Nicolao en 1399 a existencia duns terreos na «freguesía de San Jurjo». Posteriormente atópanse referencias á parroquia no tombo vermello do arcebispo Lope de Mendoza, en 1435.[4]
Para coñecer a orixe da igrexa cómpre remontarse a 1673, ano no que os xesuítas se estableceron na cidade herculina cun colexio e unha residencia.[3] Foi proxectada por Domingo de Andrade,[2] e obra de Clemente Fernández Sarela,[1] se ben a súa construción foi realizada en varias fases, todas elas durante o século XVIII.[5] Dende o inicio da súa construción en 1725 ata 1767 foi convento da Compañía de Xesús.[1] Porén, a expulsión da orde de España levada a cabo por Carlos III ese ano fixo que pasara a converterse en 1774 en convento de agostiños.[3] Foi nesta época cando o templo experimentou as maiores modificacións, realizándose a maior parte da súa ornamentación, as portas laterais, e o presbiterio, entre 1704 e 1867,[1] finalizándose en 1760 a construción da torre norte.[3]
Trala exclaustración de 1836, o 24 de abril de 1837 o concello da cidade enviou un expediente ao Ministerio da Gobernación solicitando a demolición da igrexa:[6]
“ | ... acerca da utilidade que resultará de demoler a igrexa parroquial de San Xurxo de aquela cidade e pequena casa reitoral unida a ela, trasladando a parroquia á igrexa do suprimido convento de Santo Agustín, pois deste xeito facilitarase teña aquel veciñanza unha praza de Mercado espazosa e ben situada e proporcionarase maior salubridade e ornato á poboación. | ” |
Finalmente, o antigo convento foi destruído para construír no seu lugar a Casa do Concello, mentres que na igrexa se mantivo a parroquia de San Xurxo. O párroco e membros da xunta da parroquia opuxéronse á demolición, aínda que sen resultado, xa que finalmente o 4 de maio de 1837 o Ministerio da Gobernación daba a súa aprobación á demolición:[1][6]
“ | ... acceder ... aos desexos do Concello da Coruña... e satisfacer polo do terreo edificable da igrexa de San Xurxo posto que o Estado cede á de Santo Agustín en utilidade da cidade. | ” |
Xa no século XX, en 1906 rematouse a construción da torre sur, o que puxo punto e final á longa construción da igrexa herculina.[3] En 1975 foi declarada Ben de Interese Cultural.[7]
Por ser unha igrexa de xesuítas, o seu esquema construtivo interior segue o de Jesús de Vignola.[5] O templo ten planta de cruz latina con tres naves e o seu interior está exuberantemente decorado.[1][3] As naves, con bóveda de medio canón reforzada con arcos faixóns,[5] están separadas por grosos piares con arcos de medio punto, e a nave central ten o dobre de ancho que as naves laterais. A nave central está cuberta por unha bóveda de aresta, mentres que o cruceiro se cobre cunha bóveda de crucería nervada de moito resalte e cunha pequena lanterna no centro. As enormes pilastras organizan o espazo interior en tamos, amais de soster un entaboamento de orde dórica cun friso de tríglifos e métopas.[3] O transepto ten unha soa nave e unha cabeceira con organización tripartita, na que a ábsida central é máis profunda e elevada que as dos laterais. A ábsida posúe unha bóveda de aresta.[5]
Destaca a tribuna sobre as dúas naves laterais, que percorre lonxitudinalmente o templo, permitindo á comunidade xesuítica asistir ó culto sen mesturarse cos fieis.[3]
Tamén cómpre salientar os altares que hai nos dous extremos do transepto, que conteñen dúas táboas representando a Anunciación e as Ánimas no Purgatorio,[8] obra de Agustín Robles.
A fachada é un corpo saliente, obra de Clemente Fernández Sarela,[3] é tipicamente barroca, na que un grande oco rectangular preside a composición.[1]
No corpo saliente da fachada destacan dúas grandes columnas dóricas sobre podio a cada lado da porta, enmarcando fornelas laterais. A banda central superpón un esquema tripartito de porta-fornela-ventá, e un edículo con aletóns, como ocorre coa arquitectura de Simón Rodríguez. As torres laterais, en tres corpos, quedan lixeiramente por detrás do resto da fachada.[3]
A decoración baséase en placas, que poden ser recortadas e miúdas, alongadas e rematadas en disco, ou colgantes.[3] Destacan as imaxes, cuxa autoría non se coñece con certeza, pero que posiblemente foron esculpidas polos coruñeses fillos de Escudero. Estas esculturas representan a San Xurxo (enriba da porta principal), que está flanqueado polas imaxes de Santa Margarida e Santa Lucía.[4]
Diante da igrexa atópase un cruceiro realizado en granito. Está flanqueado polas imaxes de San Roque, Santa Lucía, Santa Margarida e San Nicolao, que se encontran sobre pilastra con inscricións e baixorrelevos da vida e a Paixón de Cristo. A plataforma é cuadrangular con tres graos de voo, mentres que o pedestal sobre o que se asenta é cuadrangular e moi moldurado. Por outra banda, o varal é de sección octogonal, que contrasta coa sección octogonal do pedestal liso. O capitel ten igualmente sección octogonal con follas de figueira, mentres que a cruz ten sección circular con remates florenzados.[9]
No anverso da cruz pode verse a Cristo Crucificado con tres cravos, coa cabeza inclinada á dereita e as mans pechadas, portando a coroa de espiñas, pano de pureza e inscrición de INRI. No reverso atópase unha Virxe orante coas mans cos dedos entrelazados sobre peaña sustentada por anxo con ás.[9]
No interior da igrexa de San Xurxo da Coruña poden atoparse, entre outras as seguintes imaxes talladas en madeira policromada:[7]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.