Imperio Parto
From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
O Imperio Parto, tamén coñecido como Imperio Arsácida, foi o maior poder político e cultural iraniano no antigo Irán dende o 247 a. C. ata o 224 d. C.[1] O seu último nome provén do seu fundador, Arsaces I,[2] quen dirixiu á tribo Parni na conquista da rexión de Partia[3] no nordeste de Irán, entón satrapía (provincia) baixo Andrágoras, que se rebelaba contra o Imperio Seléucida. Mitrídates I (ca. 171 - 132 a. C.) expandiu moito o imperio ao apoderarse de Media e Mesopotamia. No seu apoxeo, o Imperio Parto estendíase desde o extremo norte do Éufrates, no que hoxe é o centro-este de Turquía, ata o actual Afganistán e Paquistán occidental. O imperio, situado na Ruta da Seda entre o Imperio Romano na conca do Mediterráneo e a dinastía Han de chinesa, converteuse nun centro de comercio.
Os partos adoptaron en gran medida a arte, a arquitectura, as crenzas relixiosas e as vestimentas deste imperio, culturalmente heteroxéneo, que abarcaba as culturas persa, helenística e rexionais. Durante a primeira metade da súa existencia, a corte arsácida adoptou elementos da cultura grega, aínda que finalmente viu un renacemento gradual das tradicións iranianas. Os gobernantes arsácidas foron titulados "Rei de Reis", reclamando a herdanza do Imperio Aqueménida; de feito, aceptaron a moitos reis locais como vasalos, inda que os aqueménidas tiñan sátrapas, estas satrapías eran máis pequenas e menos poderosas. Coa expansión do poder arsácida, a sede do goberno central pasou de Nisa a Ctesifonte ao longo do Tigris (ao sur de Bagdad), aínda que outros sitios tamén serviron de capitais.
Os primeiros inimigos dos partos foron os seléucidas no oeste e os escitas no norte. Porén, a medida que Partia se expandía cara ao oeste, entraron en conflito co Reino de Armenia e, finalmente, coa República Romana tardía. Roma e Partia competiron entre si para establecer os reis de Armenia como os seus tributarios. Os partos destruíron o exército de Marco Licinio Craso na batalla de Carras en 53 a. C. Marco Antonio liderou un contraataque e varios emperadores romanos invadiron Mesopotamia nas guerras romano-partas dos séculos seguintes, capturando as cidades de Seleucia e Ctesifonte. As frecuentes guerras civís entre os contendentes partos ao trono resultaron máis perigosas para a estabilidade do imperio que a invasión estranxeira, e o poder dos partos evaporouse cando Ardashir I, gobernante de Istakhr en Persis, sublevouse contra os arsácidas e matou ao seu último gobernante, Artabano IV, no 224 Ardashir estableceu o Imperio Sasánida, que gobernou Irán e gran parte do Oriente Medio ata as conquistas musulmás do século VII, aínda que a dinastía arsácida sobreviviu a través de ramas da familia que gobernaba Armenia, Reino de Iberia e Albania caucásica.
As fontes nativas partas, escritas en parto, grego e outras linguas, son escasas en comparación coas fontes sasánidas e as anteriores aqueménidas. Ademais das táboas cuneiformes dispersas, os ostracon fragmentarios, as inscricións rupestres, as moedas de dracmas e a supervivencia casual dalgúns documentos en pergamiño, gran parte da historia parta só se coñece a través de fontes externas. Estas inclúen principalmente historias gregas e romanas, pero tamén historias chinesas, motivadas polo desexo dos Han de formar alianzas contra os Xiongnu.[4] A arte parta é un dos medios para comprender aspectos da sociedade e da cultura que doutro xeito estarían ausentes nas fontes textuais.
Remove ads
Notas
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads