Tecido mieloide
From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
O tecido mieloide é o tecido da medula ósea que orixina as células hematopoéticas, que forman as células do sangue. Tamén se pode denominar tecido mielóxeno, e é frecuente o uso como sinónimos, como por exemplo en leucemia mieloide/mielóxena crónica.


Na hematopoese as células mieloides ou mielóxenas son células sanguíneas que se orixinan a partir dunha célula proxenitora, como granulocitos, monocitos, eritrocitos ou plaquetas.[1][2] Esta célula proxenitora é o proxenitor mieloide común ou CFU-GEMM. Nun sentido máis estrito, célula mieloide refírese á liñaxe dos mieloblastos (os mielocitos, monocitos, e tipos derivados). Así, aínda que todas as células sanguíneas, mesmo os linfocitos, nacen normalmente na medula ósea en adultos, as células mieloides no sentido máis estrito do termo poden distinguirse das células linfoides, é dicir, os linfocitos, que proceden de células proxenitoras linfoides comúns que dan lugar ás células B e T.[2] A diferenciación (é dicir, a linfopoese) non é completa ata que estes migran a órganos linfáticos como o bazo e o timo para que se programen ante a presenza de antíxenos alleos. Así, entre os leucocitos, o termo mieloide está asociado ao sistema inmunitario innato, en contraste co termo linfoide, que está asociado co sistema inmunitario adaptativo. De xeito similar, mielóxeno adoita referirse a células brancas non-linfocíticas,[3] e eritroide úsase para distinguir as células relacionadas cos eritrocitos, distinguíndoas das mieloides e linfoides.[4]
A palabra mielopoese ten varios sentidos de maneira similar a mieloide. No sentido estrito mielopoese é a formación regulada especificamente de leucocitos mieloides (mielocitos), de maneira que nese sentido mielopoese distínguese de eritropoese e linfopoese (se ben todas as células sanguíneas se forman na medula ósea no adulto).
Os neoplasmas mieloides sempre afectan a liñaxes de células da medula ósea e están relacionados con células hematopoéticas. O tecido mieloide pode tamén estar presente no fígado e bazo dos fetos[5] e ás veces incluso en adultos, o que orixina unha hematopoese extramedular.[6]
Hai un sentido do termo mieloide que significa "pertencente á medula espiñal", pero úsase moito menos frecuentemente. Mieloide non debe confundirse con mielina, que é a substancia que forma a capa illante que recobre os axóns de moitas neuronas.
Remove ads
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads