Pasífae
esposa de Minos, nai de Minotauro From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Pasífae foi a muller de Minos e a nai de Minotauro. Foi filla de Helios e de Perseis [1], e irmá de Circe (a bruxa da Odisea) e de Eetes (o rei da Cólquide).

Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Pasífae (lúa).
Con Minos tivo oito fillos: Catreo, Deucalión [2], Glauco [3], Androxeo (ou Eurixies), Acacálide (ou Ácale), Xenódice, Ariadna [4] e Fedra. Pseudo-Apolodoro, citando a Asclepíades, di que Minos casou con Creta (filla de Asterión) e con ela tivo a Catreo, Deucalión, Glauco e Androxeo.
Remove ads
O Touro de Creta e Minotauro
O episodio máis característico da vida de Pasífae foi a súa unión co Touro de Creta, "a lenda máis coñecida da cultura minoica" [5].
Cando morreu Asterión, rei de Creta, Minos quixo todo o poder para si e expulsou ós seus irmáns, Radamantis e Sarpedón [6], aducindo que foran os deuses os que lle concedían o reino. Para demostralo, pediu a Poseidón que fixera saír do mar un touro, e prometeu que o sacrificaría no seu honor. Poseidón enviou un touro espléndido, tan fermoso que Minos decidiu conservalo como semental nos seus rabaños e sacrificar outro no seu lugar. Pero Poseidón, ó verse enganado, vingouse, e fixo que o touro enfurecese e que na muller de Minos, Pasífae, se espertara un amor apaixonado polo animal. Este foi o Touro de Creta que, posteriormente, tivo que matar Heracles nun dos seus doce traballos.
Para satisfacer os seus desexos, Pasífae pediulle a Dédalo que buscara unha solución [7]. Dédalo construíu unha vaca oca de madeira e cubriuna cunha pel de vaca real, para que Pasífae puidese introducirse dentro e que o touro puidese montar nela. E o resultado desa unión foi o Minotauro [8].
[Dédalo] "construíu unha vaca de madeira con rodas, baleirouna por dentro, recubriuna coa pel dunha vaca que esfolara e, colocándoa no prado onde o touro adoitaba pastar, introduciu dentro dela a Pasífae. Cando o touro chegou xaceu con ela tomándoa por unha vaca de verdade. Pasífae pariu a Asterio, denominado Minotauro, que tiña o rostro de touro e o resto humano".(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica III, 1, 4)
"Para que Creta procrease toda sorte de monstros, a filla do Sol amou un touro (con todo, unha femia a un macho)... Ela perseguiu un amor con esperanza; ela, canto menos, con tretas e disfrace de vaca, foi cuberta polo touro e, aínda que con engano, tivo un galán".(Ovidio: Metamorfosis IX, 735-741)
Unha variante do mito di que foi Afrodita a que enlouqueceu a Pasífae como castigo por non renderlle o culto debido [9], ou ben como vinganza contra Helios porque lle fora a Hefesto (o marido de Afrodita) co conto dos amores que mantiña a deusa con Ares.
Minos, avergoñado de que a muller parira semellante monstro, terminou mandando a Dédalo construír un labirinto xigante para encerralo dentro e contelo de xeito seguro para todos. Outras fontes din que, anoxado con Dédalo, encerrouno a el pero que Pasífae puido liberalo.
Remove ads
Pasífae e Circe
Pasífae tamén controlaba as artes da feiticería, como a súa irmá Circe e a súa sobriña Medea (filla de Eetes).
A lenda conta que eran tantas as amantes de Minos que Pasífae o maldixo de tal forma que quen se deitara con el morría devorada por escorpións, serpes e milpés que botaba cando exaculaba. Procris, unha das súas amantes, rompeu o feitizo utilizando unha herba que lle dera Circe, a cambio dun can ó que nunca se lle escapaba unha presa e unha xavelina que nunca erraba no albo, dúas pezas que tiña Minos.
"Procris... refuxiouse xunto a Minos, que se namorou dela e intentou seducila. Pero se unha muller facía o amor con Minos era imposible que conservara a vida, pois Pasífae ... feitizárao e cada vez que se deitaba con algunha, lanzaba contra o seu membro feras salvaxes e deste xeito aquelas perecían. Minos posuía un can veloz e unha xavelina certeira e a cambio delas Procris deitouse con el, dándolle a beber a raíz de Circe para que nada lle fixera dano".(Pseudo-Apolodoro III, 15, 1)
Remove ads
Iconografía
A figura de Dédalo entregando a falsa vaca a Pasífae aparece nas pinturas de Pompeia. Tamén se representa no Renacemento (por exemplo, por Filarete ou Rubens). No Palazzo Te, Giulio Romano representa a Pasífae no momento de introducirse nesa falsa vaca, axudada por Dédalo.
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads