Corvo mariño pequeno
From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
O corvo mariño pequeno[2][3] (Microcarbo pygmaeus, antes Phalacrocorax pygmaeus) é unha ave mariña da familia dos corvos mariños, Phalacrocoracidae. A súa área de distribución esténdese desde o sueste de Europa ata o suroeste de Asia.[1] É unha ave parcialmente migratoria: as poboacións do norte migran durante o inverno cara ao sur, sen saíren da súa área de reprodución. Ademais, é unha ave accidental nalgúns países de Europa occidental.

Remove ads
Morfoloxía
E unha ave de tamaño mediano, de plumaxe de cor verde escura e negra. Mide entre 45 e 55 cm de longo e de 70 a 90 cm de envergadura alar. Ten unha cola longa e un peteiro curto e groso. Os adultos presentan pequenas plumas brancas no pescozo e preto das patas durante a tempada de reprodución; o resto do ano, o pescozo é completamente branco. Ambos os sexos son similares, pero as crías teñen unha plumaxe máis clara e amarronada.
O corvo mariño pequeno diferénciase do corvo mariño grande e do corvo mariño cristado polo seu tamaño, moito máis pequeno, pola súa complexión máis lixeira e pola lonxitude da súa cola.
Remove ads
Reprodución e alimentación
O corvo mariño pequeno vive en colonias formadas en zonas húmidas, preto de fontes de auga doce como deltas fluviais ou lagos cubertos de vexetación, e mesmo campos de arroz. Evitan as zonas montañosas, frías ou secas. Durante o inverno tamén visitan augas con alta salinidade en estuarios ou lagos de barreira. Constrúe o seu niño con herba e ramas, sobre unha árbore baixa ou un tronco e deposita de tres a seis ovos cada verán. Os dous pais chocan os ovos durante de 27 a 30 días e os pitos poden desenvolverse de maneira independente aos 60 días de vida.
A súa principal fonte de alimento son os peixes. Estas aves pescan en grupos e descansan sobre as árbores durante as súas expedicións para conseguir alimento.
Remove ads
Ameazas
Estas aves sofren varias ameazas: a drenaxe e a degradación das zonas húmidas e dos bosques anexos onde viven, a contaminación da auga, as molestias que causan os humanos e a pesca ilegal, que leva a que moitos exemplares queden atrapados en redes de pesca e afoguen.
A súa zona de distribución, que anos atrás era moito máis extensa, redúcese cada vez máis: en Europa considérase que quedan soamente de 6 400 a 7 300 parellas. A colonia máis grande vive preto do delta do río Danubio e está formada por catro mil parellas, mais o número parece estar decrecendo debido a unha serie de plans para construír canles na zona que comezou en maio de 2004, malia que a área está protexida.
O corvo mariño pequeno é unha das especies protexidas polo Acordo para a conservación de aves acuáticas migratorias africano-eurasiáticas.[4]
Taxonomía
Esta especie foi clasificada inicialmente dentro do xénero Phalacrocorax, pero, de acordo coas análises de ADN realizadas,[5][6][7] foi trasladada ao xénero Microcarbo.[7][8]
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads