Rodolfo Rábade
futbolista galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Rodolfo Rábade Díaz, nado na Coruña o 11 de abril de 1931 e finado na mesma cidade o 15 de xullo de 2001,[1] foi un futbolista galego, que xogaba de dianteiro. A súa prometedora carreira, que o fixo debutar na Primeira División co Deportivo da Coruña aos 19 anos de idade, viuse truncada pola tuberculose, enfermidade que o retirou do fútbol cando só contaba con 23 anos.
Remove ads
Traxectoria
Comezou a xogar ao fútbol nas rúas da Coruña e no club Cantábrico, da praza de Santa Catalina, no que xogaba tamén Carlos Torres. Posteriormente pasou polo Silva, o Imperátor e o Santa Margarita, este último fundado polos seus irmáns máis vellos e outros amigos,[2] ao mesmo tempo que estudaba para profesor mercantil.[3] En 1948 fichou polo Xuvenil de Rodrigo, co que xogou varias tempadas na Terceira División.[4]
As súas grandes actuacións no Xuvenil fixeron que fose considerado un dos mellores futbolistas coruñeses naquel momento e abríronlle as portas do Deportivo da Coruña. O 18 de marzo de 1951 debutou na Primeira División, nun partido contra o Alcoyano en Riazor. Formou na dianteira xunto con Corcuera, Moll, Ponce e Tino, realizando un gran partido e marcando o segundo dos catro goles do seu equipo (4-0).[5] Xogou tamén nas dúas seguintes xornadas, marcando un gol en cada unha delas: contra o FC Barcelona en Riazor, onde bateu ao histórico Ramallets, e contra o Sevilla no estadio de Nervión. Regresou de Sevilla lesionado, polo que se perdeu os derradeiros partidos da tempada, e pouco despois caeu enfermo de tuberculose, deixando o fútbol por un tempo.[6] O seu contrato co Deportivo quedou rescindido un ano e medio despois, en outubro de 1952.[7] Durante esa época de inactividade como futbolista, adestrou o Imperátor.[8]
Reapareceu sobre os terreos de xogo o 11 de outubro de 1953 nun partido do Xuvenil contra o Ourense en Riazor, no que Rodrigo o aliñou na dianteira a carón de Vegazo, Seijas, Rilo e Regueira, e no que marcou un dos cinco goles do seu equipo (5-1).[9] Completou unha boa tempada co Xuvenil, culminada co ascenso á Segunda División, o que propiciou a súa volta ao fútbol profesional.
Ante a lentitude do Deportivo por reincorporar ao xogador, en xuño de 1954 fichou polo Celta de Vigo, adestrado por Zamora,[10][11] o que causou malestar na Coruña.[12] Debutou nun partido amigable contra o Guardés na Guarda,[13] e uns días despois marcou o seu primeiro e único gol no Trofeo Emma Cuervo, contra o Athletic Club, axudando a conquistar o trofeo (3-1).[14] Disputou só dous partidos oficiais, contra o Málaga e contra o Racing de Santander, coincidindo de novo no equipo con Carlos Torres. Pouco despois recaeu da súa tuberculose e tivo que deixar o fútbol con só 23 anos.
Faleceu na Coruña o 15 de xullo de 2001, aos 70 anos de idade.[15]
Remove ads
Vida persoal
Casou en 1958 con Mirtha Doce Rico.[16] Tivo catro fillos: Rodolfo, Rafael, Ruth e Ramón.
Notas
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads