Slipknot
grupo estadounidense From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Slipknot é un grupo estadounidense de heavy metal formado en 1995 en Des Moines (Iowa). As influencias do grupo inclúen entre outros xéneros o death metal, o thrash metal e o heavy metal, aínda que adoitan ser catalogados dentro do metal alternativo e o nu metal.[1][2][3][4] O percusionista Shawn Crahan e o batería Joey Jordison fundaron o grupo en setembro de 1995, e tras varios cambios de membros nos seus primeiros anos, o grupo estivo composto de nove membros durante máis dunha década: Corey Taylor, Mick Thomson, Jim Root, Paul Gray, Craig Jones, Sid Wilson, Shawn Crahan, Chris Fehn e Joey Jordison. Gray faleceu o 24 de maio de 2010, sendo substituído ata 2014 por Donnie Steele. Jordison deixou o grupo o 12 de decembro de 2013. Steele saíu do grupo durante a gravación de .5: The Gray Chapter, e o grupo pasou a realizar unha xira cos músicos Alessandro Venturella no baixo e Jay Weinberg na batería.
O grupo destaca pola súa imaxe particular, o seu estilo agresivo de música e as súas caóticas e enerxéticas actuacións en directo.[5][6] Publicaron cinco álbums de estudio: Slipknot (1999), Iowa (2001), Vol. 3: (The Subliminal Verses) (2004), All Hope Is Gone (2008) que debutou na posición número 1 na lista Billboard 200, e .5: The Gray Chapter (2014). No seu conxunto, Slipknot leva vendidos máis de 20 millóns de discos en todo o mundo,[7] acadando varias certificacións de platino e ouro nos seus álbums. No 2006 gañaron o Grammy á mellor actuación de metal polo sinxelo "Before I Forget".[8] O grupo publicou tamén un álbum de directo titulado 9.0: Live, un recompilatorio titulado Antennas to Hell e catro DVD de directo.
Remove ads
Historia
Primeiros anos (1995-1998)
Slipknot formouse en Des Moines, Iowa en setembro de 1995 baixo o nome de "The Pale Ones"[9] con Shawn Crahan na batería, Anders Colsefini como vocalista, Paul Gray como baixista e Donnie Steele coma guitarrista.[9] Joey Jordison integrouse ao grupo pouco tempo despois, ocupando o posto de batería, pasando Crahan a ocuparse da percusión.[10] Seguidamente contrataron a Josh Brainard coma guitarrista, e Colsefini converteuse no segundo percusionista manténdose no posto de vocalista.[11]
A súa primeira actuación, baixo o nome de Meld, foi o 4 de decembro de 1995 en Des Moines.[12] Nesas mesmas datas Jordison propuxo substituí-lo nome do grupo por Slipknot, sacado do título dun tema composto por el para o que sería a primeira demo do grupo, titulada Mate.Feed.Kill.Repeat.[13] O grupo comezou a experimentar coa súa imaxe empregando maquillaxe grotesca, chegando finalmente ao uso de máscaras.[14]
Comezaron a gravar material no SR Audio, un estudio local da súa cidade.[15] Sen presuposto para a gravación, víronse obrigados a financiar eles mesmos o proxecto, que chegou a un custo estimado de 40 000 $.[16] En febreiro de 1996, o guitarrista Donnie Steele abandonou o grupo debido ás súas crenzas relixiosas, sendo substituído por Craig Jones durante as gravacións do grupo.[17] Comezaron a empregar samples nas súas gravacións, ao que se adicaría Craig Jones nos directos, polo que Mick Thomson entrou no grupo coma novo guitarrista.[18] Publicaron a súa primeira demo titulada Mate. Feed. Kill. Repeat. o 31 de outubro de 1996, coincidindo coa festividade de Halloween.[4]
A distribución da demo entre as discográficas locais incrementou a popularidade do grupo nas estacións de radio da zona, pero sen que o grupo chegara a conseguir ningún contrato.[19] De volta ao estudio para gravar novo material, o grupo buscou incluír voces máis melódicas nos seus temas,[20] polo que contrataron a Corey Taylor coma vocalista, pertencente ao grupo, tamén de Des Moines, Stone Sour. Colsefini pasou a ocuparse da percusión e os coros,[20] pero anunciou o seu abandono do grupo pouco tempo despois.[20] O seu lugar foi ocupado por Greg Welts, que sería posteriormente expulsado do grupo por motivos non declarados.[21] Debido a estes cambios, Chris Fehn entrou no grupo e converteuse no novo percusionista.[22] A finais de 1997 asignáronse a cada un dos membros un número e comezaron a usar disfraces nas súas actuacións.[23]
A comezos de 1998 publicaron outra demo enviada a varios selos discográficos,[24] medrando o interese polo grupo entre elas, e facendo que o produtor Ross Robinson accedese a traballar con eles.[24][25] Contrataron a DJ Sid Wilson, que demostrara forte interese pola banda.[26] Trala chegada de Robinson comezaron a chegarlles as ofertas de varias compañías discográficas,[27] e finalmente o 8 de xullo de 1998 o grupo firmou un contrato con Roadrunner Records.[21]
Slipknot e o salto á fama (1998-2001)
- Véxase tamén: Slipknot (álbum).

A finais de 1998 os nove membros de Slipknot volveron ao estudio para gravar novo material,[28] pero pouco tempo despois Brainard decidiría abandonar o grupo.[29] Jim Root incorporouse a eles e o grupo volveu ao traballo na gravación do seu primeiro álbum de estudio.[30]
O traballo no seu álbum rematou a comezos de 1999, o que permitiu ao grupo formar parte da xira Ozzfest en 1999.[4] A xira axudou a aumenta-la popularidade do grupo, e o seu primeiro álbum, Slipknot, foi publicado o 29 de xuño de 1999,[31] seguido de dous sinxelos, "Wait and Bleed" e "Spit It Out".[4] A comezos de 2000 Slipknot foi certificado coma disco de platino, sendo o primeiro publicado por Roadrunner Records en acadar esa distinción.[32]
Iowa e primeira paréntese (2001-2003)
- Véxase tamén: Iowa (álbum).
A comezos de 2001 o grupo comezou a gravación do seu segundo álbum nos estudios "Sound City" e "Sound Image" nos Ánxeles,[4][33] aínda que comezaron a xurdir conflitos entre os membros do grupo debido ás extensivas xiras e horarios de gravación.[34] Porén, remataron a gravación do disco en febreiro dese ano, embarcándose na xira Iowa World Tour.[35] O álbum, titulado Iowa, foi publicado o 28 de agosto de 2001, chegando ao número tres da lista Billboard.[36] Do álbum sacaron tres sinxelos, "The Heretic Anthem" (sinxelo promocional), "Left Behind" e "My Plague", este último facendo unha aparición na Banda sonora orixinal do filme Resident Evil.[37][38]
No 2002 Slipknot fixo a súa primeira e única aparición nun filme, tocando a canción "I Am Hated" nunha escena de Rollerball.[39] A publicación do álbum e a promoción do mesmo tiveron como resultado locais completos de público nas súas actuacións en varios países.[40] Non obstante, a mediados de 2002, o grupo separouse temporalmente por primeira vez na súa historia debido aos conflitos internos, e varios dos membros centráronse en proxectos paralelos.[41] Corey Taylor e Jim Root retomaron a actividade co seu grupo Stone Sour, Joey Jordison creou o grupo Murderdolls, Shawn Crahan fundou To My Surprise, e Sid Wilson seguiu en solitario baixo o alcume de DJ Starscream.[41] Isto fixo que o futuro de Slipknot non estivese claro e apareceron especulacións e dúbidas sobre a separación do grupo.[42] Aínda con todo isto, o 22 de novembro de 2002 publicouse o segundo DVD do grupo, titulado Disasterpieces.[43]
Vol. 3: (The Subliminal Verses) e segunda paréntese (2003-2007)
- Véxase tamén: Vol. 3: (The Subliminal Verses).

O grupo reuniuse de novo a mediados do 2003 nos estudios The Mansion nos Ánxeles para comezar a traballar no que sería o seu terceiro álbum xunto co produtor Rick Rubin.[44] A comezos de 2004 tiñan rematado o traballo no álbum e comezaron a xira "The Subliminal Verses World Tour" en marzo dese mesmo ano.[45] Vol. 3: (The Subliminal Verses) foi publicado o 24 de maio de 2004, chegando ao número dous da lista Billboard.[46] Do álbum saíron seis sinxelos: "Duality", "Vermilion", "Vermilion, Pt. 2", "Before I Forget", "The Nameless" e "The Blister Exists". Slipknot gravou o seu primeiro álbum de directos 9.0: Live durante a xira do seu terceiro álbum. Publicado o 1 de novembro de 2005, chegou a estar no posto 17 da lista Billboard.[47] A súa xira continuou durante todo o 2004 ata finais de 2005, xusto antes dunha nova separación temporal do grupo.
En 2005 varios dos membros de Slipknot participaron no Roadrunner United: The All-Star Sessions, un álbum colaborativo de varios artistas contratados por Roadrunner Records. No 2006 Slipknot gañou o seu primeiro e único Grammy, levando o Grammy á mellor actuación de metal polo sinxelo "Before I Forget".[8] O 5 de decembro de 2006, Slipknot publicou o seu terceiro DVD Voliminal: Inside the Nine.[48] Nunha nova separación temporal do grupo, varios dos membros volveron centrarse nos seus proxectos paralelos: Corey Taylor e Jim Root volveron ao grupo Stone Sour, Joey Jordison produciu o álbum Fire Up the Blades do grupo 3 Inches of Blood, Shawn Crahan fundou Dirty Little Rabbits e Sid Wilson retornou en solitario coma DJ Starscream de novo.
All Hope Is Gone, terceira pausa e morte de Gray (2008-2010)
- Véxase tamén: All Hope Is Gone.

A gravación do seu seguinte disco comezou no Sound Farm Studio en Jamaica, Iowa, co produtor Dave Fortman en febreiro de 2008.[49] Tras rematar a gravación o grupo comezou a xira All Hope Is Gone World Tour o 9 de xullo de 2008.[50] O cuarto álbum de Slipknot foi titulado All Hope Is Gone, e publicouse o 20 de agosto de 2008, entrando no primeiro posto da lista Billboard.[51]
Sacaron cinco sinxelos do álbum: "All Hope Is Gone", "Psychosocial", "Dead Memories", "Sulfur" e "Snuff". Ao finalizar as xiras o 31 de outubro dese mesmo ano, o grupo volveu entrar nunha pausa temporal,[52] dutante a cal os membros do grupo volveron a retomar proxectos persoais. Corey Taylor fundou o grupo Junk Beer Kidnap Band e retomou a actividade con Stone Sour xunto a Jim Root. Shawn Crahan continuou o traballo co seu grupo Dirty Little Rabbits. Joey Jordison retornou á Murderdolls e converteuse no batería permanente de Rob Zombie. Chris Fehn pasou a ser o baixista do grupo de metalcore Will Haven e Sid Wilson foundou o grupo Sid.
No 2008 o grupo fundou unha liña de roupa chamada Tattered and Torn en colaboración coa compañía Bravado.[53] O nome procede dunha canción do grupo incluída no seu primeiro álbum Slipknot publicado no 1999 e na súa demo Mate. Feed. Kill. Repeat. de 1996.[53] As primeiras pezas desta liña de roupa foron camisetas e suadoiros, que se puxeron á venda a finais de xullo de 2008 nas tendas Hot Topic de Norteamérica e na súa páxina web.[54] O grupo ten recoñecido que o merchandising é a súa maior fonte de ingresos.[53]
En 2010 Paul Gray tiña planeada unha xira co supergrupo Hail!, pero o 24 de maio dese ano foi atopado morto nun hotel de Urbandale, Iowa.[55][56] As circunstancias da súa morte foron descoñecidas inicialmente, xa que a autopsia inicial non indicou causas violentas pero tampouco determinou a causa concreta do falecemento.[57] Ao día seguinte da súa morte, os demais membros do grupo deron unha conferencia de prensa sen as súas máscaras xunto á viúva e o irmán de Paul Gray, expresando os seus sentimentos sobre o ocorrido.[58] O 21 de xuño confirmouse que a causa do falecemento fora unha sobredose accidental de morfina e fentanil, un substituto sintético da morfina.[59]
Era todo o que é marabilloso desta banda e grupo de persoas. A única forma na que podo describir a Paul Gray é amor.Corey Taylor sobre a morte de Paul Gray[60]
Antennas to Hell e Knotfest (2010-2012)
- Véxase tamén: Antennas to Hell.
O grupo reuniuse de novo en 2011 para facer varias xiras por Europa. Foron cabezas de cartel no Sonisphere e o Rock in Rio xunto a Iron Maiden e Metallica.[61][62] Donnie Steele substituíu a Paul Gray nestes concertos, aínda que nas actuacións apareceu agochado detrás de Joey Jordison.[63] Os membros do grupo confirmaron en declaracións á prensa que completarían e publicarían o seu quinto álbum de estudio sen ter plans para substituír a Paul Gray.[64][65]
No 2012 Slipknot actuou no Mayhem Festival[66] e o 29 de maio dese ano Roadrunner Records publicou un vídeo promocional na súa web titulado Antennas to Hell.[67] Ese mesmo día Corey Taylor revelou en Twitter que Slipknot publicaría un álbum de grandes éxitos o 17 de xuño de 2012.[67]
O grupo organizou o seu primeiro festival anual de música, chamado Knotfest, que tivo lugar o 17 de agosto de 2012 en Pacific Junction, Iowa, e o 18 de agosto do mesmo ano en Somerset, Wisconsin. No festival actuaron ademais outros grupos coma Deftones, Lamb of God ou Serj Tankian. O 14 de xuño de 2013 Slipknot actuou de novo no Download Festival, perante unha audiencia de 90 000 persoas.[68]
.5: The Gray Chapter (dende 2013)
- Véxase tamén: .5: The Gray Chapter.

A produción do quinto álbum de estudio do grupo comezou a finais de 2013. Corey Taylor describiuno coma un álbum "moi escuro" e unha mestura entre Iowa e Vol. 3: (The Subliminal Verses).[69] Jim Root non participou nunha xira de Stone Sour en xaneiro para escribir novo material para Slipknot.[70] O 12 de decembro de 2013 Slipknot anunciou na súa web oficial que o batería Joey Jordison deixara o grupo, tras 18 anos, citando motivos persoais,[71][72] ao que Jordison respondeu máis tarde, por medio da súa páxina oficial de Facebook, afirmando que el non fora quen tomara a decisión de deixa-lo grupo.[73]
En xullo de 2014 o grupo comezou a promocionar o seu seguinte disco na súa web e nas redes sociais por medio de mensaxes crípticas e imaxinería sanguenta.[74][75] O primeiro sinxelo do álbum, "The Negative One", foi publicado o 1 de agosto dese ano[76] xunto cun vídeo musical dirixido por Shawn Crahan, no que non aparecía ningún dos membros do grupo.[77] O 24 de agosto Slipknot publicou un novo sinxelo titulado "The Devil In I" e confirmou que o título do álbum sería .5: The Gray Chapter, que sería publicado o 18 de outubro dese mesmo ano.[78][79] Esta data foi mudada ao 17 de outubro para os Países Baixos e Australia, o 20 de outubro para o Reino Unido e o 21 de outubro para o resto do mundo.[80] Slipknot comezou unha xira por Norteamérica o 25 de outubro na segunda iteración do Knotfest.[81] A xira, alcumada "Prepare for Hell", foi feita xunto a Korn e King 810.[82][83] O grupo ademais confirmou a súa asistencia ao Soundwave en Australia no 2015.[84]
Slipknot incorporou a un novo baixista e un novo batería para substituír a Paul Gray e Joey Jordison, con Shawn Crahan sendo o encargado de deseñar unha máscara nova para ambos, diferenciándoos así do resto dos membros do grupo.[85] O vídeo oficial de "The Devil In I" foi publicado o 12 de setembro, incrementando as especulacións sobre as identidades do batería e o baixista, pero os seus nomes non foron revelados oficialmente.[86][87] O 3 de decembro un técnico da xira de Slipknot publicou unha fotografía nas redes sociais que confirmaba ao baixista Alessandro Venturella e ao batería Jay Weinberg coma membros da xira.[88] O sinxelo "The Negative One" foi nomeado ao Grammy á mellor actuación de metal de 2014 na 57ª edición dos Premios Grammy.[89]
O 11 de marzo de 2015, non estando de xira, o guitarrista Mick Thomson foi hospitalizado tras unha pelexa doméstica co seu irmán na que ámbolos dous recibiron feridas por arma branca, graves pero non letais.[90] O 2 de agosto de 2015 durante un concerto en Hartford, Connecticut, o grupo tivo que deter a actuación cando o músico Alessandro Venturella tivo que ser trasladado de emerxencia ao hospital. O grupo continuou a actuación 20 minutos despois sen o baixista,[91] e posteriormente o grupo informou aos medios de comunicación que Venturella fora hospitalizado tras desmaiarse debido a unha deshidratación extrema.[92] Nos seguintes concertos Venturella tocou dende o backstage,[93][94] volvendo á fronte do escenario o 8 de agosto nunha actuación en Toronto.[95]
Remove ads
Estilo e temática

Slipknot toma influencias dunha gran variedade de estilos e grupos, máis notablemente de grupos de hard rock e heavy metal coma Faith No More, Kiss, Black Sabbath, Helmet, Slayer, Fear Factory, Godflesh, Skinny Puppy, Neurosis, Judas Priest, Metallica, White Zombie, Led Zeppelin e Beastie Boys.[2][3][4][96] Os medios adoitan incluílos entre os pioneiros da New Wave of American Heavy Metal, recibindo comparacións con grupos como Pantera, Machine Head, Hatebreed, Life of Agony e Prong.[97] Tamén se lles considera dentro do xénero do nu metal,[98][99][100][101] aínda que os membros do grupo prefiren distanciarse doutras bandas do xénero coma Korn ou Limp Bizkit, indicando que esta asociación é unha simple coincidencia no tempo da súa emerxencia.[102]
O seu son caracterízase por tons baixos de guitarra, unha gran sección de percusión, samples e táboas de mesturas.[103] O seu estilo vocal inclúe voces guturais, gritos, coros e canto melódico ocasional.[103] As súas letras xeralmente seguen unha tonalidade agresiva, explorando temáticas que inclúen a escuridade, o nihilismo, odio, ira ou psicopatías.[4][104] No álbum All Hope is Gone o grupo achegouse máis ao groove metal e o heavy metal máis tradicional,[99][105][106][107] con influencias do thrash metal e death metal.[106] O grupo tamén está considerado dentro do xénero do metal alternativo.[108][109][110][111]
As súas actuacións en directo son coñecidas por ser enerxéticas e caóticas.[4][102][112] As primeiras actuacións do grupo incluso chegaron a incluír actos cualificados coma extemos, cos membros do grupo lánzandose ao público dende grandes alturas e prendéndose lume os uns aos outros.[113][114][115] Non obstante, nas súas actuacións máis recentes tenden a non realizar este tipo de feitos tan extremos. Slipknot emprega configuracións moi elaboradas dos palcos nas súas actuacións, incluíndo elementos pirotécnicos, plataformas elevadas, elementos hidráulicos e grandes monitores entre outros elementos escénicos.[112] Alistair Lawrence de Kerrang! indicou nunha crítica que "a coreografía caótica ten demasiadas facetas para describir por completo",[116] mentres que NME describiu unha das súas actuacións coma unha "escena de caos".[115]
Remove ads
Imaxe e identidades
Slipkot é coñecido pola súa imaxe impactante, xa que os membros do grupo levan uniformes iguais, teñen máscaras únicas para cada un e identifícanse cun número asignado a cada un deles.[4] A idea orixinal das máscaras nas súas actuacións atribúese habitualmente a unha máscara de pallaso que Shawn Crahan adoitaba levar nas primeiras actuacións dos comezos do grupo.[9] O concepto evolucionou a partir de aí, e dende 1997 o grupo decidiu que cada membro levaría unha máscara individual e os uniformes iguais entre eles.[117] Varios membros do grupo tamén teñen declarado que levar as máscaras axudoulles a manter a privacidade.[118]
Os uniformes e máscaras foron cambiando ao longo da carreira do grupo con cada publicación dun novo disco.[119][120] Os cambios nas máscaras non foron drásticos, senón que foron seguindo o mesmo estilo orixinal de cada un pero con novos elementos engadidos.[121]
Controversias
Algunhas das letras das cancións de Slipknot foron relacionadas con incidentes violentos e criminais. No 2003, dous rapaces de San Bernardino (California), acoitelaron e mataron a outro, alegando que a culpa do crime foran as letras da canción "Disasterpiece".[122] Noutro incidente, no 2006 en Kansas City, as letras da canción "Surfacing" foron atopadas nunha tumba dun cemiterio que fora roubada.[123]
Mushroomhead, outro grupo de heavy metal estadounidense, acusou a Slipknot de roubarlles a imaxe, debido ás semellanzas de ámbolos dous grupos, particularmente no uso das máscaras.[124] Aínda que Slipknot admitiu estas semellanzas, mantiveron que simplemente era unha coincidencia, xa que os dous grupos comezaran na mesma época sen coñecemento mutuo.[125]
Remove ads
Na cultura popular
Slipknot aparece mencionado no tema Vatican Broadside do grupo inglés de indie rock Half Man Half Biscuit no seu EP de 2001 Editor's Recommendation.[126] No videoxogo World of Warcraft existe un personaxe non xogador chamado Gravis Slipknot, que cando ataca ao xogador amosa a frase "Saúdos, desafortunado aventureiro. Só che pido que agardes un momento...e SANGRES!"[127][128] facendo referencia ao tema Wait and Bleed do grupo.
Remove ads
Membros
|
|
Cronoloxía

Remove ads
Discografía
Álbums de estudio
Álbums de directos
Compilatorios
DVD
Sinxelos
Remove ads
Premios e nomeamentos
Slipknot foi nomeado a oito Premios Grammy, e gañou un deles:
- "Wait and Bleed" – Mellor actuación de metal, 2001 (nomeado)[162]
- "Left Behind" – Mellor actuación de metal, 2002 (nomeado)[163]
- "My Plague" – Mellor actuación de metal, 2003 (nomeado)[164]
- "Duality" – Mellor actuación de hard rock, 2005 (nomeado)[165]
- "Vermilion" – Mellor actuación de metal, 2005 (nomeado)[165]
- "Before I Forget" – Mellor actuación de metal, 2006 (gañador)[8]
- "Psychosocial" – Mellor actuación de metal, 2009 (nomeado)[166]
- "The Negative One" – Mellor actuación de metal, 2014 (nomeado)[89]
- "Custer" - Mellor actuación de metal, 2015 (nomeado)(pendente)[167]
Remove ads
Xiras musicais
|
|
Galería de imaxes
- Shawn Crahan.
- Craig Jones.
- Jim Root.
- Mick Thomson.
- Sid Wilson.
- Chris Fehn.
- Actuación no Bex Rock (2005).
- Actuación en Toronto (2005).
- Actuación no Metaltown (2009).
- Actuación no Soundwave Festival (2012).
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads