Lipoproteína de moi baixa densidade
From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
As lipoproteínas de moi baixa densidade ou VLDL (do inglés Very low density lipoproteíns) son un dos cinco tipos de lipoproteínas (os outros son os quilomicrons, IDL, LDL e HDL), que transportan lípidos polo sangue. As VLDL orixínanse no fígado e a súa densidade é moi baixa entre as lipoproteínas (só é inferior a dos quilomicrons), e son as segundas en tamaño, cun diámetro entre 30 e 80 nanómetros.[1] As VLDL ensámblanse no fígado a partir de triglicéridos, colesterol, fosfolípidos e apolipoproteínas. Despois sofren modificacións e convértense no torrente sanguíneo en IDL e LDL. As VLDL transportan produtos lipídicos endóxenos polo corpo, mentres que os quilomicrons transportan lípidos exóxenos procedentes da dieta. Recentemente, determinouse a composición lipídica [2] e proteica [3] desta lipoproteína con gran detalle.
Remove ads
Función
A VLDL transporta triglicéridos, fosfolípidos, e colesterol endóxenos, e ésteres do colesterol. Ademais serve para un transporte de longo alcance de mensaxeiros intercelulares hidrofóbicos, como a proteína morfóxena Indian hedgehog.[4]
Cambios durante a circulación
As VLDL acabadas de liberar do fígado conteñen apolipoproteína B100, apolipoproteína C1 (apoC1), apolipoproteína E (apoE), colesterol, ésteres do colesterol, fosfolípidos e triglicéridos. A medida que circulan polo sangue sofren cambios na súa composición, xa que captan apolipoproteína C-II (apoC-II) e cantidades adicionais de apoE tomadas de lipoproteínas de alta densidade (HDL), o que fai que as VLDL nacentes se convertan en VLDL maduras. Na circulación, as VLDL entran en contacto coa lipoproteína lipase (LPL) nos capilares (no tecido adiposo, cardíaco, e músculo esquelético). O encima LPL retira os triglicéridos das VLDL para que as células os almacenen ou utilicen na produción de enerxía. Agora as VLDL encóntranse de novo con HDL, e transfiren de novo a apoC-II ás HDL (pero conservan a apoE). Pola súa parte, a HDL cede éstres do colesterol que se incorporan á VLDL intercambiándoos por fosfolípidos e triglicéridos pola acción da proteína de transferencia de colesterlésteres (CETP). A medida que, por acción da LPL e encimas CETP, se retiran cada vez máis triglicéridos das VLDL, a composición da partícula cambia, e transfórmase en lipoproteína de densidade intermedia (IDL).[5]
Aproximadamente o 50% das IDLs son recoñecidas polos receptores nas células do fígado grazas a que posúen moléculas de apolipoproteína B-100 (apoB-100) e apoE, e seguidamente son endocitadas. O outro 50% das IDL perden a súa apoE. Cando o seu contido en colesterol se fai maior ca o seu contido en triglicéridos, convértense en lipoproteínas de baixa densidade (LDL), que posúen apoB-100 como principal apolipoproteína. As LDL son captadas pola célula por medio do receptor de LDL da superficie celular por endocitose, na cal o seu contido será almacenado, utilizado para a fabricación de membranas, ou convertido en produtos derivados como hormonas esteroides ou ácidos biliares.[6]
Remove ads
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads