Xenserico
rei dos vándalos e alanos entre 428 e 477 From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Xenserico, nado cara ao 389 e finado o 25 de xaneiro de 477, foi o rei dos vándalos e alanos entre 428 e 477. Foi peza clave nos conflitos arrostrados no século V polo Imperio Romano de Occidente, e durante os seus case cincuenta anos de reinado elevou unha tribo xermánica relativamente insignificante á categoría de potencia mediterránea.
Remove ads
Traxectoria
Fillo ilexítimo do rei vándalo Godexisilo, suponse que naceu nas inmediacións do lago Balatón en torno ao ano 389. Foi escollido rei en 428 á morte do seu medio irmán Gunderico. Brillante e moi versado na arte militar, buscou de contado o modo de aumentar o poder e a prosperidade do seu pobo, que residía por aquel entón na Hispania Bética e que sufrira os ataques dos máis numerosos visigodos. Así, pouco despois de acceder ao trono, Xenserico decidiu ceder Hispania aos seus rivais, empregando para iso a poderosa frota creada baixo o reinado do seu predecesor.
Aproveitando as disputas coa metrópole de Bonifacio, gobernador romano de África do Norte, 80.000 vándalos -15.000 deles homes de armas - cruzaron o estreito na primavera de 429, partindo de Tarifa e desembarcando en Ceuta. Tras varias vitorias sobre uns defensores romanos febles e divididos, fixéronse co control dun territorio que comprendía o actual Marrocos e o norte de Alxeria, poñendo baixo asedio a cidade de Hipona, que tomarían ao cabo de catorce meses de duros combates. Ao ano seguinte, o emperador Valentiniano III tivo que recoñecer a Xenserico como soberano de todos estes territorios.
No 435 Xenserico chega a un acordo co Imperio Romano polo que o reino vándalo pasa a ser foederatus de Roma coa concesión de Numidia. Non obstante, en 439 Xenserico toma -disque sen loita- a cidade de Cartago, capturando a frota imperial alí atracada. Con este movemento fai aos vándalos donos do Mediterráneo Occidental, apoderándose a continuación de bases marítimas de gran valor estratéxico e comercial: as Illas Baleares, Córsega, Sicilia e Sardeña. Roma, privada dunha das maiores zonas de produción cerealística do vello mundo, terá que comprar no sucesivo o gran do norte de África para o seu propio aprovisionamento.

No 455, o emperador romano Valentiniano III é asasinado, sucedéndoo Petronio Máximo. Xenserico, considerando roto o tratado de paz firmado con Valentiniano no 442, desembarca en Italia e marcha sobre Roma, cuxa poboación rebélase contra o novo emperador e dálle morte tres días antes de que, o 22 de abril de 455, os vándalos tomen sen resistencia a cidade. O saqueo subseguinte non producirá unha destrución notábel, se ben os vándalos farán provisión de gran cantidade de ouro, prata e obxectos de valor. Xenserico levará consigo a Cartago como refén a Licinia Eudoxia, viúva de Valentiniano, e ás súas dúas fillas, Placidia e Eudoxia, que contraería despois matrimonio co seu fillo e sucesor Hunerico.
En 468, o reino de Xenserico tivo que se enfrontar ao último esforzo militar conxunto das dúas metades do Imperio Romano. Non obstante, o rei vándalo logra derrotar, fronte ao cabo Bon, a unha poderosa frota dirixida polo que logo sería emperador bizantino Basilisco. No verán do 474 asinará a paz perpetua con Constantinopla, pola que Bizancio recoñecerá a soberanía vándala sobre as provincias norteafricanas, Baleares, Sicilia, Córsega e Sardeña.
Na súa política interna, Xenserico tolerou o catolicismo, se ben esixiu a conversión á doutrina ariana dos seus conselleiros máis próximos e procedeu a numerosas confiscacións de bens da Igrexa católica, que se convertería así nunha poderosa forza opositora á monarquía vándala. Debilitou en forma sanguenta á nobreza tradicional vándalo-alana, substituíndoa por unha corte adicta á súa propia familia e alixeirou a presión fiscal sobre a poboación a custa das familias ricas de orixe romana e do clero católico.
Xenserico morreu o 25 de xaneiro de 477, sendo sucedido polo seu fillo Hunerico.
Remove ads
Véxase tamén
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Xenserico ![]() |
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads