Accidente de Los Rodeos
From Wikipedia, the free encyclopedia
O accidente de Los Rodeos foi un choque fatal entre dous Boeing 747 ocorrido o domingo 27 de marzo de 1977 na pista do Aeroporto de Los Rodeos (agora coñecido como Aeroporto de Tenerife Norte), na illa de Tenerife. Cun total de 583 mortes, o choque é o peor accidente da historia da aviación.
Accidente de Los Rodeos | |
---|---|
Recreación computarizada do instante no que o KLM 4805 está a piques de golpear ao PAA 1736. | |
Resumo | |
Data | 27 de marzo de 1977 |
Causa | Erro do piloto, incursión na pista, néboa densa, limitacións e fallos nas comunicacións |
Lugar | Aeroporto de Los Rodeos |
Coordenadas | |
Finados | 583 |
Feridos | 61 |
Primeira aeronave | |
Tipo de aeronave | Boeing 747–121 |
Operador | Pan Am |
Rexistro | N736PA |
Pasaxeiros | 380 |
Tripulación | 16 |
Superviventes | 61 |
Segunda aeronave | |
Tipo de aeronave | Boeing 747-206B |
Operador | KLM |
Rexistro | PH-BUF |
Pasaxeiros | 234 |
Tripulación | 14 |
Superviventes |
O estoupido dunha bomba no Aeroporto de Gran Canaria, e a ameaza dunha segunda bomba, causaron que moitos avións fosen desviados ao Aeroporto de Los Rodeos. Entre eles estaban o voo 4805 de KLM e o voo 1736 da Pan Am, os dous avións involucrados no accidente. No aeroporto, os controladores do tráfico aéreo víronse forzados a aparcar moitos dos aparellos na pista de rodaxe bloqueándoa. Para complicar aída máis a situación, mentres as autoridades agardaban para reabrir Gran Canaria, unha densa néboa caeu sobre Tenerife, reducindo enormemente a visibilidade.
Cando Gran Canaria reabriu, requiriuse a ámbolos dous Boeing 747 que rodasen pola única pista para que tomasen posición para engalar. A néboa era tan densa que os avións non podían verse entre si, nin os controladores na torre podían ver a pista e os 747 nela. Xa que o aeroporto non tiña radar de terra, o único xeito que tiñan os controladores de identificar a posición de cada aparello era a través de informes de voz pola radio. Como resultado de varios malentendidos nas comunicacións, o voo da KLM intentou engalar mentres o da Pan Am aínda estaba na pista. A colisión resultante destruíu ámbolos dous avións, matando aos 248 ocupantes do voo de KLM e a 335 dos 396 ocupantes do da Pan Am. Sesenta e unha persoas do avión estadounidense, incluídos os pilotos e o enxeñeiro de voo, sobreviviron ao desastre.[1]
Xa que o accidente ocorreu en territorio español, este país foi o responsable da súa investigación. Investigadores dos Países Baixos e dos Estados Unidos tamén participaron. A investigación revelou que a principal causa do accidente foi que o capitán do voo da KLM engalou sen permiso do Control de Tráfico Aéreo (CTA).[1] A investigación especificou que o capitán non engalou intencionadamente sen o permiso; realmente cría que tiña autorización debido aos malentendidos entre a tripulación e o CTA.[1] Os investigadores neerlandeses puxeron un maior énfase que os seus homólogos españois e estadounidenses,[2] pero finalmente KLM admitiu que a súa tripulación foi a responsable do accidente, e a aeroliña compensou monetariamente os familiares das vítimas.
O accidente tivo unha duradeira influencia na industria, particularmente na área de comunicación. Púxose unha maior énfase no uso de fraseoloxía normalizada na comunicación entre os pilotos e controladores, co obxectivo de minimizar os posibles malentendidos. Como parte deses cambios, a palabra "takeoff" (engalaxe) foi eliminada do uso xeral, e só podía dicila o CTA cando realmente autorizaba a un avión a engalar.[3] Alentouse aos tripulantes menos experimentados a que desafiasen aos seus capitáns cando cresen que algo non era correcto, e os capitáns foron instruídos para escoitar a súa tripulación e avaliar todas as decisións que preocupasen aos seus compañeiros. Este concepto estendeuse posteriormente no que hoxe é coñecido como Crew Resource Management (Xestión de Recursos da Tripulación). O adestramento en CRM é agora obrigatorio para todos os pilotos de aeroliña.[4]