Aleksandr Kolchak
From Wikipedia, the free encyclopedia
Aleksandr Vasilevich Kolchak (en ruso: Александр Васильевич Колчак), nado en San Petersburgo o 4 de novembroxul./ 16 de novembro de 1874greg.[1][2] e finado en Irkutsk o 7 de febreiro de 1920,[3] foi un mariñeiro, militar e explorador do Ártico ruso, caudillo do movemento antibolxevique coñecido como Movemento branco durante a guerra civil rusa, que dirixiu en Siberia un goberno oposto ao de Lenin desde novembro de 1918 ata febreiro de 1920.
Este artigo amosa letras cirílicas. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros. |
Kolchak comezou a súa carreira como oficial, oceanógrafo e hidrólogo da Armada Imperial Rusa e foi membro e logo comandante de varias exploracións polares auspiciadas pola Academia de Ciencias de Rusia.[2] A illa Kolchak, situada no mar de Kara, foi bautizada na súa honra. Durante a guerra ruso-xaponesa (1904-1905) distinguiuse no sitio de Port Arthur cando unha mina lanzada desde o destrutor ao seu mando afundiu o cruceiro xaponés Takasago. Despois da guerra foi un dos renovadores da frota rusa e participou na creación do Estado Maior da Armada, o equivalente da Stavka. Durante os primeiros anos do século XX, alternou os seus estudos científicos e exploracións coas súas tarefas de modernización da Mariña rusa no Estado Maior.
Unha vez comenzada a primeira guerra mundial, tomou parte en diversas accións en defensa do Báltico, a cuxa frota estaba asignado como capitán do buque insignia. En 1916, grazas aos seus actos de heroísmo e habilidades, converteuse no máis novo vicealmirante da Armada Imperial de todos os tempos e obtivo o mando da frota do mar Negro, onde se distinguiu de novo ao lograr controlar este e asegurar os transportes aos exércitos que combatían no Cáucaso. Despois da Revolución de Febreiro de 1917, apoiou ao Goberno provisional ruso, confiando en que axudaría a reforzar a moral e continuaría as operacións militares contra os Imperios Centrais ata a vitoria. A radicalización da situación política fíxolle, porén, abandonar o seu mando a finais do verán.
Debido á Revolución de Outubro e a firma do tratado de paz con Alemaña, aceptou converterse en ministro de Guerra do goberno ruso antibolxevique con sede en Omsk. En novembro de 1918, os social-revolucionarios foron expulsados do goberno antibolxevique de Omsk nun golpe de Estado e Kolchak foi elixido «gobernante supremo» de Rusia.[4] Pese aos seus éxitos militares iniciais, mal apoiado polos seus aliados, cun mando militar mal coordinado e en ocasións insubordinado, unha administración ineficaz, corrupta e percibida como reaccionaria, tensas relacións coa Lexión Checoslovaca e os atamáns cosacos, perdeu o apoio da poboación local, cada vez máis propensa ao levantamento, e de parte das súas propias tropas durante a dura evacuación do inverno de 1919 a través de Siberia. A finais de 1919, os restos do seu exército e centos de milleiros de civís retiráronse en desorde para escapar da ofensiva bolxevique que tomou Omsk en novembro. Atrapado no ferrocarril na retirada e acosado por revoltas, levantamentos e o abandono dos checoslovacos que controlaban o Transiberiano, Kolchak foi arrestado por estes e entregado en Irkutsk aos rebeldes que se levantaran na súa contra, os cales o entregaron aos bolxeviques. Interrogado polas autoridades bolxeviques da cidade, a proximidade de tropas fieis á súa persoa e o temor a que fose rescatado levaron a que se decidise o seu fusilamento pouco despois, en febreiro de 1920.
Considerado un inimigo do pobo, totalmente esquecido como explorador do Ártico polos historiadores e periodistas soviéticos, a súa figura viuse rehabilitada na Rusia postsoviética.[5]
Foi condecorado coas ordes de Santa Ana de primeira clase, San Xurxo de terceira clase, San Vladimiro de terceira clase e Santo Estanislau de primeira clase.