Arte de paisaxes
From Wikipedia, the free encyclopedia
From Wikipedia, the free encyclopedia
Paisaxe ou país é o nome que a historiografía da arte dá ao xénero pictórico que representa escenas da natureza, tales como montañas, vales, árbores, ríos e bosques. Case sempre se inclúe o ceo e as condicións atmosféricas, que poden ser un elemento importante da composición. Ademais da paisaxe natural, tamén se trata, como un xénero específico, a paisaxe urbana. Tradicionalmente, a arte de paisaxes plasma de forma realista algunha paisaxe real, mais pode haber outros tipos de paisaxes, como os que se inspiran nos soños (paisaxe onírica, moi empregada no surrealismo).
Na historia da pintura, a paisaxe foi adquirindo paseniñamente cada vez máis relevancia, dende a súa aparición como fondo de escenas doutros xéneros (como a pintura de historia ou o retrato) até constituírse como xénero autónomo na pintura holandesa do século XVII. Tamén é un motivo esencial para a pintura xaponesa.
Dentro da xerarquía dos xéneros, a paisaxe ocupaba un lugar moi baixo, superior só ao bodegón.
Pola maneira en que está tratado o tema da paisaxe, cabe distinguir tres tipos fundamentais:
Dende outro punto de vista, referido ao tema que se representa e non tanto á maneira na que se trata, cabe diferenciar entre:
Nos tempos das máis antigas pinturas chinesas a tinta estableceuse a tradición de paisaxes «puras», nos que a diminuta figura humana simplemente convida o observador a participar na experiencia.
Do Antigo Exipto consérvanse algunhas representacións paisaxísticas esquemáticas nas tumbas dos nobres, gravadas en relevo durante o Imperio Antigo e pintadas ao fresco no Imperio Novo; adoitan enmarcar escenas de caza ou cerimonias rituais.
En Pompeia e Herculano preserváronse frescos romanos de cuartos decorados con paisaxes do século I a. C. Na antigüidade grecorromana, a paisaxe píntase como fondo ou contorna para contextualizar unha escena principal.
Durante toda a Idade Media cristiá e o Renacemento, a paisaxe concíbese como unha obra divina e a súa representación fai referencia ao seu Creador. Na pintura occidental, a representación realista da paisaxe comezou dentro das obras relixiosas do século XIII. Até entón, as representacións da natureza na arte pictórica fora arquetípica: liñas onduladas para a auga ou festóns para as nubes. Foi Giotto o primeiro que, abandonando os precedentes modelos bizantinos, substituíu o fondo dourado das imaxes sacras por escenarios da realidade. Aínda que autores como Boccaccio encomiaron o seu realismo de Giotto,[2] o certo é que non deixaban de ser moitas veces representacións sinxelas: unha árbore representaba un bosque, unha rocha unha montaña. Aos poucos, ao longo da Baixa Idade Media, a atención a eses retrincos de natureza que aparecían nas escenas sacras ou míticas foi ampliándose, pero o seu carácter secundario revélao o feito de que moitas veces se deixaba a axudantes, como ocorre en A Anunciación florentina de Fra Anxélico. Dentro do estilo italo-gótico, Ambroxio Lorenzetti superou a representación topográfica para crear auténticas paisaxes dentro das súas alegorías do Bo e do Mal Goberno no Palacio Comunal de Siena, ao estudar as horas do día e as estacións. A pintura gótica-flamenga caracterízase polo seu «realismo nos detalles», conseguido en gran medida grazas á nova técnica da pintura ao óleo; entre os aspectos aos que se prestou máis atención e realismo estivo a paisaxe, tanto natural como urbana. Cabe citar, a este respecto, o plano do fondo da Virxe do Chanceler Rolin, auténtica paisaxe no que se detalla un xardín, máis alén dun río e aos lados unha cidade contemporánea do pintor.
A paisaxe adquiriu autonomía iconográfica no século XVI. Na súa forma realista, débese sobre todo á arte flamenga e alemá, por exemplo, Albrecht Dürer, que deixou numerosas acuarelas de paisaxes. Na súa forma idealizada de inspiración clásica, é algo que debe atribuírse a Italia, sendo El Perugino, mestre de Rafael, un dos máis destacados elaboradores de vastos espazos nos que se situaban os personaxes, cunha forte acentuación da paisaxe. En Venecia, coa súa luz cambiante sobre as augas, aínda que a paisaxe seguiu sendo fondo de obras e non o seu motivo principal, esmeráronse por lograr realismo reflectindo vistas da lagoa, as súas rúas e monumentos, así como a «terra firme», e dos fenómenos atmosféricos como ocorre con A treboada que xa dende o século XVI dá nome ao cadro máis coñecido de Giorgione.
Nesta época, a paisaxe serviu para expresar as utopías urbanas e políticas emerxentes. A miúdo «percibido» a través do marco das xanelas nos cadros que representaban escenas interiores, foi conseguindo un papel cada vez máis importante, até ocupar toda a superficie da tea. Paralelamente, os personaxes das escenas relixiosas en exterior foron «encollendo» até non estar máis que simbolizados polos elementos da paisaxe, p.e. Xesús de Nazaret por unha montaña. Pero, como se ve, a paisaxe seguía sendo só parte dun cadro de historia ou dun retrato.
En Flandres, a primeira representación da paisaxe independente foi a de Joachim Patinir, cuxas composicións relixiosas ou mitolóxicas están totalmente dominadas pola representación realista da natureza, até o punto de que a escena é mero «pretexto» para representar unha «paisaxe panorámica» ou «xeográfica», dende un punto de vista moi elevado. Na xeración seguinte, algunhas obras de xénero de Pieter Brueghel o Vello a figura humana queda reducida á insignificancia, sendo o importante a paisaxe representada, igualmente panorámica e dende punto de vista alto, como ocorre por exemplo en O inverno do ciclo de estacións do ano. Ha de mencionarse tamén a Escola do Danubio ou «danubiana», na que autores como Albrecht Altdorfer ou Lucas Cranach o Mozo seguen co tipo de «paisaxe panorámica», con amplas extensións de terreo percibidas dende o alto.
A comezos de século, na época do tenebrismo, a paisaxe seguía sendo pouco cultivada. Soamente o alemán Adam Elsheimer destaca por tratar as historias, xeralmente sacras, como auténticas paisaxes nas que moitas veces realiza espectaculares estudos sobre os efectos atmosféricos, a luz ou os estudos de amencer e anoitecer.
O flamengo Rubens pintou ao final da súa vida algúns cadros que se contan entre a pintura paisaxista europea máis importante.
Foi no Barroco cando a pintura de paisaxes estableceuse definitivamente como un xénero en Europa, co desenvolvemento do coleccionismo, como unha distracción para a actividade humana. É un fenómeno propio do norte de Europa que se atribúe, en gran medida, á reforma protestante e o desenvolvemento do capitalismo nos Países Baixos. A nobreza e o clero, até entón os principais clientes dos pintores, perderon relevancia, sendo substituídos pola burguesía comerciante. As preferencias desta non ían cara ás complexas pinturas de historia, con temas da Antigüidade clásica, a mitoloxía ou a Historia Sacra, nin cara a complexas alegorías, senón que preferían temas sinxelos e cotiáns, polo que alcanzaron independencia xéneros até entón secundarios como o bodegón, a paisaxe ou a escena de xénero. Produciuse tal especialización que cada pintor se dedicaba a un tipo de paisaxe específica. Así había pintores que tomaban como tema os «países baixos», isto é, os terreos que quedaban baixo o nivel do mar, cos seus canles, pólders e muíños de vento; destacaron neste tipo van Goyen, Jacob Ruysdael e Meindert Hobbema. Hendrick Avercamp especializouse en estampas invernais, con estanques xeados e patinadores.
Outros se especializaron en pintar animalé. Por exemplo, Paulus Potter adoita pintar vacas dentro da paisaxe das chairas e os pastos holandeses. Houbo quen se especializou en mariñas, diferenciándose entre quen retrataban os barcos nas tranquilas augas dos portos (Jan van de Cappelle, Willem van de Velde, o Mozo) e os que preferían o mar axitado polos ventos e as ondas.
Houbo quen cultivou a paisaxe urbana, as perspectivas das cidades holandesa, coas súas casas de ladrillos e as agullas das igrexas no horizonte, como Gerrit Adriaenszoon Berckheyde ou Carel Fabritius. Aínda que Vermeer dedicouse sobre todo á escena de xénero, pintou a paisaxe urbana máis coñecido da época; o seu Vista de Delft, foi considerada por Marcel Proust como «o cadro máis belo do mundo», e inmortalizou esta pintura na súa obra En busca do tempo perdido.[3]
Finalmente, desenvolveuse un sub-xénero exclusivamente holandés como o cadro de arquitectura que representaba o interior das igrexas; nesta última liña destacaron Saenredam e De Witte. A gran especialización dos pintores holandeses non impedía que, en ocasións, combinásense os diversos temas artísticos, e así Fabritius pintou unha vista de Delft, cun posto de vendedor de instrumentos musicais en primeiro plano, combinando así a paisaxe urbana co bodegón.
Mentres que no Norte de Europa desenvolvíase con esa amplitude todo tipo de paisaxes puras, no sur seguía precisándose unha anécdota relixiosa, mítica ou histórica como pretexto para pintar paisaxes. Tratábase da paisaxe chamada «clásico», «clasicista» ou «heroico», de carácter idílico, que non se correspondían con ningún concreto que existise realmente, senón construídos a partir de elementos diversos (árbores, ruínas, arquitecturas, montañas...). O título do cadro e os pequenos personaxes perdidos na natureza dan a clave da historia representada no que a primeira ollada parece só unha paisaxe. Este tipo foi creado polo clasicismo romano-boloñés, e en concreto polo máis destacado dos seus pintores, Annibale Carracci, en cuxa Fuxida a Exipto os personaxes sacros teñen menos importancia que a paisaxe que lles rodea.
Esta liña seguiron os dous grandes paisaxistas franceses, formados en Italia: Nicolas Poussin e Claudio Lorena. Lorena é considerado un paisaxista moderno debido a que observou atentamente a natureza e fixo estudos ao aire libre sobre a luz ás diferentes horas do día, as sombras sobre os edificios, os reflexos na auga. Con todo, aínda que realizou algunhas paisaxes puras, a inmensa maioría da súa obra segue tendo como tema unha historia relixiosa ou mitolóxica e para iso inclúe figuras humanas, ás veces executadas por man doutros pintores. Tivo enorme influencia na pintura romántica e mesmo no impresionismo.
No século XVIII cultivaron este xénero artistas italianos como Canaletto. Especializouse no subxénero das vedute, perspectivas urbanas que os viaxeiros estranxeiros do Grand Tour vían nas súas viaxes a Italia e que logo levaban como recordo aos seus países de orixe. Canaletto visitou Inglaterra e alí recibiu encargos de pintar, no mesmo estilo, as paisaxes inglesas. O seu sobriño Bellotto seguiu a mesma liña, pero conseguiu imprimir á súa obra un estilo propio.
O resto da pintura dese século carece de orixinalidade en canto ao tratamento da paisaxe. Thomas Gainsborough, en cadros como O bebedoiro (1777) inspírase nos paisaxistas holandeses do século anterior. En España, foron paisaxistas Miguel Ángel Houasse e Luis Paret e Alcázar, cultivador da «paisaxe con figuras» como as súas Vistas de portos do norte de España.
«Todo conduce necesariamente á paisaxe», dixo o pintor alemán Runge, frase que se pode aplicar a todo o século XIX. En Europa, como se deu conta John Ruskin,[4] e expuxo sir Kenneth Clark, a pintura de paisaxe foi a gran creación artística do século XIX, co resultado de que no seguinte período a xente era «capaz de asumir que a apreciación da beleza natural e a pintura de paisaxes é unha parte normal e permanente da nosa actividade espiritual».[5] Na análise de Clark, as formas europeas subxacentes para converter a complexidade da paisaxe nunha idea foron catro aproximacións fundamentais: pola aceptación de símbolos descritivos, pola curiosidade sobre os feitos da natureza, pola creación de fantasías para aliviar soños de profundas raíces na natureza e pola crenza nunha Idade de ouro, de harmonía e orde, que podería ser recuperada.
Na época romántica, a paisaxe convértese en actor ou produtor de emocións e de experiencias subxectivas. O pintoresco e o sublime aparecen entón como dous modos de ver a paisaxe. As primeiras guías turísticas reemprenden estes puntos de vista para fabricar un recordo popular sobre os sitios e as súas paisaxes. Abriu o camiño o inglés John Constable, que se dedicou a pintar as paisaxes da Inglaterra rural, non afectados pola Revolución industrial, incluíndo aqueles lugares que lle eran coñecidos desde a infancia, como o Val de Dedham. Fíxoo cunha técnica de descomposición da cor en pequenos trazos que o fai precursor do impresionismo; realizou estudos de fenómenos atmosféricos, en particular de nubes. A exposición das súas obras no Salón de París de 1824 obtivo grande éxito entre os artistas franceses, comezando por Delacroix. O tamén inglés William Turner, contemporáneo seu pero de máis longa vida artística, reflectiu en cambio a modernidade, como ocorre na súa obra máis famosa: Choiva, vapor e velocidade, na que aparecía un tema certamente novo, o ferrocarril, e o ponte de Maidenhead, prodixio da enxeñaría da época. Con Turner as formas da paisaxe disolvíanse en bulebules de cor que non sempre permitían recoñecer o reflectido no cadro.
En Alemaña, Blechen seguiu reflectindo a paisaxe tradicional por excelencia, o italiano, pero de forma moi distinta a épocas precedentes. Presentou unha Italia pouco pintoresca, nada idílica, o cal foi obxecto de críticas. Philipp Otto Runge e Caspar David Friedrich, os dous artistas máis destacados da pintura romántica alemá, si se dedicaron á paisaxe do seu país. Animados por un espírito pietista, pretendían crear cadros relixiosos, pero non mediante a representación de escenas con tal tema, senón reflectindo a grandeza das paisaxes de maneira que movesen á piedade.
O paso da «paisaxe clásica» á paisaxe realista dáo Camille Corot quen, como Blechen ou Turner, pasou a súa etapa de formación en Italia. Con el empezou outra forma de tratar a paisaxe, distinta á dos románticos. Como fixo despois a escola de Barbizon e, posteriormente, o impresionismo, deu á paisaxe un papel ben diferente ao dos románticos. Observárono de maneira meticulosa e relativa en termos de luz e de cor, co obxectivo de crear unha representación fiel á percepción vista que poida ter un observador. Esta fidelidade, que se experimenta por exemplo nos contrastes e os toques de modo «vibrante». Cando Corot volveu a Francia, viaxou por todo o país en busca de novas paisaxes; frecuentou o bosque de Fontainebleau, onde coñeceu a unha serie de pintores que cultivaron a paisaxe realista, reflectindo prados, ríos e árbores do natural. Eran obras que espertaron escaso interese entre o público ou a crítica, xa que a pintura académica seguía dominada por os cadros de historia, o gran tema por excelencia. O máis destacado pintor da escola de Barbizon foi Théodore Rousseau, ao que seguiron Díaz da Pena e Jules Dupré. Albert Charpin, o pintor de ovellas e rabaños, da mesma escola, é outro exemplo de pintura de paisaxes, con beleza natural. Gustave Courbet non pertenceu á Escola de Barbizon, pero pintou na súa mocidade paisaxes realistas.
De ligazón entre esta escola e o impresionismo serviron Eugène Boudin e Johan Barthold Jongkind, que traballaron no campo, ao aire libre, pintando paisaxes bañadas de luz. Como os pintores de Barbizon, os impresionistas buscaban os seus motivos na natureza real que os rodeaba, sen idealizarlas, pero a súa visión non é a sobria da escola realista, senón que glorificaban esa natureza intacta e a vida sinxela que reflectían nos seus cadros. Diversos factores confluíron para que xurdise o impresionismo en torno ao ano 1860, entre eles a paixón pola pintura ao aire libre e novos temas, reflectindo simplemente aqueles que está ante os ollos: tanto o campo como a cidade, o mar ou os ríos cos seus interesantes reflexos sobre a auga, tanto a luz do día como a artificial, en definitiva, «o banal», considerando que non hai tema menor, senón cadros ben ou mal executados. Traballaron con manchas de cor, grandes pinceladas, sen o acabado puído, esmaltado e frío dunha pintura de paisaxes tradicional, senón reflectindo máis ben a impresión da paisaxe. A obra emblemática deste movemento, da que obtivo o seu nome, é precisamente unha paisaxe: Impresión, sol nacente (1874), de Claude Monet. Os seus principais seguidores foron Camille Pissarro e Alfred Sisley.
A paixón do posimpresionista Vincent van Gogh pola obra dos seus predecesores, levoulle a pintar a paisaxe provenzal a partir do ano 1888. A súa obra, de cores intensas, nos que as figuras se deforman e curvan, afastándose do realismo, é un precedente das tendencias expresionistas.
As escolas nacionais de pintura xurdiron, en gran medida, a través de paisaxistas que se inclinaron por pintar a súa terra, en lugar da tradicional paisaxe italiana. Nos Estados Unidos, Frederick Edwin Church, gran pintor de panoramas, realiza amplas composicións que simbolizan a grandeza e inmensidade do continente americano (As cataratas do Niágara, 1857). a escola do río Hudson, que destacou na segunda metade do século XIX, é probablemente a máis coñecida manifestación autóctona da arte de paisaxes. Estes pintores crearon obras de tamaño colosal tentando captar o alcance épico das paisaxes que os inspiraron. A obra de Thomas Cole, a quen se recoñece xeralmente como fundador da escola, ten moito en común cos ideais filosóficos das pinturas paisaxísticas europeas, unha especie de fe secular nos beneficios espirituais que poden obterse da contemplación da beleza natural. Algúns dos artistas posteriores da escola do río Hudson, como Albert Bierstadt, crearon obras menos cómodas, seguramente con esaxeración romántica, que salientaban máis os ásperos, mesmo terribles, poderes da natureza.
Conforme os exploradores, naturalistas, mariñeiros, comerciantes e colonos chegaron ás costas do Canadá atlántico nos primeiros anos da súa exploración, enfrontáronse ao que vían como unha contorna hostil e perigosa e un mar implacable. Estes europeos tentaron dominar este novo territorio sobrecoedor trazando mapas do mesmo, documentándoo e reivindicándoo como propio. O seu entendemento da natureza específica desta terra e os seus habitantes foi moi variada, desde observacións moi exactas e científicas a outras fantásticas ou extravagantes. Estas observacións están documentadas na arte de paisaxes que produciron. Os mellores exemplos da arte de paisaxes canadense poden atoparse na obra do Grupo do sete, que destacou nos anos 1920.[6]
En España, aínda que seguiu sen cultivarse con particular intensidade este xénero, si se aprecia a recepción da paisaxe realista a través da obra do belga Carlos de Haes. Agustín Riancho reflectiu as paisaxes de a Montaña o mesmo que a Escola de Olot dedicouse a paisaxes desa zona catalá, sendo o seu creador Joaquín Vayreda. O impresionismo, como no resto de Europa, recibiuse de maneira atenuada, pero pode citarse a Darío de Regoyos como un exemplo de cultivador dese estilo de paisaxe.
En Italia sobresaíron os pintores de manchas (macchia) de cor yuxtapuestas, chamados os macchiaioli, próximos ao impresionismo: Giovanni Fattori, Silvestro Leiga e Giuseppe Abbati, entre outros.
A pintura contemporánea disolveu a existencia dos xéneros, pero dentro dos diferentes «ismos» de vangarda poden distinguirse cadros nos que o representado é unha paisaxe, sempre co estilo propio do autor. Cézanne, o «pai da pintura moderna», dedicou toda unha serie de pinturas á montaña Sainte-Victoire. Derain, Dufy, Vlaminck e Marquet pintaron paisaxes fauvistas, e Braque, un dos fundadores do cubismo, tratou repetidamente a paisaxe de L'Estaque. Na Viena de comezos de século, produciron obras deste xénero tanto o modernista Gustav Klimt como o expresionista Egon Schiele.
Os expresionistas transmitiron os seus sentimentos e sensacións cromáticas tamén a través de paisaxes, como fixeron Erich Heckel ou Karl Schmidt-Rottluff nos seus cadros pintados na vila pesqueira de Dangast; Emil Nolde (O muíño de Nordet, 1932) ou Kokoschka.
As distintas formas de abstracción acabaron por suprimir a importancia da paisaxe limitando o alcance do realismo e a representación. No entanto, emprégase a miúdo a expresión «paisaxismo abstracto» con respecto a varios pintores non figurativos (Bazaine, Le Moal ou Manessier). A paisaxe siciliá inspirou a obra do pintor expresionista social Renato Guttuso.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.