Célula G
From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha célula G ou célula de gastrina é unha célula da parede interna do estómago que segrega a hormona gastrina. Funciona conxuntamente coas células principais gástricas e coas células parietais ou oxínticas, e a súa misión principal é estimular a produción de ácido clorhídrico no estómago.
As células G atópanse na parte media das glándulas gástricas do antro do estómago, no inicio do duodeno e no páncreas fetal.[1] Aínda que non son tan numerosas coma outras células, o seu número total non é pequeno, e estimacións feitas na mucosa gástrica de cans, gatos e ratas dan unhas cifras de 500.000 células G por cm2.