Célula delta
células produtoras de somatostatina / From Wikipedia, the free encyclopedia
As células delta (células δ) ou células D[1] son células produtoras de somatostatina, que se encontran nas paredes do estómago e intestino e nos illotes de Langerhans do páncreas.
No estómago atópanse no antro e fondo. Nos roedores as células delta do páncreas están localizadas na periferia dos illotes de Langerhans, pero nos humanos a arquitectura dos illotes está xeralmente menos organizada e as células delta poden aparecer tamén na parte central do illote.
Vistas con microscopio electrónico, as células delta poden identificarse como células máis pequenas e con gránulos algo máis compactos ca as células beta dos illotes. Os gránulos das células D no estómago son redondos, duns 350 nm de diámetro, cunha porción central finamente granular e densidade electrónica media[2].
As células delta conteñen receptores de colecistoquinina B ou CCKBR (que responden á gastrina), que aumentan a liberación de somatostatina, e receptores M3 (que responden á acetilcolina), que fan decrecer a liberación de somatostatina das células delta.
O péptido intestinal vasoactivo (VIP) actúa sobre as células delta causando unha maior liberación de somatostatina.