Célula parietal
From Wikipedia, the free encyclopedia
As células parietais ou células oxínticas son células situadas no epitelio interno da parede do estómago, encargadas de segregar os ácidos gástricos (ácido clorhídrico) necesarios para a dixestión, e o factor intrínseco necesario para a absorción de vitamina B12.
Localízanse na parte superior das glándulas oxínticas da parede do estómago. Atópanse maiormente no corpo gástrico e son máis escasas no antro gástrico. Cando as glándulas oxínticas se atrofian (gastrite crónica atrófica) prodúcese unha diminución do ácido gástrico e do factor intrínseco.
As células parietais teñen na súa membrana basolateral receptores de tres estimulantes: un receptor da histamina (H2), un receptor colinérxico de tipo muscarínico (M-3) para a acetilcolina liberada polas neuronas preganglionares, e un receptor tipo colecistoquinina (CCK-8) para a gastrina liberada polas células G pilóricas e duodenais. As células parietais tamén teñen receptores na súa membrana basolateral para os inhibidores da súa función: somatostatina e prostaglandinas.[1]