Canción
composición musical que contén, como mínimo, unha parte de voz ou melodía vocal / From Wikipedia, the free encyclopedia
Orixinariamente a palabra canción designa calquera texto, xeralmente en verso,[1] cantable, polo que se pode dicir que canción é unha composición musical que contén, como mínimo, unha parte de voz ou melodía vocal, é dicir, con texto, cantado.[2] Normalmente é de curta duración, polo menos se nos atemos ao texto musical, dado que no caso concreto das cancións de xesta e outros tipos de cancións narrativas pode chegar a haber un gran número de estrofas aplicadas a unha mesma música. No caso -que é o máis frecuente- que esta parte vocal soe simultaneamente con outras partes instrumentais, a vocal é a principal, de maneira que, como xénero musical, a canción queda tipificada como música vocal, e as partes instrumentais fan un acompañamento. A canción, pois, é música vocal que pode ter ou non un acompañamento instrumental. Noutros casos, os menos, o acompañamento fano outras voces, neste caso é unha canción a cappella e polifónica.
O texto da canción normalmente chámase a letra. A letra dunha canción habitualmente é un texto poético cunha estrutura métrica de gran regularidade e cunha rima clara. De todos os xeitos, tamén hai exemplos de cancións relixiosas con letra en prosa extraída da Biblia.
Normalmente, as cancións son pensadas pera ser interpretadas por un cantante solista, aínda que tamén as hai -especialmente na denominada canción artística- para dúo, ou trío ou ata para máis voces, nese caso fálase de canción polifónica, o canon é un caso concreto e paradigmático. Tamén é común, no terreo da música clásica, que haxa cancións interpretadas por corais, de modo que a melodía principal a realiza un grupo de voces, habitualmente as sopranos. De igual xeito, é habitual que as cancións polifónicas sexan interpretadas por coros, non a razón dunha persoa e voz por cada parte, senón a razón dun grupo por parte.
Especialmente na música tradicional, a canción adoita ter unha estrutura estrófica -xa sexa con ou sen retorno- de maneira que unha mesma música é cantada sobre unha serie de textos que manteñen similitudes importantes en canto a métrica e rima. Na canción de arte e na canción popular abundan tamén as elaboracións a partir da estrutura estrófica.
A canción, polas súas características, ten un papel esencial na educación musical nas escolas e nas escolas de música, e é a base das numerosísimas asociacións corais que existen en todas as sociedades occidentais.
Na linguaxe coloquial, canción ás veces é unha palabra totalmente xenérica para se referir a calquera tipo de composición musical, incluídas as instrumentais e, xa que logo, sen texto.