Poesía
xénero literario / From Wikipedia, the free encyclopedia
A poesía é unha forma de literatura que emprega as calidades estética e rítmica[1][2][3] da linguaxe, como a eufonía, o simbolismo fonético e a prosodia, para evocar significados engadidos ou o significado prosaico.
A poesía ten unha longa historia que se remonta á Epopea de Gilgamesh sumeria. Os poemas máis antigos evolucionaron dende cancións populares, como o Shijing chinés, ou dende a necesidade de recoller a tradición das lendas orais, como os Vedas sánscritos, os Gathas zoroastras ou os poemas homéricos, a Ilíada e a Odisea. Os primeiros intentos de definir a poesía, como os da Poética de Aristóteles, centráronse no emprego da fala na retórica, no drama, no canto e na comedia. Intentos máis serodios centráronse en aspectos como a repetición, na forma do verso e na rima, salientando a estética que é o que distingue á poesía doutras formas de escrita máis obxectivas, informativas e prosaicas. Dende mediados do século XX, a poesía é considerada de forma máis xeneralizada como a forma creativa fundamental de empregar a linguaxe.
A poesía emprega formas e convencións para suxerir diferentes interpretacións das verbas, ou para evocar respostas emotivas. Recursos como a asonancia, a aliteración, a onomatopea e o ritmo son empregados a miúdo para acadar efectos musicais ou de encantamento. O uso da ambigüidade, o simbolismo, a ironía e outros elementos estilísticos da dicción poética fan posible deixar un poema aberto a múltiples interpretacións. Figuras semellantes do discurso como a metáfora, o símil e a metonimia[4] crean unha resonancia entre imaxes dispares creando conexións de significados.
Algunhas clases de poesía son específicas de culturas e xéneros particulares e responden a características da lingua na que escriben os poetas. Os lectores acostuman a identificar a poesía con Dante, Goethe, Mickiewicz e Rumi e poden considerarse escritos con rima e métricas regulares. Porén, hai tradicións, como a poesía bíblica, que empregan outros xeitos para crear ritmo e eufonía. Moita da poesía moderna reflicte unha crítica á tradición poética,[5] poñendo a proba e xogando e co principio mesmo da eufonía, ou mesmo obviando a rima e o ritmo.[6][7] No proceso crecente de globalización, os poetas a miúdo adaptan estilos, formas e técnicas de diferentes culturas e linguas.
O Día mundial da poesía foi proclamado pola Conferencia Xeral da Unesco e celebrouse por primeira vez o 21 de marzo de 2000. A súa finalidade é fomentar o apoio aos poetas novos, volver ao encantamento da oralidade e restablecer o diálogo entre a poesía e as demais artes (teatro, danza, música etc.)