escritor e político galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Carlos Casares Mouriño, nado en Ourense o 24 de agosto de 1941 e finado en Vigo o 9 de marzo de 2002, foi un escritor en lingua galega, crítico literario e político. Estudou filosofía e letras en Santiago de Compostela, cidade na que entrou en contacto con representantes do galeguismo, como Ramón Piñeiro. Foi director da editorial Galaxia e da revista Grial. Cultivou sobre todo a narrativa. Nos anos sesenta publicou o libro de relatos Vento ferido e Cambio en tres. En 1975 aparece Xoguetes pra un tempo prohibido. Viñeron logo o libro de relatos Os escuros soños de Clío e as novelas Ilustrísima, Os mortos daquel verán, Deus sentado nun sillón azul e O sol do verán. É de destacar, tamén, o traballo como columnista, principalmente en La Voz de Galicia entre 1992 e 1998, recollido en sete volumes publicados por Galaxia de 2005 a 2008, titulados Á marxe. O ano 2017 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.[2][3]
Nome orixinal | Carlos Casares Mouriño |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 24 de agosto de 1941 Ourense, España |
Morte | 9 de marzo de 2002 (60 anos) Nigrán, España |
Deputado do Parlamento de Galicia | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Formación profesional | Filoloxía Románica |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | Escritor, crítico literario [1] |
Membro de | |
Xénero artístico | Narrativa |
Influencias | |
Lingua | Lingua castelá e lingua galega |
Obra | |
Obras destacables Véxase: "Obra" | |
Familia | |
Cónxuxe | Kristina Berg |
Fillos | Håkan Olof Casares Berg, Christian Casares |
Irmáns | Xabier Casares Mouriño |
Premios
| |
O pai de Carlos foi Francisco Casares Dacal, fillo de Herminio Casares e Francisca Dacal, e a nai Manuela Mouriño Pérez, filla de José Mouriño e Mercedes Pérez-Congil.[4] Carlos foi o segundo de tres irmáns. Naceu nunha casa da rúa Cardenal Quevedo de Ourense,[5] no seo dunha familia de clase media. Con tres anos de idade a familia trasladouse a Xinzo de Limia [3], onde seu pai exercía a profesión de mestre e onde naceu o seu irmán máis novo Xabier (1945). A infancia transcorreu entre Lamas, onde estaba a casa dos avós paternos, Sabucedo, na casa de Benito e Isolina, irmá da súa avoa materna, e Beiro, onde era abade o seu tío materno Xosé, na parroquia da que fora titular Basilio Álvarez.[4] Deste xeito, Carlos viviu no rural galego a súa primeira infancia, fortemente ligado á lingua do país, pois, aínda sendo a súa nai castelán-falante, na contorna o galego era a lingua absolutamente dominante.
Fillo dunha familia con grandes vencellos relixiosos (con varios cregos, o arcebispo Enrique Pérez Serantes entre eles), Carlos será enviado ao seminario de Ourense onde cursou Humanidades entre os cursos 1952-53 e 1956-57. Durante estes anos viviu unha forte represión lingüística que espertou no autor un espírito inconformista, chegando a aparecer a súa primeira experiencia literaria, o xornal El averno, que difundía de forma clandestina.[6] Como consecuencia disto, abandonou o seminario e cursou os estudos de bacharelato por libre, o cal lle facilitou unha chea de horas de liberdade que investiu no que foron os comezos da súa creación literaria. Así, gañou o primeiro premio do Concurso Provincial de Cuentos de Navidad na capital ourensá, o que lle deu a posibilidade de coñecer o intelectual galeguista Vicente Risco,[3] e comezou a asistir ó seu faladoiro no café Parque.[1]
Rematados os estudos, instalouse en Santiago de Compostela onde comezou a carreira de Filosofía e Letras, especializándose en Filoloxía Románica,[3] entre os anos 1961 e 1967. Na universidade entrou en contacto con Arcadio López-Casanova, e grazas a el coñeceu a Ramón Piñeiro, que exerceu unha grande influencia sobre el, ligándose así no núcleo da cultura galega antifranquista. Porén, non todo se reducía ao labor cultural. Carlos Casares formou parte tamén de ADE (Asociación Democrática de Estudiantes) e FELIPE (Frente de Liberación Popular) onde, segundo o propio autor, “descubrín o marxismo, e sentíame marxista”. Nestes anos de universidade tampouco descoidou o eido literario. Publicou varios relatos na revista Grial no ano 1965, e en 1967 saíu do prelo a súa primeira obra, Vento ferido, publicada por Editorial Galaxia na colección «Illa Nova».[3]
Rematada a carreira, regresou a Xinzo de Limia para agardar a convocatoria de oposicións. Mentres tanto, solicitou praza no Instituto de Ourense pero en 1969 comezou a traballar en Viana do Bolo como profesor auxiliar no Colegio Libre Asociado.[7] Nese mesmo ano publicou Cambio en tres, unha novela onde experimenta con diferentes técnicas vangardistas. Nese tempo tiña unha relación con Dolores Villarino, a quen lle dedica o libro.[8] Unha vez en Viana entrou en conflito coa dirección do centro ao realizar actividades que non gustaban ao réxime. O alcalde Neftalí Prieto deu queixas del e foi expulsado. Debido á intervención de Manuel García Garrido, reitor da Universidade de Santiago de Compostela, foille prohibido exercer a docencia en toda Galiza.
En novembro foi a Bilbao a ocupar un posto de profesor que lle ofreceran por medio dun amigo. Ao chegar alí informouse de que o posto estaba baleiro porque viñan de expulsar por razóns políticas a unha profesora, sobriña de Joaquín Satrústegui. Todo o claustro estaba enfrontado co director do centro. Ao rematar o curso non lle renovaron o contrato a ningún.[8]
Traballou por encargo de Ramón Piñeiro nunha edición crítica de Aires da miña terra de Curros Enríquez.[9] En setembro de 1971, cando ía levarlle a edición rematada, coñeceu no TER de Ourense a Santiago a Karin Anna Kristina Berg Casares (1948-2012),[10] unha rapaza de Halmstad, Suecia. Logo de casaren ese mesmo ano, foi a súa muller até a fin dos seus días.[8] Deste xeito, Carlos visitou con frecuencia Suecia, un país cunha sociedade aberta, democrática e avanzada, e alí naceron os seus fillos Håkan (1974) e Christian (1976).[11]
No 1974 presentouse ás oposicións convocadas, e conseguiu praza de profesor de Lingua e Literatura Española no Instituto de Ensino Medio de Cangas. Pero ao pouco tempo foi expedientado xunto a Xosé Luís Méndez Ferrín, Xesús Alonso Montero e Francisco Rodríguez Sánchez por apoiar as reivindicacións do profesorado non numerario.[12]
Un ano despois gañou o premio Galaxia, conmemorando o 25 aniversario da editorial, coa obra Xoguetes para un tempo prohibido, novela onde fai un retrato da súa xeración. O certame levouno a ser recoñecido como unha das voces emerxentes máis renovadoras e significativas da narrativa galega. Isto, xunto aos estudos realizados sobre Otero Pedrayo, Vicente Risco ou Curros, levárono a entrar na Real Academia Galega a proposta de Domingo García-Sabell Rivas, Ramón Piñeiro López e Marino Dónega Rozas, o 27 de maio de 1978 (sendo o membro numerario máis novo) co discurso de ingreso O desastre de 1898 e os escritores galegos[13] respondido por Francisco Fernández del Riego. Ocupou a cadeira que até 1975 fora de Xesús Ferro Couselo e na que Víctor Fernández Freixanes sucedeu a Casares en 2004.[14]
A pesar do seu traballo como ensaísta, non esqueceu a narrativa, e seguiu publicando obras con boa acollida polo público, como Os escuros soños de Clío (1979); Ilustrísima (1980) e tras deixar a súa carreira parlamentaria Os mortos daquel verán (1987), Deus sentado nun sillón azul (1996) e O sol do verán (2002).
Casares participou da política galega nos anos de transición e comezos da democracia. Foi un dos 21 asinantes do manifesto Realidade Galega, nado co obxectivo de conseguir un estatuto galego á par do de Cataluña e o do País Vasco de 1979. Este feito púxoo, canda o seu compañeiro e amigo Ramón Piñeiro, en primeira liña da política galega daquel entón, o que levou a ambos os dous á súa participación nas eleccións do 20 de outubro como independentes nas listas do PSOE e a seren membros do primeiro parlamento de Galiza no ano 1981. Nel, cómpre salientar o esforzo que ambos os dous intelectuais farían para a redacción e aprobación da Lei de normalización lingüística no 1983 e a creación do Consello da Cultura Galega, no mesmo ano. Mentres, a actividade política non remataba de convencer a Casares que, catro anos máis tarde, non se volvería presentar ás eleccións e pasaría a centrarse de novo no traballo cultural, chegando a presidir o Consello da Cultura Galega (1996-2002), e a dirixir a Editorial Galaxia (1986-2002) e a revista Grial.
Xa na década de 1990 dedicouse a viaxar por medio mundo participando en múltiples congresos e encontros, como os Congresos mundiais do PEN Internacional en Maastricht, Toronto e Compostela (xa que foi o presidente do PEN Clube de Galicia de 1996 a 1999) ou o Literarisches Kolloquium en Berlín. Deu tamén cursos de galego en cidades como Nova York.
A noite entre o 8 e o 9 de marzo do 2002, estando na súa casa da parroquia da Ramallosa, concello de Nigrán, sufriu unha crise cardíaca. Foi trasladado ao servizo de urxencias do hospital Xeral de Vigo e de aí ao hospital do Meixoeiro, onde faleceu.[16] Foi velado no tanatorio de Pereiró e inhumado no camposanto de San Fiz de Nigrán, concello no que residiu dende máis de vinte anos atrás.[17]
Todas as obras de Casares están moi traballadas tecnicamente, e escritas cunha linguaxe que pretende chegar ao meirande número de lectores.[3]
Colaborou en numerosas revistas e xornais, entre elas Grial, revista da que foi director dende 1989 a 2002, ano do seu falecemento. Casares publicou tamén en xornais coma La Región (dende 1968), El País e La Voz de Galicia. A este último estivo ligado toda a súa vida, chegando a publicar en diferentes seccións. Así, entre o ano 1975 e 1992 escribiu "Ledicia de ler", sección onde abordaba as novidades editoriais galegas, case con periodicidade semanal. Outra das súas publicacións foi "Á Marxe", especie de anecdotario que, con periodicidade irregular durante os primeiros anos, foi diaria dende xuño de 1992 até o mesmo día da seu finamento.
Como biógrafo e ensaísta legou varios traballos sobre a vida e obra de Manuel Curros Enríquez, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Ánxel Fole, Francisca Herrera Garrido, Fermín Bouza-Brey, Ramón Piñeiro, Xan da Coba e o Padre Sarmiento; así como unha achega á presenza de Ernest Hemingway en Galiza e de Galiza na obra do escritor norteamericano, Hemingway en Galicia (1999).
O humor, a sinxeleza e a claridade no tratamento dos temas que afectan ó mundo de hoxe constitúen as marcas máis características do seu estilo narrativo e ensaístico.
Amais de levar obra propia ao castelán, Casares traduciu ao galego outras de varios autores, entre elas:[77]
Cinco centros educativos públicos levan o seu nome, repartidos polas provincias de Pontevedra e Ourense:
Así mesmo, un autocar do Castromil e varios xardíns, parques, rúas e prazas de Galiza levan o nome do escritor:[86]
En xullo de 2016 foi escollido pola Real Academia Galega para ser a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas do ano 2017. Os outros candidatos foron Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990), Plácido Ramón Castro del Río (Corcubión, 1902 - Cambados, 1967) e Antonio Fernández Morales (Astorga, 1817 - Cacabelos, 1896).[88]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.