compositor austro-húngaro From Wikipedia, the free encyclopedia
Erich Wolfgang Korngold, nado en Brünn (hoxe Brno, na República Checa) o 29 de maio de 1897 e finado nos Ánxeles foi un compositor austro-húngaro nacionalizado estadounidense.[1][2] Mentres o seu estilo romántico era considerado pasado de moda no tempo da súa morte, a súa música sufriu unha nova avaliación recentemente espertando de novo o seu interese.[3] É considerado, xunto con compositores como Max Steiner e Alfred Newman, un dos fundadores da música do cinema.
Korngold naceu nunha familia xudía na actual Brno, segundo fillo do eminente crítico musical Julius Korngold. Foi un neno prodixio que tocou a súa cantata Gold a Gustav Mahler en 1909; Mahler chamouno "xenio musical" e recomendoulle para estudar co compositor Alexander von Zemlinsky. Richard Strauss tamén falou con eloxios del durante a súa mocidade.
Aos once anos compuxo o seu ballet Der Schneemann, que foi unha sensación ao ser estreado na ópera de Viena en 1910. A esta obra seguiu unha sonata para piano que Artur Schnabel interpretou por toda Europa.[3] Nestes primeiros anos Korngold tamén fixo gravacións en vivo.
A súa primeira peza para orquestra, Schauspiel Ouverture, foi composta cando tiña catorce anos. O ano seguinte apareceu a súa Sinfonietta, e as primeiras dúas óperas, Der Ring des Polykrates, e Violanta, en 1914. Die tote Stadt, que foi un éxito internacional, chegou en 1920. Nese momento, con vinte e tres anos acadara o cénit da súa fama como compositor de óperas e concertos. Tamén comezou a arranxar e dirixir operetas para Johann Strauss e outros compositores mentres ensinaba ópera e composición na Vienna Staatsakademie. Korngold recibiu o título de profesor honoris causa polo presidente de Austria.[3]
Max Reinhardt, con quen colaborara nas operetas Die Fledermaus e La belle Helene, propúxolle ir a Hollywood en 1934 para adaptar a música de A Midsummer Night's Dream, de Felix Mendelssohn, para a versión cinematográfica da obra. En 1938 estaba dirixindo óperas en Austria cando a Warner Brothers lle ofreceu volver a Hollywood e compoñer a banda sonora de As aventuras de Robin Hood (1938), con Errol Flynn. Aceptou e marchou en barco. Cando ao pouco de chegar se produciu o Anschluss a súa condición de xudeu en volveuse perigosa en Austria e Korngold quedou en América. Tempo despois afirmou: "Pensabamos que eramos vieneses; Hitler fíxonos xudeus."[4] En 1943 nacionalizouse estadounidense.
En 1945 faleceu o seu pai, que nunca se sentira cómodo nos Ánxeles nin aprobara a decisión do seu fillo de centrarse na composición cinematográfica.[5] Nese tempo a guerra en Europa xa acabara e ademais Korngold comezou a desilusionarse cos novos filmes que se facían en Hollywood, facéndolle decidir volver á música para concertos e para teatro.[5] Deixou de compoñer bandas sonoras en 1946, tras Deception. Porén, por unha petición de Republic Pictures adaptou a música de Richard Wagner para un filme biográfico sobre o compositor titulado Magic Fire (1955), dirixido por William Dieterle.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.