Fresadora
máquina ferramenta / From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha fresadora é unha máquina ferramenta utilizada para realizar mecanizados por arranque de labra mediante o movemento dunha ferramenta rotativa de varios fíos de corte denominada fresa.[1] Mediante o fresado é posible mecanizar os máis diversos materiais como madeira, aceiro, fundición de ferro, metais non férricos e materiais sintéticos, superficies planas ou curvas, de entalladura, de rañuras, de dentado etc. Ademais as pezas fresadas poden ser desbastadas ou afinadas.[2] Nas fresadoras tradicionais, a peza desprázase achegando as zonas a mecanizar á ferramenta, permitindo obter formas diversas, desde superficies planas a outras máis complexas.
Inventadas a principios do século XIX, as fresadoras convertéronse en máquinas básicas no sector do mecanizado. Grazas á incorporación do control numérico, son as máquinas ferramentas máis polivalentes pola variedade de mecanizados que poden realizar e a flexibilidade que permiten no proceso de fabricación. A diversidade de procesos mecánicos e o aumento da competitividade global deron lugar a unha ampla variedade de fresadoras que, aínda que teñen unha base común, diferéncianse notablemente segundo o sector industrial no que se utilicen.[3] Así mesmo, os progresos técnicos de deseño e calidade que se realizaron nas ferramentas de fresar, fixeron posible o emprego de parámetros de corte moi altos, o que levou a unha redución drástica dos tempos de mecanizado.
Debido á variedade de mecanizados que se poden realizar nas fresadoras actuais, ao amplo número de máquinas diferentes entre si, tanto na súa potencia como nas súas características técnicas, á diversidade de accesorios utilizados e á necesidade de cumprir especificacións de calidade rigorosas, a utilización de fresadoras require de persoal cualificado profesionalmente, xa sexa programador, preparador ou fresador.[4] O emprego destas máquinas, con elementos móbiles e cortantes, así como líquidos tóxicos para a refrixeración e lubricación do corte, require unhas condicións de traballo que preserven a seguridade e saúde dos traballadores e eviten danos ás máquinas, ás instalacións e aos produtos finais ou semielaborados.