Galegofobia
From Wikipedia, the free encyclopedia
A galegofobia[1] ou galaicofobia[2] fai referencia á aversión non xustificada cara a Galicia, cara á cultura e lingua galegas e cara ao individuo galego e a súa identidade. Malia que o termo non aparece recollido en ningún dicionario de corte académico, trátase da denominación xenérica e popular para se referir a este fenómeno tanto na prensa coma no eido social. Así, a primeira constancia que se ten do seu uso é nun artigo de prensa asinado por Villar Ponte e datado en 1916.[3] As primeiras manifestacións de galegofobia correron a cargo de múltiples e sobranceiros literatos en lingua castelá (Miguel de Cervantes, no seu Quixote,[4] como exemplo destacado), mais tamén é posible rastrexala na historiografía nacionalista española (cuxa figura paradigmática é Menéndez Pidal) ou mesmo nos ámbitos político e televisivo[5] contemporáneos.[6]
Se ben é certo que os meirandes e máis numerosos exemplos de galegofobia proceden do ámbito hispánico, tamén existiu (e segue a existir) a nivel europeo e internacional.[7]
No prólogo de Cantares Gallegos, a escritora Rosalía de Castro puxo de relevo boa parte destas cuestións:
" [...] todo esto me atrevín a cantar neste homilde libro pra desir unha vez siquera i anque sea torpemente, ós que sin razón nin conocemento algún nos desprezan, que a nosa terra é dina de alabanzas, e que a nosa lingua non é aquela que bastardean e champurran torpemente nas máis ilustradísimas provincias cunha risa de mofa que, a desir verdade (por máis que ésta sea dura), demostra a iñorancia máis crasa i a máis imperdoable inxusticia que pode facer unha provincia a outra provincia hirmán por probe que ésta sea. Mais he aquí que o máis triste nesta cuestión é a falsedade con que fóra de aquí pintan así ós fillos de Galicia como a Galicia mesma, a quen xeneralmente xuzgan o máis despreciable e feio de España, cando acaso sea o máis hermoso e dino de alabanza.”