Grafeno
From Wikipedia, the free encyclopedia
O grafeno é unha substancia formada por carbono puro, con átomos dispostos nun patrón regular hexagonal similar ó grafito, pero nunha folla dun átomo de espesor. É moi lixeiro, unha lámina de 1 metro cadrado pesa tan só 0,77 miligramos.
O grafeno é un alótropo do carbono, un teselado hexagonal plano (como panal de abella) formado por átomos de carbono e ligazóns covalentes que se xeran a partir da superposición dos híbridos sp2 dos carbonos enlazados.
O Premio Nobel de Física de 2010 outorgóuselle a Andre Geim e a Konstantín Novosiólov polos seus revolucionarios descubrimentos sobre o material bidimensional grafeno.[1][2]
Mediante a hibridación sp2 explícanse mellor os ángulos de ligazón, a 120°, da estrutura hexagonal do grafeno. Como cada un dos carbonos contén catro electróns de valencia no estado hibridado, tres deses electróns alóxanse nos híbridos sp2, e forman o esqueleto de ligazóns covalentes simples da estrutura.
O electrón sobrante alóxase nun orbital atómico de tipo «p» perpendicular ó plano dos híbridos. O solapamento lateral de devanditos orbitais dá lugar á formación de orbitais de tipo π. Algunhas destas combinacións propician un xigantesco orbital molecular deslocalizado entre todos os átomos de carbono que constitúen a capa de grafeno.
O nome provén de intercambio -no vocábulo grafito- de sufixos: «ito» por «eno»: propio dos carbonos con ligazóns dobres. En realidade, a estrutura do grafito pode considerarse unha pila de gran cantidade de láminas de grafeno superpostas.[3] As ligazóns entre as distintas capas de grafeno apiladas débense a forzas de Van der Waals e interaccións dos orbitais π dos átomos de carbono.
No grafeno, a lonxitude das ligazóns carbono-carbono é de aproximadamente 1,42 Å (Ångströms). É o compoñente estrutural básico de todos os demais elementos grafíticos, incluídos o propio grafito, os nanotubos de carbono e os fullerenos.
A esta estrutura tamén se lle pode considerar unha molécula aromática extremadamente extensa nas dúas direccións espaciais. É dicir, sería o caso límite dunha familia de moléculas planas de hidrocarburos aromáticos policíclicos denominada grafenos.