Hilozoísmo (literatura)
From Wikipedia, the free encyclopedia
O hilozoísmo[1] (termo procedente da filosofía, introducido por Ricardo Carballo Calero[2] para referirse a esta corrente literaria na súa Historia da literatura galega contemporánea), tamén chamado imaxinismo[3], foi un movemento poético nacido en Galicia durante a época das vangardas históricas, aínda que inspirado na poesía popular e afastado, en realidade, do espírito destas[4]. O primeiro cultivador foi Luís Amado Carballo. Así se refire a el o crítico ferrolán:
"En fin, é o hilozoísmo, o animismo, o que nos parez caracterizar a imaxe do noso poeta, que nos presenta unha natureza viva, animal, humana[5]."
Identifícase como hilozoísta, pois, a poesía de temática centrada na representación dunha paisaxe rural ou natural fortemente humanizada e coa recorrencia a elementos pertencentes á cultura aldeá, non exenta de certo folclorismo[6]. A innovación do hilozoísmo, corrente polo demais debedora das vellas tendencias panteístas e franciscanas de poesía galega, consistiu en vestir a tradición de novas imaxes e ritmos, é dicir, de incorporar (e renovar) elementos populares ás veces influídos polo tratamento da metáfora que estaban a espallar vangardas coma o ultraísmo[2]. Nos poemas hilozoístas a natureza cobra o maior protagonismo a partir desas imaxes autónomas, en ocasións á procura do achado audaz, que a presentan viva e en constante movemento.[7]