Legado (Roma antiga)
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un legado (en latín, legatus) era un xeneral do exército romano, equivalente a un moderno oficial xeral ou lugartenente. Sendo de rango senatorial, o seu superior inmediato era o dux e tiña maior rango que tódolos tribunos militares. Para mandar un exército independente do dux ou gobernador provincial, os legados tiñan que ter rango pretorio ou superior; un legado podía ser investido con imperium propretorio (legatus prol praetore) por dereito propio. Os legados recibían unha parte substancial do botín do exército ao final dunha campaña, o que facía desta unha posición lucrativa, así que a miúdo podía atraer mesmo a cónsules distinguidos (por exemplo, o cónsul Lucio Xulio César ofreceuse voluntario a finais da guerra das Galias como legado baixo o mando do seu parente Caio Xulio César).
Os homes que desempeñaban o cargo de legado escollíanse entre a clase senatorial de Roma. Tralas reformas de Caio Mario, había dúas posicións principais: o legatus legionis, de rango pretorio, ao que se dá o mando dunha das lexións de elite romanas,[1] e o legado propretor, de rango consular, era a quen se daba o goberno dunha provincia romana cos poderes maxistrais dun pretor, que nalgúns casos dáballe o mando de catro ou máis lexións.
Este rango era tamén dun comandante lexionario xeral, posto xeralmente era atribuído polo emperador. A persoa elixida para este cargo era un anterior tribuno e mandaba durante tres ou catro anos, aínda que podía servir durante un período aínda maior. Nunha provincia con só unha lexión, o legado era tamén o gobernador provincial, pero en provincias con varias lexións, cada lexión tiña un legado e o gobernador provincial (que estaba separado das lexións) tiña mando xeral sobre todas elas.
Tamén recibiron o nome de legados cada un dos socios que os procónsules levaban na súa compañía ás provincias como unha especie de asesores ou conselleiros os cales en caso de necesidade os sustituían.