poetisa galega From Wikipedia, the free encyclopedia
Luz Pozo Garza, nada en Ribadeo o 21 de xullo de 1922 e finada na Coruña o 20 de abril de 2020, foi unha escritora, crítica literaria e poeta galega, unha das máis destacadas da literatura galega da segunda metade do século XX, renovadora tanto na forma como na temática abordada. Códice Calixtino (1986, Sotelo Blanco Edicións) é unha das súas obras máis destacadas. En 1995 foi recoñecida coa Medalla Castelao. Dende 1996 foi membro numerario da Real Academia Galega, ocupando o cargo de vicesecretaria de 1997 a 2001. En 2007 foi proposta pola Asociación de Escritores en Lingua Galega para o Premio Nobel de Literatura. Os seus poemas foron traducidos ao castelán, portugués, catalán, francés, inglés, alemán, húngaro, ruso e xaponés.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 21 de xullo de 1922 Ribadeo, España |
Morte | 20 de abril de 2020 (97 anos) A Coruña, España |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Educación | Universidade de Oviedo |
Q89547790 | Códice Calixtino |
Actividade | |
Ocupación | poetisa , escritora , crítica literaria |
Membro de | Real Academia Galega (académica de número) (1996–2020) Real Academia Galega (membro correspondente) (1950–1996) |
Xénero artístico | Poesía, ensaio |
Lingua | Lingua castelá e lingua galega |
Familia | |
Cónxuxe | Eduardo Moreiras (1982–1991), morte Francisco Vázquez Ramudo (1944–década de 1980), divorcio |
Fillos | Gonzalo, Mónica e Luz Vázquez Pozo |
Premios
| |
Filla de Gonzalo Pozo y Pozo, inspector veterinario e militante de Izquierda Republicana e Luz Garza Feijoo, mestra políglota, ata os sete anos de idade (1929) viviu en Ribadeo, onde comezou a estudar con Prieto Coussent[1], posteriormente residiu en Viveiro ata o verán de 1936.[2] Con catorce anos de idade, por mor da Guerra civil española e da persecución da que foi obxecto seu pai, cofundador en Viveiro do Partido Republicano Radical Socialista, detido e preso na cadea dos sotos do edificio da emisora local de radio de Lugo, trasladouse coa súa nai e irmáns a vivir nunha fonda da rúa Bispo Aguirre desa cidade ata finais de 1938.[lower-alpha 1][3] Aos 15 anos de idade comezou a colaborar con Radio Lugo.[4] Xa co pai liberado, e coa axuda do tío Román del Pozo y del Pozo, funcionario de facenda en Tetuán,[5] foron a vivir a Larache (Protectorado Español de Marrocos). O seu único irmán varón, Gonzalo, mobilizado polo bando nacional, morreu no Hospital Militar de Jaca en 1939, aos vinte anos de idade.
Volveron a Viveiro en 1940. Durante eses anos de posguerra finalizou o bacharelato. Fixo estudos musicais de solfexo, piano, violín e laúde que deixaron unha singular pegada na súa poética, estudos de maxisterio e de filoloxía románica. Casou en maio de 1944 cun profesor seu da academia Minerva, Francisco Vázquez Ramudo, despois alcalde de Viveiro de 1957 a 1963,[6] e tivo un fillo, Gonzalo (1945), e dúas fillas, Mónica (1959) e Luz (1962). Foi á Universidade de Oviedo a estudar literatura, sendo alumna de Carmen Bobes e Emilio Alarcos Llorach e licenciándose en Filosofía e Letras en 1963. Iniciou a andaina literaria primeiramente en castelán, para se decantar exclusivamente polo galego na década dos oitenta.[7]
Os seus traballos foron publicados en Las Riberas del Eo, La Noche, Poesía Española, Ínsula, Vida Gallega, Ateneo Ferrolán e Galeuzca.[8] Segundo a mesma autora, Dionisio Gamallo, foi o seu mentor.[9] Frecuentou o trato cos poetas Luís Pimentel e Eduardo Moreiras, ao que coñeceu en 1948 e co que casou en segundas nupcias en 1982, tras divorciarse do seu primeiro marido.[7] O pasamento de Moreiras, en 1991, afectoulle profundamente.[10]
Desenvolveu en Badaxoz (moi pouco tempo), Corcubión (como directora), A Coruña e Vigo unha longa traxectoria de docente de lingua e literatura españolas no ensino secundario,[7] xubilándose en 1987 no Instituto de Nigrán. Entre 1975 e 1976 codirixiu Nordés: revista de poesía y crítica xunto a Tomás Barros (aínda que tivo que figurar como subdirectora pola forte discriminación de xénero do réxime franquista).[11][7] Promoveu tamén a creación da revista Clave Orión, que botou a andar en 1995.[2]
Formou parte da promoción de enlace, entre a xeración do 36 e a xeración das Festas Minervais, canda Ramón González-Alegre, Faustino Rey, Antón Tovar, Tomás Barros, Xavier Costa Clavell, Eliseo Alonso, Manuel Cuña Novás, María do Carme Kruckenberg, Xosé Neira Vilas, José Ángel Valente, Manuel Blanco Mariño e Antón Santamarina Delgado.[12]
Foi membro correspondente da Real Academia Galega dende 1950.[11] A proposta de Xesús Alonso Montero, Carlos Casares e Salvador García-Bodaño, pasou a ser membro numerario o 29 de novembro de 1996, a segunda muller en facelo (tras Olga Gallego), pronunciando o discurso titulado Diálogos con Rosalía,[13] respondido por Alonso Montero. Foi vicesecretaria da institución de 1997 a 2001,[8] a única muller que ocupou un posto de dirección durante a presidencia de Francisco Fernández del Riego.[14] Foi membro e directiva do PEN Clube de Galicia.[8]
A poesía de Luz Pozo bebeu con frecuencia na fonte de Rosalía de Castro.[11] O seu libro máis coñecido, Códice Calixtino, formado por poemas escritos basicamente na década dos oitenta, publicado por primeira vez no ano 1986 en Sotelo Blanco, na colección Leliadoura, é unha obra de plenitude na que se unen luz e sombra, paixón e melancolía, vida e morte, tradición e modernidade, mediante unha expresión intimista, unha obra para unha literatura na que Luz Pozo é confluencia de xeracións e creadora dun novo e vivo xeito de sentir a poesía.[15] O comezo do século XXI foi tamén para a escritora un momento de exploración da inspiración gaélica, unha conexión literaria á que chegou por motivos familiares, reflectida en As arpas de Iwerddon (Linteo 2005).[11]
Ten dado ao prelo numerosos traballos sobre Rosalía de Castro, Ramón Otero Pedrayo, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Rafael Dieste, Manuel Antonio, Xosé Luís Franco Grande, Álvaro Cunqueiro, Tomás Barros, Martín Codax e Luís Seoane que viron a luz en Grial e Nordés sobre todo.[8][16]
Pronunciou conferencias nas Universidades de Berlín, Heidelberg, Tréveris e Bruxelas e participou en distintos congresos e seminarios nacionais e internacionais.[8]
Luz Pozo foi, segundo Rosario Álvarez Blanco "unha voz ilustre na nosa poesía desde a publicación do seu primeiro poemario en galego, O paxaro na boca (1952), que inaugurou a colección Xistral".[14] Na súa obra posterior Luz Pozo achega unha poesía inzada de sensualidade e profunda, na cal o amor, a inquedanza existencial, a patria, a liberdade e mesmo a morte se entrecruzan compondo textos de sublime autenticidade e madurez.[17]
Finou como decana da poesía galega, aos 97 anos de idade, o luns 20 de abril de 2020, na Coruña, a cidade na que residía dende finais dos anos oitenta.[11]
“ | Naquela cidade |
” |
— "Far blues". Códice Calixtino. |
“ | As súas acendidas prosas poéticas, inspiradas por Eduardo, teñen como fío argumental o itinerario sensual e sentimental de historia primeira dos amantes como presaxio e desenvolven, en dialéctica permanente, os temas da paixón erótica e da desolación sentimental, aínda que se superpoña sempre a primeira en apoteótico estalido cósmico de orxía dionisíaca.[lower-alpha 10] | ” |
— Carmen Blanco, 2006.[29] |
Compuxo a letra do Himno do Congreso Eucarístico de Viveiro, arranxado por Hernán Naval para a ocasión da homenaxe á Virxe dos Remedios feita na década dos noventa.[30]
En setembro de 2001 foi nomeada socia de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega (letra E),[37] celebrando con ela a «Homenaxe á Escritora na súa Terra» en Ribadeo, chantando un monólito cun poema que seleccionou do libro Vida secreta de Rosalía.[38] Ese mesmo ano, Ribadeo adicoulle unha rúa.[39] Asemade, ten rúas adicadas no Burgo de Culleredo,[40] na Coruña[41][42] e na Pobra do Caramiñal.
En 2007 a AELG acordou, na asemblea anual celebrada no Museo do Pobo Galego, propoñela á Academia Sueca, canda Xosé Luís Méndez Ferrín, como candidata ao Premio Nobel de Literatura,[43] sendo a primeira muller galega nomeada para un Premio Nobel.[44]
En 2017, co gallo do seu 95 aniversario, a RAG rendeulle unha homenaxe. No acto recitáronse versos da súa autoría por dez poetas de distintas xeracións. A escolma foi recollida no opúsculo Un pozo de luz.[28]
En 2018 déronlle o seu nome á Escola Oficial de Idiomas de Viveiro,[45] concello que a nomeou filla adoptiva.[46]
A finais de 2019 foi proposta para filla predilecta de Ribadeo, nun expediente instruído pola concelleira de Cultura, Pilar Otero Cabarcos. Foi nomeada o 18 de xaneiro de 2020.[9][47][48] Despois do seu pasamento, o concello de Ribadeo decretou poñer as bandeiras a media hasta.[49]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.