Metatarso
From Wikipedia, the free encyclopedia
O metatarso é o conxunto de ósos situados na parte central do pé entre as dedas e o tarso, que se compón de cinco ósos metatarsianos (ossa metatarsalia), que se numeran desde a cara medial (interna) do pé, de modo que o primeiro é o que se continúa coas falanxes da deda gorda.
Os metatarsianos son uns ósos longos formados por un corpo prismático triangular con tres caras, a superior e dúas laterais, e dous extremos, anterior e posterior, este último con cinco caras, das cales tres son articulares (excepto o 1º e o 5º, que só teñen dúas). Entre eles están situados os músculos interóseos. Nos metatarsianos insírense diversos ligamentos e tendóns musculares.
O primeiro metatarsiano é máis curto e robusto ca os demais. O segundo é o máis longo. Cada metatarsiano posúe unha base proximal, un corpo e unha cabeza distal. A base de cada metatarsiano é o extremo proximal de maior tamaño, que, segundo os casos, se articulan coas cuñas e o cuboide. As cabezas articúlanse coas falanxes do pé proximais. Os metatarsianos mostran unha lixeira torsión do seu eixe.
Articúlanse polo extremo posterior uns con outros e con ósos do tarso: o 1º coa 1ª cuña; o 2º coa 2ª cuña; o 3º coa 3ª cuña, e o 4º e 5º co cuboide. Polo extremo anterior articúlanse coas falanxes das dedas.[1]