Reacción anaplerótica
From Wikipedia, the free encyclopedia
As reaccións anapleróticas (do grego ἀνά e πληρόω= encher) ou reaccións de recheo son reaccións que forman moléculas intermediarias dunha vía metabólica fóra desa vía metabólica[1], que se poden incorporar a dita vía, e o termo aplícase xeralmente á produción deste modo de moléculas do ciclo do ácido cítrico (ou de Krebs). Na función normal do ciclo do ácido cítrico na respiración celular, as concentracións dos intermediarios do ciclo permanecen constantes, pero como moitas outras vías biosintéticas usan eses intermediarios como substrato (como a síntese de bases nitroxenadas, aminoácidos e hemo)[2], pode diminuír a cantidade destes necesario para alimentar o ciclo do ácido cítrico. A anaplerose consiste en reencher as cantidades dos intermediarios do ciclo do ácido cítrico que foron desviadas para a biosíntese para que a respiración celular poida continuar. Como esta ruta é un ciclo, calquera dos intermediarios pode servir para reencher o ciclo.
Como o ácido cítrico é unha ruta central do metabolismo para a produción de enerxía e a biosíntese, é fundamental que estean ben reguladas as concentracións dos seus metabolitos na mitocondria. O fluxo anaplerótico debe compensar a perda destas moléculas, que se desviaron a outras vías, para así manter a homeostase do metabolismo celular.[3]