Semana Santa de Viveiro
celebración relixiosa en Viveiro / From Wikipedia, the free encyclopedia
A Semana Santa de Viveiro é unha celebración católica que ten lugar de xeito anual, na cidade galega de Viveiro.[1] É unha das celebracións relixiosas máis antigas de Galicia, que se vén realizando de modo ininterrompido dende o século XIII.[2][3] Nesta conmemórase a paixón, morte e resurrección de Xesús de Nazaret a través dos diferentes actos, celebracións e procesións que realizan as confrarías. Ademais do seu carácter relixioso, a Semana Santa de Viveiro é tamén considerada coma un acontecemento cultural, popular e de atracción turística.[4]
Semana Santa de Viveiro | |
---|---|
A "Virxe da Clemencia". | |
Datos da festa | |
Nome oficial | Semana Santa de Viveiro |
Tipo | Relixiosa católica |
Celebrada por: | Xunta de Confrarías da Semana Santa de Viveiro |
Lugar | Viveiro Galicia España |
Comezo | Venres de Dores, (o venres previo ao Domingo de Ramos). |
Fin | Domingo de Resurrección, (o domingo seguinte ao de Ramos). |
Data | Variable (determínase segundo o Computus). |
Participantes | Confrarías e Irmandades, englobadas dentro da Xunta de Confrarías. |
Significado | Representar e celebrar a Paixón, Morte e Resurrección de Cristo |
Recoñecementos | Interese Turístico Internacional (2013) |
A Semana Santa de Viveiro é un dos principais reclamos turísticos da localidade conseguindo ano a ano atraer a miles de visitantes que chegan chamados polo carácter único destas celebracións.[5] Como reflexo da súa importancia, a celebración da Semana Santa de Viveiro alcanzou a declaración de Interese Turístico Internacional, recoñecemento que logrou no ano 2013.[6][7] Esta Semana Santa destaca polo gran valor artístico da imaxinería e ourivaría,[8] ademais de ter un carácter xeralmente sobrio e austero, que fai que se asemelle máis á Semana Santa castelá, en comparación con exemplos quizais máis soados como a Semana Santa andaluza.[8]
Os actos centrais da Semana Santa de Viveiro dan comezo o Venres de Dores e a súa celebración prolóngase durante máis dunha semana, finalizando o Domingo de Resurrección. Nela participan un total de oito Confrarías e Irmandades que compoñen a Xunta de Confrarías, encargada de coordinar os diferentes actos e desfiles procesionais que representan a Paixón de Cristo.[9]