Sexo anal
práctica sexual que consiste na introdución de dedos, pene, outras partes do corpo ou obxectos, no ano, para a consecución de pracer / From Wikipedia, the free encyclopedia
O sexo anal é unha práctica sexual que consiste na introdución do pene erecto no ano e o recto da parella, co fin de obter pracer.[1][2][3] Outras formas de sexo anal inclúen o fingering, o uso de xoguetes sexuais, o sexo oral realizado no ano (anilingus), e o pegging.[2][4][5] O termo sexo anal refírese máis comunmente á penetración do pene no ano,[1][2][4][6] mais algunhas fontes refírense a coito anal para a penetración anal, e sexo anal para calquera forma actividade sexual, especialmente en parellas, e oposta á masturbación anal.[6][7]
Aínda que o sexo anal está moi asociado coa homosexualidade masculina, non tódolos homes gay practican sexo anal e é bastante frecuente nas relacións heterosexuais.[3][8][9][10] Algunhas clases de sexo anal poden ser parte das prácticas sexuais lésbicas.[11] O pracer no sexo anal pódese experimentar a través da estimulación das terminacións nerviosas anais, e o orgasmo pode acadarse coa penetración anal, ben sexa coa estimulación indirecta da próstata masculina, a estimulación indirecta do clítoris ou a área da vaxina asociada co punto G nas mulleres, e outros nervios sensitivos (especialmente o nervio pudendo).[2][3][12][13] Porén, tamén pode ser unha práctica dolorosa, en ocasións en exceso,[14][15] que poden deberse a factores psicolóxicos nalgúns casos.[16]
Como a maioría de formas de actividade sexual, os participantes en sexo anal corren o risco de contaxiarse Infeccións de transmisión sexual (ITS). O sexo anal está considerada unha práctica sexual de alto risco por mor da vulnerabilidade do ano e do recto. Os tecidos anal e rectal son moi delicados e non contan con lubricación natural, polo que poden danarse doadamente e permitir a transmisión de infeccións, especialmente se non se emprega lubricante.[1][3][17] O sexo anal sen a protección do preservativo está considerada a máis arriscada forma de práctica sexual,[17][18][19] e por ese motivo, autoridades como a Organización Mundial da Saúde (OMS) recomendan prácticas de sexo seguro para o sexo anal.[20]
O sexo anal non é, polo xeral, unha práctica ben considerada. É controvertido en numerosas culturas, especialmente por mor das prohibicións relixiosas. Son comúns as prohibicións de sexo anal entre homes xa que se opón ó propósito procreador da actividade sexual.[4][5][7] Pode estar considerado como tabú ou contranatural, e é un acto criminal nalgúns países, penado con castigo físico ou pena de morte. Por outra banda, tamén hai xente que considera o sexo anal unha forma válida e natural de actividade sexual que é complementaria a outras expresións do desexo sexual. Estas persoas considérano un elemento importante da súa vida sexual ou a principal forma de actividade sexual.[4][5][7]