Supercúmulo
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un supercúmulo é un gran conxunto formado por de agrupacións de menor nivel de galaxias como cúmulos de galaxias ou grupos de galaxias, que é unha das estruturas máis grandes coñecidas do cosmos. A Vía Láctea forma parte do cúmulo galáctico chamado Grupo Local (que contén máis de 54 galaxias), o cal á súa vez forma parte do Supercúmulo de Laniakea.[2] Este supercúmulo esténdese ao longo de 500 millóns de anos luz, mentres que o Grupo Local abrangue uns 10 millóns de anos luz.[3] O número de supercúmulos no Universo observable estímase que é de 10 millóns.[4]
As galaxias non están dispersas polo espazo aleatoriamente, senón que están agrupadas en cúmulos. Os cúmulos de galaxias, á súa vez, agrúpanse entre si para formar supercúmulos. Tipicamente, os supercúmulos conteñen ducias de cúmulos individuais en áreas do espazo dun diámetro duns 150 millóns de anos luz. A diferenza dos cúmulos, a maioría dos supercúmulos non están ligados gravitacionalmente. Os cúmulos que os compoñen están xeralmente separándose uns doutros debido ao fluxo de Hubble.
A galaxia Vía Láctea está incluída no Grupo Local, que é un pequeno e irregular cúmulo de galaxias. Os cúmulos pobres en galaxias como o Grupo Local poden conter só unhas poucas ducias de galaxias, comparados cos cúmulos máis ricos en galaxias que teñen centos ou miles. O Grupo Local está preto do Supercúmulo Local (tamén chamado Supercúmulo de Virgo), que ten un diámetro de 100 millóns de anos luz. Recentemente propúxose a existencia do supercúmulo Lainakea, que incluiría como parte del ao anteriormente definido supercúmulo de Virgo. O Supercúmulo Local contén un total de 1015 veces a masa do Sol.
O Supercúmulo Local, no que está a Vía Láctea, está movéndose en dirección ao Grande Atractor, debido á gran forza gravitatoria deste, a unha velocidade de varios centos de quilómetros por segundo. A maior agrupación preto do Universo local é o Filamento Perseus–Pegasus. Contén o supercúmulo de Perseus e esténdese ao longo de mil millóns de anos luz, polo que que é unha das maiores estruturas coñecidas do Universo.