Tapiz de Bayeux
bordado do século XI que describe a conquista normanda de Inglaterra / From Wikipedia, the free encyclopedia
O Tapiz de Bayeux, tamén coñecido como o Tapiz da raíña Matilde, e aínda antes como "Telle de Conquest" (por "tea da Conquista") é un bordado (antes "tapiz de puntos con agulla") do século XI, inscrito dende 2007 no rexistro Memoria do mundo pola UNESCO.
Tapiz de Bayeux | |
---|---|
Escena que representa o bispo Odo de Bayeux co bastón (baculum), signo de autoridade, durante a batalla de Hastings, alentando os combatentes. | |
Data | Entre 1066 e 1082 |
Técnica | Bordado |
Dimensións | 50 cm × 6 838 cm |
Localización | Museo do Tapiz de Bayeux (Bayeux) |
Describe feitos acontecidos dende finais do reinado do rei de Inglaterra Eduardo o Confesor en 1064 até a batalla de Hastings en 1066, na que estaba en xogo o trono de Inglaterra, contestado a Harold Godwinson por Guillerme, duque de Normandía. Nel detállanse os eventos principais da batalla; o resultado desta determinou a conquista normanda de Inglaterra,[1] mais case a metade das escenas relatan feitos anteriores á invasión en si mesma.[2] Ao parecer foi encargado por Odo de Bayeux, medio-irmán de Guillerme, e realizado no transcurso dos anos seguintes á conquista.
Aínda que moi favorábel a Guillerme o Conquistador, ata o punto de ser considerado ás veces como unha obra de propaganda, ten un valor documental inestimábel para o coñecemento do século XI normando e inglés. Dá información sobre vestimenta, castelos, navíos e as condicións de vida naquela época. Neste aspecto, constitúe un dos raros exemplares de arte románica profana.
Conservado ata o final do século XVIII no Tesouro da catedral de Bayeux, librouse por pouco da destrución durante a Revolución francesa. Agora pode verse no centro Guillerme o Conquistador[3], enteiramente dedicado a el.